30.6.05

Aprobado

Finalmente foi aprobado o matrimonio entre homosexuais. Despois da que tedes montado... tócavos casar!!! Epa!! Pd: Un segue sen entender porque tanta interese por casar... cada tolo co seu tema.

Novas para todos os gustos

Caralladiñas para distraervos un chisco. Mentres o Ministro de Interior Belga se tortura tentando buscar posibeis excusas, nós sinceramente pensamos que non as hai... os monos son máis intelixentes. Outros que podian ser máis lumbreras, avisando a tempo, son estes científicos americanos; a ver se a próxima se adiantan na publicación e non temos que montar espectáculos tan chungos como unha guerra mundial. Máis simpáticos son certos anuncios, se ben dubido moito da eficacia da campaña, xa sabedes, fas un anuncio así e despois a xente quédase coa copla... pero se esquece do producto que se vende. Sonche cousas. Non é por ser malévolo pero non creo que con estas medidas animes aos mellores pensamentos; a fin de contas o xefe sempre é o xefe... Dende logo o máis abusurdo é do seguinte gilipollas; eu pregúntome, a súa meritoria fazaña deuna el a coñecer?? Todavía peor.

29.6.05

Extraña Sensación

Levo un par de días cunha idea dándome voltas á cabeza... si, si... o noso destino... o destino como pobo, o destino dunha boa parte dos galegos xa se cumpríu, penso que non exasero moito cando o digo pq. é así como o sinto. Levabamos anos desexandoo, querendo gañar a partida e botalo fora... agora teremos que buscar novas metas e derrubar outros mitos... que se preparen pq. agora xa sabemos o que é vencer (na derrota pero vencer).... Pacón, Pacón... fuches un neno malo... tócache a ti... es o próximo... vaite poñendo a remollo... imoschas cortar (as barbas).

Animaladas

Determinadas persoas -sobre todo masculinas heterosexuais- van por aí pensando que teñen o temita sexual máis que dominado, mesmo chegando a pensar que son unhes auténticos animais do sexo. Nas alturas nas que estamos un xa non sabe que ven significando iso, ...Prexuizos fóra dime aqui un compañeiro... Eu dende logo non sei como tomalo pero váleme para explicar moitas das cousas que para min até hoxe non tiñan resposta. PD: Eu quería darlle outro aire a este texto, algo máis no meu estilo, preguntarvos o voso animal favorito e así sacar eu as miñas conclusións e saiume esta especie de alegato contra os perxuizos, cousas do compañeiro, seica anda medio alporizado polas excursións que están montando determinadas organizacións. PD: Non vos vaiades polas polas... Zoofilia non, que xa sei por onde o queredes tomar, visiosiños.

Xa berrean

¿Non os escoitades? A reata de bestas centralistas levando as mans a cabeza e berrando como choronas de enterro mal pagado... ¿Débeda histórica? Pois si, os galegos levamos vinte anos de retraso en todo. ¡Xa era tempo de andar a corpo!

28.6.05

Ex

Num dia coma hoje, e especialmente adicado para os que viajam habitualmente pola autoestrada de Vigo a Ourense, um pouco de humor dos Aduaneiros sem Fronteiras.

Botámolos: Tempo de festa... tempo de cantar

Deseño extraido de Arredemo
Adeus Don Manuel, adeus. Hoxe non nos toca protestar nin emigrar,... hoxe tócache a ti facer as maletas, por fin, por unha vez, non era sen tempo. Imaxino que gardarás moitos recordos,... das moitas cacerias, das moitas festas gastronómicas, dos Xacobeos,... foron moitos anos na mesma cadeira. Terás tamén espazo para outras imaxes non tan agradabeis, as do prestige afundindo, as dos conselleiros dicindo estupideces, as dos teus colaboradores afirmando que o chapapote se ía solidificar, as do propio Mariano e os seus "hilitos", a medalla ao "insigne" Cascos; tampouco esquecemos o traballo do can de palleiro que quixo ser doberman, o Ex-Conselleiro Xaime Pita. Pobre Don Manuel, quixeches ser o novo Xelmirez, o novo Apóstolo e ao final démosche as costas, ou quizais nin iso xa que, ao fin e ao cabo gañaches ti, e iso igual é o que máis che doe. O día manda, todos a cantar.... Aqui as miñas propostas, espero que señan optimas para celebralo. Zeca Afonso - Venham mais cinco Fuxan Os Ventos Sementeira

Chimpamo-los!

Ao fim, fomos quem de chimpar aos caciques, de botá-los, de mandá-los fora. A Galiza estrenhida por fim evacua, vazia o intestino. Foi duro, parecia que non ia sair, que con tanto tempo alí dentro, já estavam secos, endurecidos, aferrados à cada uns dos pequenos pregues da parede do intestino. Mas depois duma semana enteira no escusado, fomos quem de botá-los, e isso que botar algo tão grande, duro, reseso e revenido por um burato tão pequeno como o duma urna, não havia ser doado. Sufrimos, mas o alivio que sentimos é imenso... Agora, a único que temo, é que os licores da terra, os chouriços e as empanadas que tomemos para celebrá-lo, vão produzir outra digestão, e já sabedes onde acabam todas as grandes paparotas... Que nunca mais volvamos deixar que nos mandem os caciques!

27.6.05

Respirando

Galiza contivo o aire durante unha semana. Despois do cheiro dos últimos anos, a tensión pagou a pena. A seguinte bocanada será osíxeno puro, fresco e con arrecendo a historia, futuro e chorima. Coido que vou tolear de alegría. ¿Os foghetes? ¿Onede están os foghetes? ¿E o licorcafé?

Nova Irreverente

As eleccións poden traer cola e de seguro van dar máis que falar en diferentes ámbitos. Xa se está comentando o número de altos cargos que posibelmente perdan os seus postos de traballo. Visto o visto até o máis pintado (ollo, o comentario vai con segundas) está a buscar algún novo traballiño.

Un Galego na NBA

Quizais sexa un dos poucos sitios onde un galego non chegara nunca até hoxe. En breve este tamén pasará a ser outro máis, outro nome a engadir a unha longa lista de espazos "conquistados" por galegos. Estamos a falar dun rapaz(ote) chamado Fran Vázquez quen seguramente será escollido para participar nesa competición. Por se fora pouco, é natural de Chantada, Denominación de Orixe, vamos, para que se enteren. Moito ánimo e apio para el dende aqui.

Primeiro texto galego

Como sabedes fai uns días deuse a coñecer o achádego do primeiro texto escrito en galego, (ver vieiros) e (ver vieiros II), non é exactamente así posto que en realidade xa era coñecido mais non tiña tal consideración. Trátase do chamado Foro do Burgo de Caldelas, escrito durante o reinado do monarca Afonso IX (dende o punto de vista galego o máis correcto sería chamarlle Afonso VIII), rei cuxos restos repousan na Capela Real (ou das Reliquias) da Catedral de Santiago de Compostela, xunto cos do seu pai Fernando II, o Conde Raimundo de Borgoña e Conde Pedro Froilaz de Traba. A parte da importancia da datación do propio documento é relevante e moi clarificador o feito de que o texto pertenza á chancelería real. Cada quen que saque as conclusións que estime oportunas. Sartego de Afonso IX Detalle Sartego Fernando II Panteón Real

Visión borrosa

Causa unha extraña sensación ler artigos nos xornais nos que se expresa a súa admiración e mesmo envexa pola modernidade lexislativa de España (referíndose á lei de matrimonios entre homosexuais); por se fora pouco algún ainda se atreve a afirmar que unha vez máis España se lles adianta!! Seguro que falan de España? Menudo asombro. Por moito que o penso só lle encontro unha explicación razoabel: estes simpáticos güiris teñen unha imaxe moi distorsionada; sonche moitas as festas e moito alcohol o que toman cando veñen, coitadiños.

Pensamentos Rancios

Os pensamentos rancios están de moda. Escoitei hoxe unhas declaracións nunha TV de corte relixiosa nas que unha muller reeditaba -máis ou menos- aquela mítica frase da película "airbag", si, home, lembrades aquelo de "la culpa es de las madres"? Iso viña sendo o que afirmaba a "respetabel" tertuliana ao referirse á vestimenta que levan as mulleres, concretamente as rapaciñas. Xa vos aclaro que ela non utilizou tal expresión, faltaría máis, pero o sentido era o mesmo. O peor do conto é que dunha maneira ou doutra esta señora xustificaba que houbera casos de acoso ou abuso contra estas cativas "por ir provocando", algo así como aquelo tan vello de "si, pero ela algo faría", xa sabedes.

Paciente espera

Lonxe do pronosticado con anterioridade, é dicir, que esta semaniña de prorroga electoral sería tensa e crispante, eu diría que está sendo todo o contrario, un tempo de serena tranquilidade, claro que entre celebracións festeiras e posteriores resacas, quen lembrou todo isto? Creo que nin eles. A incognita vaise despexar en breve e quizais daquela este ambiente de paz se rompa por ambos bandos, bon, de momento a única cousa que podemos sacar como conclusión final é: Boa falla nos fan estes políticos, non si?

24.6.05

As drogas sonche malas

Pois si amigos, sonche malas... non se pode ir esnifando calquer cousas por aí, despois pasanche cousas como ao seguinte Drogas malas

As eleccións máis largas do mundo

Non sei exactamente a que é debido pero penso que algo temos que ter para que sempre sexamos nós, os galegos, os causantes/vítimas de cousas como o resultado das presentes eleccións -nunca mellor dito-. A min particularmente gustariame pertencer a un pobo máis normal, onde as cousas se solucionasen -ou non- pero no mesmo momento, no mesmo día e non ter que andar dándolle constantemente voltas ao tópico de se subimos ou baixamos a escaleira. Que cruz!!! pero é a nosa maldita cruz e outra volta decidimos non decidir nada, sempre igual. Paréceme que xa está ben diso, hai que ser serios por unha vez pero non, seguimos nas mesmas de sempre, até cando? Quen sabe, agora que o audiovisual galego está de "moda" (ou así nolo presentan) quizais a alguén se lle ocurra a realización dunha película cómica sobre "as eleccións máis largas do mundo", imaxino que se iso acontece probabelmente esa persoa non será galega para variar; en calquer caso xa vos adianto que eu paso de ir vela.

Un dos mellores contos

Extraido do Kormanusa penso que é un dos mellores contos que coñezo. Pepemari e os avións

Novas Friquis 2

Esta visto, co avance das ciencias todo se pode arranxar... primeiro afirmaron que a homosexualidade tiña cura e agora tamén a masturbación; a ver se pronto atopan o remedio para a estupidez. Cousas veredes. Artigo Cadena Ser Documento

San Xoan 3

San Xoan 2

San Xoan 1

Misa no palco da orquestra

Noite do São João, onze da noite. Achego-me ao bairro dos Chãos em Monforte, por ver de comer uma sardinha e de saltar a fogueira. É o único bairro onde ainda se celebra o solsticio do verão. No resto de bairros e parróquias, a gente marchou, outra morreu, outros chegaram e fizeram chalets, e já ninguem monta a fogueira. Ao chegar aos Chãos, um feixe de gente diante do palco da festa. E enriba do palco, o senhor cura da parróquia, com o seu coro de guitarras desafinadas e toda a parafernália eclesiastica. Son-che cousas que dão que pensar... O senhor cura transmutando pão e vinho en carne e sangue no escenário onde uns minutos depois a carne mulata duma cantante com pouca voz, menos roupa e torpes movementos fará ferver o sangue dos membros da terceira idade que tratam de bailar um passodoble. O senhor cura da igreja católica santificando uma festa essencialmente pagã, onde o elemento central é o lume, um simbolo pre-cristão. A cacharela apenas umas quantas bases de palés com cartões. Muito lume ao arrincar, mas durou apenas quinze minutos. A tradição vai esmorecendo.

23.6.05

Para facerse unha idea

Para que vos fagades unha idea do que é tocar a gaita no Monte Branco aló en Cameriñas.

Chamadas

Levántaste unha mañá, un día normal como outro calquera, e recibes unha chamada do teu mellor amigo na que che informa da súa pronta voda e a túa conseguinte invitación ao evento. Vai pasando o tempo, ti evidentemente deixalo ir coa esperanza de que recúe, de que recapacite mentres estea a tempo mais finalmente non, ves que a data marcada chega e que a cousa non ten remedio. Preséntaste todo guapo, mesmo recén duchado, e participas do evento mais cun regusto amargo que che fai pensar no cambio de estatus por parte do teu compañeiro. Pensas, como é lóxico, que xa non vai ser a mesma cousa, que nunca máis será quen foi, tampouco lle das máis importancia. Todo transcurre con normalidade, remata o acto e marchan a correspondente viaxe de lúa de mel. De pronto, outro día, normal como o primeiro, recibes outra chamada anunciando o seu retorno e unha nova sorpresa, cal é??? Non se lles pode deixar sós, está claro. En fin, parabens para ambos e grande festa para todos.

Novas Friquis

Moitas veces pensariamos que a arte de hoxe é cousa de crianças pero isto pasa do límite. Artigo Voz de Galicia E alguén dirá que o autor quixo representar algo,bla,bla,.... ou algunha parvada así. O que fode do choio é pensar que ese animal pode gañarse a vida -e mellor ca un- facendo algo para o que eu me considero inutil total.

Noite de San Xoan

Chegou unha das noites máis singulares do ano, a véspera do San Xoán, unha mistura de elementos da natureza, a noite máis curta do ano e o propio lume, paganismo na súa máxima expresión. Para ben ou para mal esta noite vaise tornando nun evento etílico, unha festa sen esencia, unha simple excusa para proceder a pillar a habitual lascarda. Asumamos xa que logo esta nova condición EPA!!! Tamén o folclore sofre as deturpacións propias dos medios, exportando modelos a lugares onde non son tradición, detalles como saltar nonseicantas ondas na praia do Orzán ou queimar fallas na Cruña.

22.6.05

O sartego de Pedro Froilaz de Traba

Aqui vos presento unha foto do sartego do Señor de Galiza, o Conde Pedro Froilaz de Traba (ou Trava). Atópase na capela das reliquias da Catedral de Santiago, xunto con personaxes tan importantes como os reises Fernando II, Afonso IX ou o Conde Raimundo de Borgoña. Non podia ser menos. Imaxino que xa se trataba dunha persoa de moi avanzada idade, acho que a representación non deixa lugar a dúbidas. Somentes direi que é unha personaxe fundamental na nosa historia e posibelmente tamén na historia de España e Portugal. Recoñezo a miña subxectividade neste caso.

Santo Andres, Ortegal e Estaca de Bares

Un domingo calquera, nunha tarde máis ben tirando a gris, cuasi máis propia do inverno que do recén chegado vrao decidimos tomar camiño cara o norte e visitar as afastadas terras de Estaca de Bares e o Cabo Ortegal. Recoñezo que tiña moitas ganas de facer esta visita, adiada até hoxe por circunstancias que non veñen ao caso pero por fin o día chegou. A excursión trouxome á cabeza lonxanos recordos da miñas estadías aló na Irlanda, mais non foron as únicas imaxes, lembrei tamén aquela primeira vez -nocturna practicamente- na que visitei o santuario de Santo Andrés de Teixido xunto co compañeiro Perucho. Que mítica experiencia!! Cando o sol mostraba signos de querer deitarse... o día finalmente abriu e as raiolas enchian o verde espazo cunha luminosidade especial. Tomamos o atallo máis longo, pasando perto da pequena aldeiña onde se atopa o famoso santuario, xa sabedes, unha mínima poboación situada a carón dun cantil de tal modo que da a impresión de que vai esbarar pola aba do monte até caer no Atlántico. Como non podia ser doutra maneira, levado pola atmosfera, tomei a gaita e botei unhas cantas pezas, quizais máis mal que ben pero..., sei ben que iso é moi peliculeiro mais vaiche moito comigo. Aqui tendes unha pequena mostra.

Congreso de xinecologos

Coméntame unha lingua amiga que nun recente congreso de médicos xinecólogos tivo "a honra" de tocar a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, en representación do que debería ser o folclore do noso pais. Até o propio sr. Foxo se presentou (como se agora se dedicasen á BBC -b(v)odas, bautizos e comunións-) e dirixiu o evento, mostrándolle as "lindezas da súa arte" aos señores profesionais de medicina. Por se isto fose pouco e ante un público extranxeiro, pouco dado segundo parece á temática galega, procedeu a interpretar unha serie de pezas alóctonas, concretamente rancheiras!!! Isto é o que se fai coas escolas públicas de gaita. Pd: Quedalle tocar co circo.

Creando cadeas

Estan a facer unha proposta para unir as estatuas de Castelao e Pablo Iglesias en Santiago cunha cadea humana, para simbolizar a necesidade de que o PSOE e o BNG colaboren por facer un país novo. Mais info aquí.

Celebración adiada

Pensei que isto sería máis complexo. Vexo que estades mandando as tipicas mensaxes de "proba de". Eu quixera estrearme falando dunha festa adiada, espero que non por moito tempo, a festa de democracia neste currunchiño chamado Galiza. Foi unha magoa non poder proceder cos foguetes de 7 estalos o domingo, 19 de Xuño, día das eleccións do noso parlamento mais se as cousas se tercian como deberían, poderémolo celebrar en breve e se cabe con maior forza que antes, cuestión de paciencia, resignación ou masoquismo intrinseco ao noso ser. Hai que roelo. Tensa é a espera. Adrian Solovio.

unha proba

outra proba.

20.6.05

Primeira mensaxe

Benvidos a bitacora do Alpendre.