4.4.06

O nome da rúas

Onte, logo de moitos anos de espera, nin máis nin menos que dende 1936, o Gobernador Civil Francisco Pérez Carballo recibiu unha merecida homenaxe por parte do Concello da Cruña: Poñerlle o seu nome a unha rúa. Un simple feito simbólico mais dende logo unha máis que necesaria lembranza, así como cara a súa dona, por teren sido ambos os dous cruelmente asasinados nos primeiros momentos do levantamento que logo rematou na cruel Guerra Civil. Lembremos que o seu delicto non foi outro máis que o de permanecer leal no posto que lle foi asignado polo goberno lexítimo. O dela... simplemente ser súa muller. A barbarie daqueles feitos aínda está fresca na memoria colectiva, ben é certo, mais refrescarnos as ideas nunca lle veu mal a unha sociedade tan afeita a convivir cos símbolos da vella ditadura, como se isto fose a cousa máis normal do mundo. Gostoume a puntualización feita polo voceiro do BNG, Henrique Tello, mágoa que non veña recollida na prensa. Era unha reflexión de viva voz, unha pregunta axeitada e clara na que se cuestionaba se tiña algún sentido este tipo de actos, concederlle unha rúa a un asasinado no levantamento do 36, mentres noutras rúas da cidade se lle segue a render homenaxe ao propio ditador e aos seus secuaces. Contrasta este posicionamento coa actitude repunante do Sr. Rodriguez Corcoba, representante local do PP, quen unha vez máis, seguindo a liña xa tradicional na súa formación, aliñouse co "bando vencedor", pretendendo negarlle esa cativa e insuficiente mostra de respeito e dignidade por quen non fixo máis que cumprir o seu cometido como Gobernador Civil. Asdo. Xoán de Requeixo. Pd: Alguén debería engadir certos delictos ao Código Penal... Non é a primeira vez que o digo.

1 comentário:

Trasancos disse...

Estou dacordo, hoxe ainda non desterramos da nosa sociedade moitos sentimentos trasnoitados, como o do señor Corcoba. Eu tamen penso que facer apoloxia ou excusar este tipo de manifestacións a prol do fascismo debería ser delicto.