17.9.06

Excursión / depresión

Onte tres membros do grupo decidimos dar unha voltiña e tentamos inutilmente visitar a Illa de San Simón. Foi imposibel dado que todas as prazas do barco que supostamente tiña que levanos até alí xa estaban completas.

Pra non voltar a casa coas maos baleiras optamos por desprazarnos até o mirador do Penedo, un outeiro alto en cuxo curuto hai unha hermida, onde no seu día celebran a súa correspondente romaría.

A visita supostamente tiña que ser abraiante dado que o citado mirador, como se fose un emprazamento estratéxico, ten unha situación magnífica, cunhas vistas que van dende o Castelo de Soutomaior, Arcade,... até a Ría de Vigo toda, coas Cies como excepcional fondo.

Por desgraza, a excursión foi todo o contrario de esperado. Onde tiña que haber beleza, natureza, nesa perfecta mistura entre terra e mar que só as nosas rías saben ofrecer; onde tiña que haber todo iso atopamos exactamente o contrario, unha desoladora paisaxe de árbores negras e un forte cheiro a queimado, como se onte mesmo estivese ardendo.

Imaxino que calquera de nós, que cometa a torpeza de dar unha volta polo paisíño, terá a mesma sensación de desacougo, depresión e raiba. Eu dende logo antes de repetir experiencia tentarei asegurarme primeiro como está o entorno a visitar. Non quero sentir de novo esta sorte de masoquismo absurdo e doloroso.

Fernán da Veiga

Sem comentários: