1.9.06

Traxicomedia en varios actos...

Estamos ante unha obra en varios actos:

Primeiro Acto: Os pais comenten fraude.

Comeza cando unhes pais vense na obriga de realizar todo tipo de trampas e argucias para -como bos proxenitores- darlles ás súas crianzas o mellor daquelo que teñen ao alcance da súa mao -iso sí, sen tirar un patacón do peto-. Xa que logo, cambian o padrón, a declaración da renda, etc... para conseguir un bo posto nas listas de admisión de determinados colexios concertados. Qué bon pai/nai non o faría???

Sabedores son de que coa súa acción moitos outros pais/nais de tantos e tantos fillos, cos mesmos direitos ca eles ou máis, dado que eles si cumpren cos correspondentes requerimentos, terán que levar a súa prole a outras escolas, posibelmente peores e máis distantes dos seus fogares.

Resignados asumen o mal feito: todo sexa por unha boa educación. A fin de contas é un mal menor... para eles, claro.

Segundo acto: Alguén denuncia, comeza o proceso.

Logo da denuncia dalgún pai... o inxusto proceso comeza a tomar forma, procedendo á revisión dos requerimentos previos e logo diso ao establecemento dunhas novas listas de admisión para eses centros.

Por desgraza, os nosos proxenitores favoritos non teñen a sorte de cara desta volta e botan de menos esa "mao amiga" dentro da consellería, esa mesma que en tantas ocasión fixo a vista gorda, deixándolles levar a cabo a súa excelente laboura como pais... é que agora cambiou o goberno... cachis!

O resultado é o esperado... os seus fillos non poden -que inxustiza- entrar nas prazas que de inicio tiñan "asignadas". Que inxusto!

Terceiro acto: Escenificación dunha pataleta.

Despois de percorrer todos os medios de comunicación da cidade e despois tamén de ameazar -manda carallo na Habana!- con diversas denuncias por "irregularidades" no proceso... os honestos pais non ven outra saida á súa dramática situación que a de escenificar unha esperpéntica manifestación diante dos responsabeis de Educación.

Entre outras cousas argumentan que os seus filliños van ter que estudar separadiños dos seus irmaos maiores... aínda que, como se pode supoñer, no seu tempo moitos destes tampouco cumpriran cos requisitos para poder acceder á praza! Iso non importa, detalles menores.

Case lles era millor dicir que os seus fillos teñen que entrar pq. son máis guapos! ou directamente, "en verdad es justo y necesario", ter algo de vergoña e calar a boca!

FIN ?

Quen sabe se a obra continúa?

Dende logo eu non vin cousa tan traxicómica e patética. O máis lamentabel do conto, alén da falla de vergoña en sí mesma, é que ninguén dixo nada a respecto deses outros pais e eses fillos que cumprindo co marcado... quedaron fóra do proceso de admisión! Toda unha homenaxe á desmemoria!

Xoan de Requeixo.

Pd: Espero non me ameacen a min tamén cunha denuncia. Como poden comprender... todo esto non é máis que unha mala ocorrencia, falta de graza, produto dos falsos estímulos que me chegan e perturban e sobre todo dun maxín enfermo da tan galega desconfianza.

1 comentário:

Anónimo disse...

O que deberian facer é expoñer unha lista cos nomes dos pais en cuestión e as falcatruadas feitas.

A ver se así lles viña esa vergoña da cal carecen.

Fernán da Veiga