31.3.06

SOS Touriñán

Calquera que vaia de excursión pola Costa da Morte e vexa o acontecido aos pes do Faro Vilán, senlleiro emblema de Camariñas, opinará coma min... que iso non é, que non podemos deixar NUNCA MÁIS que iso aconteza. Temos ocasión de demostralo e presionar a quen corresponda para esixir que fagan, por unha vez, as cousas como deben ser feitas. Aínda descoñecendo pormenores, o meu sinceiro apoio á campaña: SOS Touriñán Asdo. Fernán da Veiga

30.3.06

Tras un simple café

Entramos nun café... alí nunha mesa atópase un home, un simple coñecido sin máis; xiro a cabeza e saudoo cun simple e seco Ola. Transcurridos os minutos a súa voz alterada irrumpe no "escenario" que é o propio bar. Emerxe entre todas as outras voces para falarlle á muller que ten enfrente, na súa mesa. Berra e móvese de xeito nervioso, incontrolado e cun marcado aceno autoritario. Ela mentres tanto afánase en calmalo, pedíndolle desculpas, dicíndolle non sei que cousas co obxecto de non chamar máis a atención ás restantes persoas do local. Logo dunhes días, repítese a escena: o mesmo home, a mesma muller, os mesmos comentarios abusivos, a mesma reacción de vergonza, de culpabilidade, asumindo o seu rol submiso, por parte da muller. Todo son sensacións, nunca feitos probados. Simplemente estímulos que impactan nos meus máis simples sentidos. Algo hai no aire, fede cun certo tufillo a maltrato, psicolóxico como pouco... físico igual non... quizais mañá. Apuras o café, recolles as cousas da mesa e sen máis preguntas, marchas como calquer cliente. Vaste coa dúbida de se é un invento teu ou é un caso real. Non creo que chegue nunca a sabelo ou... tal vez no próximo café, quen o sabe. Asdo. Fernán da Veiga. Pd: Por desgraza este mal relato non é ficticio. Esa sensación, real ou non, non é unha ilusión. Tristemente é verídico aínda que non poida ir máis aló do meramente subxeitivo.

28.3.06

Home péndulo

É un homiño pequeno, que vai e ven sen apenas moverse do sitio. Gosta de andar a medio camiño entre Sol e Lúa, entre luz e sombra. Marcha hoxe lonxe para chegar cedo onte, para chegar, coma sempre, a ningures. Home Péndulo, sempre igual, repite a mesma cantinela... hoxe triste e mañá ledo. Aínda está a tempo... quizais chegue a Home Trompo, ben pouco lle queda. Asdo. Eansinho de Cotón.

27.3.06

A morte do cine indie en Vigo

Esta fin de semana tiven ocasión de ver unha peli neses multicines vigueses chamados Multicines Norte, onde en máis de unha vez moitos de nós tivemos que citarnos para poder ver cine non proxectado nas carteleiras comerciais das grandes superficies. E quizáis esa película que fun ver, Tsotsi, foi a última da que poida disfrutar nesa emblemática institución. Antes pecharon Multicines Centro, agora, cun futuro complicado, os Norte están a piques de, coma os seus tocaios, pasar a mellor vida. Dende eiquí fago un chamamento a favor deste tipo de establecementos, que consideron fundamentais nunha cidade como Vigo. As institución deberían facer algo para que a cultura do cine, máis presente en lugares coma este ca nas xigantescas superficies onde só prima o comercial, permaneza na nosa cidade ainda que, ben é certo, somos poucos os que gostamos de non consumir a mesma merda comercial. Unha pena. Paquito

26.3.06

Hai futuro

Recén chegado e aínda sen recuperarme do Xantar Gaiteiro 2006, apuro os minutos antes de deitarme para subir esta simpática foto. Un rapaciño pequeno, un precioso pícaro, paseábase entre os gaiteiros coa súa gaitiña de xoguete. Termaba dela como se fose un home grande e movía os dediños como se estivera tocando en verdade a máis fermosa muiñeira. Alén diso, o pequeno tiña unha espectacular habilidade para marcar o ritmo co pé, xa lle gustaría a moitos -a min, por exemplo-. Noutro lado da sala outro cativo, loiro de anuncio, boneco de pan, brincaba e bailaba cunha cariña e unhes ollos que eran todo un poema. Desbordaba ledicia. Marabilla pensar que hai futuro para a gaita e para as música do país e ven con forza... traeno no sangue. Asdo. Eáns de Cotón

Foise co vento

Foto Eduardo. A Voz de Galicia
Marcha o sirciño e ao día seguinte xa se pon a súa cidade patas para arriba!!! Ademáis de gracioso -espero que non houbera feridos- é moi simbólico o feito de que caera o pao coa bandeira, coma quen que ao noso medio non lle gustou a afronta que se fixo a boa parte da cidadanía e veciñanza e este correspondeunos. Grazas! Asdo. Fernán da Veiga

25.3.06

Xantar Gaiteiro 2006

O mundo gaiteiro galego celebrará mañá domingo, en Carballo (A Coruña), a súa anual festa de confraternización, e xa van XI!!! Outra ocasión máis para xuntármonos todos, gaiteiros e non gaiteiros, e desfrutar do patrimonio musical e cultural que nos une e do que estamos tan orgullosos e dispostos a defender... claro que entre amigos, co cocido e co viño... calquera se anima. Desta volta conta con máis actividades: exposición de instrumentos e fotos, teatro, humor e como non, música na rúa. Vemonos aló. Asdo. Eáns de Cotón.

22.3.06

Primavera e as alerxias

Non sei onde escoitei que, por mor da choiva, esta primavera habería moitos máis casos de alerxías do habitual. Non pensei que chegaría a cousa a tales extremos. Vaianse vacinando señores e tranquilos... que ha de haber medicación para todos. Asdo. Xoán de Requeixo

O Principio do Fin

Hoxe todos temos motivos para estar contentos. Hoxe a esperanza ábrese un oco nos coranzons de moita xente. Por fin parece que remata un enfrentamento que tanto sufrimento e victimas deixou. Deuse o primeiro paso do que probablemente sexa un longo e difícil proceso, pero un proceso sen mortes, sen bombas, sen medos. Todos queremos estar vivindo un momento histórico no que, desta vez si, remate por fin a violencia e comecemos a utilizar as palabras para solucionar os problemas. Alguén dicia esta mañá que o que comezou hoxe xa é un proceso imparable. Que así sexa, porque é o que moitos desexamos, a pesar daqueles que ainda non cren, ou non queren crer, que é necesario falar para entenderse, que para negociar e solucionar os conflictos é preciso dialogar. Hoxe todos desexamos comezar a falar en pasado da violencia, dos atentados e das mortes. Como decía a vicepresidenta do goberno, todos queremos que esto sexa o principio do fin, e é que a pesar da prudencia, a esperanza ábrese camiño Non máis balas Si máis palabras Trasancos

Novo horizonte

Falando en termos persoais hoxe tiña un día bastante negro. Comecei agobiado e algo desfeito, nese estado tan común en min dun tempo a esta parte e tan próximo ao que se entende por depresión. Todo cambiou de xeito inesperado. A media mañán unha nova na radio fixo cambiar o panorama dun xeito radical; abriuse un novo horizonte, diferente, esperanzador, prometedor e ilusionante. Terei tempo mañá de caer da burra, de por os pes no chao e facer reflexións máis calmas e tranquilas. Hoxe non quero saber nada diso... somentes teño ganas de permanecer neste estado de ilusión inxenua, de ledicia case infantil, coma un neno que pensa que un día todas as guerras e a violencia terán, por fin, remate. Deixenme desfrutar un día Sres. Políticos. Asdo. Fernán da Veiga

20.3.06

" A REVOLUCIÓN VIOLETA"

Queren facer unha festa... Queren que marzo sexa a nosa festa.. Queren a participación social das mulleres do noso país... Queren fomentar a toma de decisións das mulleres na vida e na sociedade... Queren crear un espazo de liberdade, de igualdade, de imaxinación, de creatividade.. Queren tinguir a nosa ruta de violeta... Queren que todo o ano se converta no espíritu violeta... Artistas todas, poetas, cantantes, cómicas.. creadoras galegas que estades a percorrer o noso país.. ¡MOITAS GRAZAS!

17.3.06

Sucedeu en Napoli

Unha noite de verán, dous amigos voltaban totalmente lascardados logo dunha longa noite de troula. As rúas de Napoli semellaban máis seguras que nunca, sen dúbida porque o noso estado facía que todo dese igual. Camiñando por via Toledo, indo cara casa do meu compañeiro, atopamos unha flor de gran tamaño no chan. A lascarda fixo que fixeramos fotos con ela e todo en plena rúa. Era fermosa, cuns pétalos vermellos moi rechamantes. Ainda cegos, xa no piso, o meu compañeiro tivo os arrestos para meter ese anaco de flora nun tarro con auga, para a súa mellor conservación. Tras este heroico xesto -heroico pq apenas nos mantiñamos en pé-, metémonos na cama a durmir a papa. Pasaron os días, e a flor seguía no seu lugar, relucinte, e formara parte de tal maneira do salón que nin nos decatamos da súa presencia en días posteriores. Pero chegou un día en que a compañeira de piso do meu colgega reparou nela, e fixo unha pregunta realmente templaria: "¿Hey, mucho aguanta esa flor, no? ¿No será de plástico?" Botoulle a man, e a súa mirada cara nós foi suficiente para decatarnos de que sí, a lascarda fora de carallo.

Homenaxe

Viña no xornal a deprimente reseña de que o concello da Cruña segue nas mesmas... non só non axuda á recuperación da memoria das atrocidades cometidas se non que entorpece o desenvolvemento deste tipo de xornadas e actos, pretendendo cobrarlle á organización a cesión do Teatro Rosalía de Castro, razón pola cal o evento terá lugar no PARANINFO DA UNIVERSIDADE DA CRUÑA ÁS 19 HORAS DE HOXE, venres 17 de Marzo. Vexo que o Sirciño deixou creou boa escola... deixando na súa cadeira ao seu alumno máis aventaxado. Asdo. Xoán de Requeixo

14.3.06

Destino equivocado

O Sr. Presidente, agochado trala mesa do seu despacho na Moncloa, cabila por unhes momentos até chegar á conclusión precisa: Destino equivocado. Quixo librarse del mandandoo pro ceo... no canto de largalo directamente pro inferno. Os erros páganse, iso é claro e vai ter que lamentalo en máis dunha ocasión. Xa o veremos. Asdo. Xoán de Requeixo

Mercado laboral

Xa de por sí, unha persoa que está no paro, que quere traballar e non atopa algo que canto menos se aproxime ós coñecementos que un ten, chega un momento de atrofia por non atopar nada. Pero o máis triste de todo, polo que estou vendo dende hai tempo, é que nas poucas fontes serias de búsqueda de traballo que hai (infojobs, infoempleo, a prensa escrita...) estanse enchendo de merda cada vez máis, o que da a pensar se realmente adican un espazo a axudar a xente a ter un traballo, ou simplemente gañar cartos. E dígoo porque cada vez maís, as ETT´s están copando máis esas fontes, cada día é máis complicado atopar a unha empresa que se dirixa a un co seu propio anuncio, todo está cheo de merda das ETT´s, é dicir, enchendo máis de intermediarios o asunto, cheo de academias que prometen o ouro e o mouro, e demáis porquerías. Gustaríame que iso poidese verse dalgunha maneira, porque xa un está canso de buscar algo decente, canto máis ten que remexer no medio da merda para atopalo. Paquito

Resaka


Epi de resaka
O amigo Epi non foi de botellón, non, foiche de cea alcoholica no piso de determinado elemento. Aí o tendes, todo desfeito -probiño, quere dar lástima e todo!- despois de tragar nonseicantas cervexas e outras tantas botellas de Rioxa (do bon, que conste en acta). A ver se te recuperas para a próxima. Coidate, meu. Asdo. Pepiño das Festas

13.3.06

Manipulación


Cando as palabras se convirten en balas...
Novamente asistimos ao penoso espectáculo de ter que aturar o concerto ao unísono de quen pretendeu roubarnos o voto e pretende, unha vez máis, roubarnos a verdade. Cual "conxura dos necios", como miserabeis para os que todo vale, xogan as súas cartas coa vantaxe certa de ter sempre un as na manga. Non podemos permitirnos o luxo de perder a partida; nestas alturas temos moito en xogo, moito máis que outros 4 anos de goberno autoritario, moito máis ca iso. asdo. Fernán da Veiga Pd: A imaxe que se adxunta -descoñezo o autor- é bastante elocuente e clarificadora da situación na que estamos... Pódese retratar nela a diversos xornalistas, políticos, militares, relixiosos...

9.3.06

Vaia por deus...

Teño que desdicir o meu propio artigo desta semán onde falaba dos óleos do Generalísimo, esas obras de arte que ó parecer pintara o carniceiro nº 1 deste país. Ó parecer, todo é unha farsa, que, por outro lado, define ben ás claras que eses cuadros, ainda que cutres, eran demasiada obra para unhas mans que para o único que servían era para firmar sentencias de morte. Paquito

8.3.06

Pandemia

Un nunca acabará de entender o que pasa neste mundo tolo no que vive... digo isto moi aquelado por unha nova que sentín na radio: A simple mención do número de persoas que deixaron a súa vida -que frio semella nun papel ou na pantalla- nunha louca travesía cara un futuro mellor. Resulta incribel como nos imos afacendo a escoitar cousas así e o corpo vaise curtindo a medida que nos facemos insensibeis. Debería ser un dato demoledor, rompedor, que resoara nas cabezas de moitos, especialmente políticos, e así poder artellar medidas que paliaran esta pandemia. Contrasta o feito de que algo así pase tan inadvertido, case desapercibido, mentres que certos achádegos, que non acadan -para min- máis que a categoría de curiosidade, enchen os medios de todo o mundo. Asdo. Eáns de Cotón.

Intuición

Será que un xa che tiña ben collida a medida, amigo Paco, e xa viña imaxinando que tiñas algo preparado para a túa derradeira saída á escea. Estaba certo de que non podias resistirte, como non, non podias deixar escapar unha última ocasión, tan gratuita, e rirte así de todos aqueles que che quixeron facer sombra un día, especialmente os nacionalistas. Como Dandy que es, entonaches o "Lalala" e os "suspiros de España"... na túa liña máis chabacana, rastreira, intolerante... e ridícula pero non penses que ficamos ofendidos, non, cousas ben peores tes feito ao longo deste tempo. Fuches un auténtico raposo, manexaches as cartas e as xogadas ao teu antollo; un becho listo que de democracia ben pouco sabe... só o que lle interesa para sí. De raposo diches máis dun golpe, non cabe dúbida. Asdo. Xoán de Requeixo (no fondo... un coruñés feliz) Pd: Por se alguén quere ler a información que poñen os teus amigotes da prensa...

Día da muller

É certo que falar hoxe das mulleres, polo día que é é moi sinxelo, e a min non me gusta falar de amor o 14 de febreiro, nin da muller o 8 de marzal, nin de outras miles de cousas que semellan estaren encasilladas a un día concreto do almanaque. O día da muller son todos, non só hoxe, tódolos días hai que querelas e facelas sentir ben, non só nun día concreto. Ben é certo que non é mala idea poñer un día concreto para que moitos non as esquezan (de seguro, a moitos lles pasará), pero debemos ter o sentimento de que hai que telas presentes tódolos días, dende o amor e o respeito. Eu mando dende eiqui un bico moi forte a tódalas mulleres, que admiro o que teñen progresado co paso dos anos para lograr un status social equiparable ó do home, a pesar das adversidades pasadas. Ogallá isto continue para elas nunha ascensión meteórica ata a total equiparación, e incluso, como ás veces comento, á propia superación, porque o home xa puido demostrar sempre do que foi capaz, pero seguro que as mulleres son capaces de máis, de moito máis. Un gran bico. Paquito

7.3.06

Folgas en Francia

Hoxe houbo manifestacións en Francia, e prevense varias folgas nos días que veñen, todo por mor dunha lei q quere aprobar o goberno gabacho sobre os contratos laborais (concretamente refírese ó contrato de primer emprego), onde as empresas poderán despedir á xente en 2 anos sen motivo algún. Aparte de que é unha lei absurda e ilóxica, sí que penso (tristemente, claro), que xa nos gostaría aquí ter eses 2 anos de traballo seguido, ainda que nos botasen tras ese tempo. Como ben di a frase, mal de moitos, consolo de tontos. Paquito

Cultura "española"

Non sei se víchedes hoxe as novas. O meirande pintor deste país, xa falecido, cunha obra xamáis coñecida, pero dun valor cultural incalculable, saía hoxe á palestra nos informativos, pois o citado elenco de obras, composta por 3 óleos feitos no seu ben preciado tempo libre, van saír a subasta por uns 9.000 euros cada un, bahh, unha miseria dada a magnitude e a grandiosidade dos cuadros. Non sei se dar moito crédito ó asunto, mais sería boa idea entrar na puxa entre todos, adquirirlos, e queimalos en festa pública. Qué opinades??? Novas de última hora indican q o valor real das pinturas está nos marcos das mesmas, de madeira de pino contrachapado. Paquito.

O doble enterramento

Foto: El Correo Gallego Kiko Delgado
E seguimos co conto... a destrucción do patrimonio continúa baixo a 'atenta' complacencia das administracións locais. Agora tócalle ós enterramentos dos nosos antergos. Por suposto, sempre anda algunha obra de construcción polo medio... e unha obra pública, que é mais grave ainda. Non sei, o mellor estámonos a rasgar as vestiduras antes de tempo, e o que están a facer realmente é unha 'posta en valor', unha restauración desas que tanto lles gusta... deben estar a botar terra por riba para enterralos mellor... ... nin eso. Trasancos (o avergoñado)

Fin das Touradas?

Unha das incognitas máis interesantes a despexar en breve: Acabaranse as Touradas no Concello da Coruña?

6.3.06

Eramos poucos...

Por se faltaba alguén na festa nazi de onte do PP, a estes non se lles ocorreu mellor convidado: Nicolas Sarkozy, o nazi francés (con permiso de Le Pen). O "encargado" do goberno gabacho no problema dos "coches queimados" de hai uns meses, ese que chegou a dicir que todo aquel que lle prendese lume a un carro podería ser expulsado do país, era onte a referencia popular no convite, era a voz erudita que necesitaban os discípulos de Franco para seguir montando a sua festa particular de ideas nefastas e carcomidas. Eu a verdade é que non dou crédito. Quen será o seguinte lumbrera convidado ás festas hipermegapijas dos representantes do "centrismo" español?? Un dueto Fraga-Pinochet ("por los viejos tiempos...")?? Le Pen?? Haider?? Fagan apostas.

5.3.06

Vergoña

Non sei se reparades no asunto, pero para mín é moi grave. Hoxe, o afortunadamente ex-presidente do goberno español, o "Ánsar", chegou a dicir na convención que hoxe o seu partido ultradereitista PP celebraba, q é maís importante derrotar ó terrorismo, que alcanzar a paz. A min paréceme unha idea macabra, e moi lonxana do que realmente se pretende (ou iso quero pensar). O obxectivo, cabaleiro, é que a paz chegue, sexa como sexa, pero que chegue dunha vez, e non ter que destruir ó "oponente" ata a morte para lograla. Ese non é o camiño, ese non é o meu camiño. Paquito.

De boa vontade

Aqueles que tentaron secuestrar unha democracia que andaba aínda en cueiros... aqueles que amezaron coa pistola e o fusil... aqueles que sacaron os tanques por Valencia... aqueles que manexaban as listas da xente a pasear... aqueles eran de boa vontade??? Asdo. Eans de Cotón Pd: Cando chegará a lei que castigue facer apoloxía diso?

Verdade

«Los españoles deben saber que aquí hay una persona que les va a decir siempre la verdad. Lo prometo. Lo juro» Xa que hoxe estamos na noite... -nunca pensei que remataría dicindo esto- "And the winner is".... Mr. Mariano Rajuei Oscar á mellor interpretación por "Máis aló do límite da Verdade" Segunda parte, como ben sabedes, de "El señor de los Hilillos" Asdo. Xoán de Requeixo Pd: Confirmación inequivoca de que nunca segundas partes foron boas.

Visita ao Incio

Paisaxe nevada en Foilevar
Unha nova ocasión para desfrutar da beleza deste noso paisiño, xa sabedes, o máis fermoso de todos -claro que as ilusorias fronteiras poñoas onde cadra ou onde me convén nen cada momento-. Outra volta nas Terras do Incio, de visita no Pazo de Don Piñor... xogando coa neve, marabillándonos das árbores e dos rios cheos de fría auga que descende monte abaixo. Un pequeno paraiso para o desfrute de quen o sinta e ame. Qué perdure moito tempo! Asdo. Fernán da Veiga
Paisaxe nevada en Foilevar

2.3.06

"OS MERDEIROS"

Se falamos de merdeiros a todos nos veñen a cabeza aqueles que nunha época de “transición” a moitos fixeron bota-los folgos de tanto correr.. pero non, hoxe falamos doutros menos institucionais, e na contra moito máis pacíficos. Son os que nestes días de entroido nos lembran costumes desta terra nosa. Así como en pobos de Ourense temos pantallas e peliqueiros, felos en Maceda, troteiros en Bande.. en Vigo contamos con Merdeiros. Unha figura recuperada no noso entroido, xa que nos contan que non fai moito tempo, os labregos acudían o porto de Vigo a recoller os restos dos peixes que os escabicheiros se encargan de destripar. Era un bo abono para as terras dos campesiños, polo que non lles importaba a cheirume tan nauseabunda que chegaban a padecer carrexando os desfeitos dos peixiños. Os mariñeiros no tempo do entroido, agachábanse en roupas vellas, todos porcalláns, e ían polas rúas meténdose coa xente, era unha “homenaxe” ( enténdase a modo de mofa) os labregos. Dende aquí , dicimos que “Vivan os merdeiros” que nos fan lembrar o que é tan noso, pero os merdeiros do entroido non vaia ser...