25.6.06

O carnet por puntos, ou cómo deixar de conducir

Moito se está a falar do famoso carnet por puntos que entrará en vigor a partires do primeiro de xullo -se non me trabuco-, e que ó parecer tan bo resultado deu en Francia. Esta semana chegou á miña casa un tríptico para toda a familia onde se informa á xente do que vai supor toda esta movida. Sinceramente, non reparei demasiado no seu contido. Todo parecen ofertas do Claudio en plan pague dous e leve un, pórtese ben e regalámoslle puntos Movistar, e bla bla bla. Estou convencido de que a retirada de carnets vai ser espectacular. Do meu lado está o dato de que moita xente está asegurando os seus carnets ante o temor de quedaren sen eles. As multas vannos chover a todos, e quizáis a consecuencia de todo isto, unido ós prezos do chumbo, é que a xente deixe o coche na casa. E esta situación vai ser nefasta para as compañías de automóveis, acostumadas a vender miles de carros ó ano, tasa que se vai ver reducida drásticamente como non tomen medidas, sobre todo, ó respecto da velocidade dos vehículos. E se as grandes empresas automovilísticas do país ven que as suas vendas caen, van a comezar a protestar. E enton, quizáis, ese carnet anti mortes e anti actos vandálicos ó volante igual se torna un freno para o bo transitar da economía, xerándose un problema que non se sabe onde rematará. Se todo isto se cumpre, "me da que" o carnet este vai durar ben pouco. A min polo de pronto as gañas de conducir que teño -e iso que me encanta facelo- vánseme reducindo así nos achegamos a fin de mes. A ver que pasa. Paquito

22.6.06

Diario dunha fresa

“Si dixese que sí, que todo está moi ben, que o mundo está moi bon, que cada quén é quén... Conformidá. Admiración”... Chorar, chorar, chorar... .Certamente as cousas son así, porque sí?? Non, porque eles as queren así, e non lle podemos dar máis voltas, e uns siguen estando por enriba e outros por debaixo, por culpa da vida?? ,Algúns seguen indo de porta en porta e outros xa non levan sacos de cinzas senón que se converteron en cinzas. Se dixese que sí, que estou ben, entón sería o intre de chorar, porque entón non me importaría, Pero sí. Con Perdón a Celso Emilio Ferreiro.

11.6.06

Deus nos colla confesados

Lonxe de quitarlle a medalliña ao sr. Alvarez Cacos... en breve veremos como lle colgan outra ao Sr. Manolo... debe ser para celebrar a sua estrea como manifestante. Hai cabeciña no goberno? Hai corazón? Hai memoria? Asdo. Fernán da Veiga

Mal andamos

Mal andan as cousas neste noso paisiño... hai quen defende a construcción polas bravas de calquer cousa en calquer sitio... mal andamos se até nos parques naturais se eliminan as propias cousas que habería que defender... mal andamos se os responsabeis primeiros en velar polo noso patrimonio son os primeiros en destruilo... Coma sempre... mal andamos. Hai cousas que nunca cambian.... e menos mal que non todo o monte é ourego. Asdo. Fernán da Veiga

10.6.06

Vamonos de manifa, Manolo....

Tenho que reconhecer que ao ver esta foto do Manolo de manifa, emocionou-me. Ver a este homem que tantas vezes ten-nos insultado e mandado malhar aos que nos manifestavamos por outros motivos com essa gorra reinvindicativa, papando sol numa manifestação, fizo-me sorrir... Penso que é uma boa cousa que até a direita mais reaccionária asuma duma vez que a mobilização popular é uma forma absolutamente legítima de reinvindicar aquelo no que cremos. Suponho que isto esquecerá-se-lhes tão aginha como volvam ao poder, e ainda boto de menos que algum deles leve umas hostias dos antidisturbios, mais que nada para que saibam que se sinte e que quando volvam ao poder o pensem duas vezes antes de mandar aos cães de presa a malhar na gente. Respeito à manifestação de hoje, por uma banda posso ter empatia com as pessoas individuais que sofriram nas suas carnes um atentado terrorista. Posso comprender que esta gente tenha uma ánsia de vingança, e que lhes sente muito mal que o governo trate de chegar a uma solução negociada com a ETA. Entendo que a uma pessoa à que lhe mataram o pai ou un filho, ou que quedara com uma lessão irreversível de por vida, não lhe podemos pedir que agora seja tolerante, e que aplauda uma solução negociada do conflito. Mas ainda assim, e deixando a um lado a falta de talha política de Zapatero para levar a cabo algo assim, estou certo de que o fim da violência em Euskal Herria, passa necessariamente por uma negociação com ETA, na que havera que fazer-lhe algumas concessões, sobretudo no referente à situação do presos e das organizações que formam parte da esqueda abertzale, e por outra banda, e isto já é algo de muito mais calado político, negociar com os partidos políticos bascos uma situação que permita que os cidadãos bascos estejam cómodos em Espanha, ou que sejam uma nação independente. Isto último não porque o pida apenas ETA, senão porque é uma reinvindicação maioritaria do povo basco que os governos espanhois tenhem-se negado a afrontar. E nesta situação, onde ficam as vítimas do terrorismo? É inevitável que vejam a negociação com maus olhos, que o percebam mesmo como uma derrota, e tenhem direito a sentir-se assim. Mas isto não pode ser um obstáculo para pôr fim à violéncia, e a obriga dos políticos é tratar de calmar os ánimos, de explicar-lhes que tudo isto se fai para que não haja mais vítimas e de reconhecé-los as vezes que seja preciso. Por isto, a atitude do Partido Popular neste tema, parece-me absolutamente ruin. En vez de ajudar a calmar os ánimos da vítimas, estão-se adicando a encirrá-las, de disparar a sua legitima dor. O PP está a utilizar às vítimas do terrorismo para tratar de ponher pedras no caminho da paz. Porque sabem que se o Zapatero consegue que ETA deixe as armas, vai ser um éxito indiscutível para o PSOE, que pode fazer que um partido que chegou a governar não por méritos proprios, senão polos enormes erros cometidos por Aznar, se consolide no governo e que fique no poder durante umas quantas legislaturas mais. E claro, tudos sabemos que neste mundo hai-che prioridades...

3.6.06

A España sudamericana

O Mundial de fútbol está moi preto, e o combinado español ten unha nova oportunidade para tratar de franquear eses cuartos de final que nos teñen desesperados dende hai tempo. Esta vez contamos con dous homes sudamericanos, de países con moita tradición futboleira, Senna do Brasil, e Pernía por Arxentina. ¿Serán estes dous talismáns para os españois? ¿Necesita España ter xente de países que sí soen triunfar para ver se nos somos quen de facer algo decente? Haberá que ver que ocorre, mais eu non son excesivamente optimista. Paquito

2.6.06

Reflexións

Aproveito estes momentos de relax que me deixa o venres noite para -mentres me tranquilizo e descanso- plasmar algunha reflexión sobre cousas que levan indo e vindo da miña cabeciña nos últimos días. Unha delas é a continuación do debate en torno a prostitución. Xa prantexei no seu día as miñas dúbidas sobre como debera ser tratado este fenómeno. Imaxino que non é cuestión de mirar para outro lado nin tampouco unha regulación "ancha es Castilla"; nada diso resulta demasiado convincente, polo menos pra min. Resoan por aí ecos que falan tanto a favor como en contra, un rebumbio tan grande que non deixa pensar con claridade e decidir que partido tomar. En relación con isto direi que atravesando recentemente o barrio da cidade que frecuentan agora para traballar -unha vez derrubado o Papagaio-, atopei, esperando aos clientes, unha rapaciña morena que escasamente superaba a veintena. Vela foi como un lóstrego que derrubou todas esas andrómenas, eses contiños da feira que tiña na cabeza e botou abaixo esa visión de mundo feliz... esa imaxe de documental no que mesmo un chegaba a pensar o que estaba perdendo por non ser -salvando as distancias- prostituta, coma un deses anuncios de compresas nos que "me gusta ser mujer". O meu pensamento foi inmediato, dixenme... "pero qué fai aquí esta rapaza??? Se é case unha nena! Vaite pra casa, coño, mañá seguro que tes exame no instituto".... Ao día seguinte pasei tamén polo mesmo lugar, non a vin, imaxinei que estaría exercendo o seu oficio e iso aínda me fixo sentir peor. Trocando o paso. Outro tema do que gustaría falar son esas pequenas historias non desveladas, que gardan eses anciáns que ben podemos atopar calquer día de paseo ou no parque ou na cola das receitas do ambulatorio. Nunca se lles presta demasiada atención, ignorantes do seu curriculum e as súas experiencias. Coñecín recentemente a historia dun deles, por cuestión do traballo, e foi algo que me deixou fondamente aquelado. Aquel "vellote" tomou parte na Guerra Civil polo bando republicano, fuxiu por Valencia até África, unha vez derrotado o bando roxo; na Segunda Guerra Mundial foi membro da Lexión Extranxeira Francesa, sobrevivindo, nin máis nin menos, ao desembarco de Normandía e sendo logo un dos primeiros en liberar París... toda unha testemuña da historia, a dun galego, un veciño calquera, non un heroe de película barata, non un frío dato nun libro, non, unha persoa viva que pasou por todo iso e coa que, sen darnos conta, nos cruzamos todos os días. Habería que saber tirar proveito desas cousas, aprender unha chea de leccións dunha vida coma esa, iso quizais axudaría a que certos erros non se repetisen nunca máis. Ligado a isto direi que hoxe -logo de moitos anos querendo ir e non indo- visitei o cimiterio de San Amaro na cidade da Cruña. Nel están enterradas personaxes de renome e relevancia: dende Murguía *, que repousa lonxe da súa muller, Curros, Pondal, o mestre "Chane"... e tantos e tantos outros que non puidemos atopar por descoñecer a súa localización. Chamáronme moito a atención varias sepulturas de militares mortos ao longo da Guerra Civil, todos do bando franquista, é de imaxinar. Eran sepulturas nas que as propias familias, imaxino que a nivel particular, facían mención ao rango do militar, a batalla (fronte do Ebro, Castellón...) onde caeu e case sempre unha clara mensaxe de apoio a España e ao réxime que daquelas estaba nacendo. Non creo que sexan os únicos soldados mortos en combate enterrados nese cimiterio, imaxino que hai unha longa lista deles que caeron tamén en terribeis batallas e guerras mais son -podo estar equivocado- os únicos que utilizan ese pequeno espazo que é unha lápida para ceibar dalgunha maneira a súa carraxe contra o bando contrario e iso da idea do encono, da rabia, da loucura dunha guerra como a que se viviu naqueles anos. Haberá quen faga leituras revanchistas, ou triunfalistas, non o sei, mais o que eu penso é que todo iso simboliza moito, caracteriza perfectamente a tolemia vivida e serven quizais de exemplo para os que negan a historia ou para os que a esquecen. Asdo. Fernán da Veiga