18.2.07

Memorial da Liberdade

Non hai moito puiden ver-aínda que tiven que ir tres ou catro veces polo Auditorio de Galiza para poder disfrutala enteira- unha máis que interesante exposición, Memorial da liberdade, e a medida que o tempo transcorre doume de conta do oportuno da mesma, do necesaria que se facía -e fai- unha cousa así, unha revisión obrigada e máis desa maneira, tan fonda e lograda... lembrando ás vítimas mais tamén aos seus verdugos, detallando mesmo os planos dos Campos de concrentración e cadeas.

Había tantas anédotas, tantos detalles, mesmo até a máis estrita intimidade era descuberta, por fin, logo de tantos anos de ter que agochala, deixandoa gardada no máis reducido ámbito familiar.

Certamente sentín como visitante -imaxino que non fun o único, claro- unha emoción grande, mais non raiba se non a magoa pola perda -dun xeito ou doutro- de toda esa xeración de homes marabillosos que ou ben foron asasinados ou ben tiveron que sair para o desterro. Unha magoa.

Agora que hai quen se empeña en denunciar aos historiadores por faceren pública esa negra memoria, con nomes e apelidos, esa exposición cobra maior importancia e valor.

Gustariame darlle a noraboa, as grazas tamén, aos organizadores da citada exposición, ao tempo que brindo o meu modesto apoio a quen traballa por erguer esa lousa, descubrindo esa historia da que tan pouco se puido falar en foros públicos e que cando se fixo tivo que darse a xeito de noticia anónima, despersonalizada, sen referirse explicitamente a unhes e a outros, como se os actores, de ambos bandos, levaran caretas ou máscaras.

Fernán da Veiga

16.2.07

II Concurso de Relatos Curtos do Alpendre



Comeza unha nova edición do Concurso de Relatos Curtos do Alpendre. Nesta ocasión poderán participar todos aqueles que así o desexen, sexan membros ou non do Alpendre. A 1ª edición do concurso de "microrrelatos" celebrouse aló polo 2005 e daquela so participaban os membros do grupo, desta vez queremos que todo aquel que o desexe poda participar tamén. Así que xa sabedes, se vos vedes con talento literario e a creatividade necesaria para medirvos con outros alpendreiros non dubidedes en participar, é moi sinxelo:


Bases do Concurso:

Os relatos deberán ter un máximo de 10 palabras , se sodes capaces de usar menos ainda, noraboa!. Sabemos que son poucas, pero precisamente diso trata o concurso. Se queredes ver algún exemplo de contos con 10 palabras, podedes visitar o arquivo do Alpendre do mes de setembro de 2005 onde están publicados os contos da anterior edición, ou ler o conto de tan so 7 palabras, "O Dinosaurio" de Augusto Monterroso, que foi o que nos deu a idea.

Presentación e publicación:

Todos aqueles que non sexades membros podedes presentar o voso conto escribindoo a modo de comentario nesta mensaxe de convocatória. Os contos dos membros do Alpendre publicaranse en mensaxes posteriores. Unha vez remate o prazo de entrega dos relatos, publicaranse tódolos contos xuntos nunha nova mensaxe.

Prazos:

O prazo de presentación dos contos é de 1 mes a partir do día de hoxe, polo tanto rematará o día 16 de Marzo. Despois de esa data, os contos enviados non entrarán no concurso. Unha vez rematado o prazo e publicados tódolos contos, comezarán as votacións do xurado e os resultados daránse a coñecer en 15 dias.

Xurado e premios:

O Xurado estará composto por tódolos membros do Alpendre que por medio dunha votación pechada decidirán cal é o conto que será considerado o gañador. Como premio o gañador obterá o recoñecemento de tódolos que facemos o Alpendre e do resto dos concursantes. O conto será publicado como o mellor o día que se coñeza esta decisión. Xa sabemos que non é moito, pero non temos orzamento para premios,... ademais!, que mellor premio que o de participar?.

So nos queda animarvos a que participedes, non perdedes nada e gañades a posibilidade de saber se algún día poderedes ser uns grandes literatos!, así que exprimide un pouco os sesos e enviádenos 10 palabriñas que conten unha pequena história.


O Alpendre