31.7.06

2 páxaros dun tiro

O certo é que nunca me chamaron moito determinadas andrómenas políticas; non son moi dado ás aventuras, gosto, como moito, de protestar de cando en vez, iso é o único... pero logo de tanto insistir... alén de agnóstico, acabarei por facerme tamén independentista. Hai que ver estes señores, a todo dan atendido: matrimonios gais, embrións, educación, e agora a recuperar "El destino de España en lo Universal" ou como raio sexa aquela parrafada do NODO. Estamos fodidos. Xoan Requeixo

30.7.06

Gaitafobia

Logo de ver os actos do Apostolo e o Día da Patria -recluido, enclaustrado- pola TV teño que dicir que o actual goberno ten que darlle un repasiño a certas cousas alén da propia letra do Himno. Está moi ben encher os eventos todos de gaiteiros folquis e pintorescas pandereteiras... mais a urticaria gaiteira que padecen -entendendida cara o gaiteiro tradicional- é máis que manifesta. Onde quedaron os cuartetos tradicionais? ou un bon e solemne gaiteiro acompañado dun único tamboril? É un auténtico complexo que deberían mirar con urxencia e máis tendo en conta que xa levan tempo abondo de mandato como para por curados certos traumas. Asdo. Eans de Cotón

19.7.06

Casualidades

Resulta curioso descubrir que en 1930 nos Estados Unidos había alguén que se apelidaba igual ca min e vivía nun lugar con nome similar a onde eu vivo... Velaiquí o rexistro orixinal: Esto é debido a que o apelido en cuestión dase moito en Italia, como diminutivo de Francisco, e os USA foron destino de moitos emigrantes. Pero se buscamos polo segundo apelido... Un resultado máis galiciano. Para buscar por apelido, emprega www.ancestry.com. Para ver a imaxe do rexistro orixinal, census.ancestry.com. Rexistro obligatorio gratuíto. Dura tres días.

18.7.06

Poucas horas

Poucas horas restan para encontrarme novamente co mesmo criminal, ese home fracucho que leva bombín, ese mesmo que tantas veces me rouba os sentimentos... o crápula de sempre, ese canta agonías, que leva anos póndolle música ás miñas. Poucas horas para sentir como en vena, letra a letra, peza a peza, todas esas sensacións a mil por hora, esa corrente, ese calambre, todos eses universos de voces rotas... Cómpreme xa esa droga, máis ca nunca, o corpo reclama a súa dose de estímulos e sentimentos; a súa ración de paixón desgarrada... ...non podo fallar á túa cita, non podía ser doutra maneira, aló nos vemos. Asdo. Q. albar.

Ameaza de máximos, acetación de "mínimos"

A parella forma polo goberno galego e os promotores da piscifactoría de Corrubedo - Stolz Sea Farm, os mesmos que destragaron unha zona tan marabillosa como o Faro Vilán- ameazaron, nunha vulgar actuación teatreira, coa instalación dun novo megaproxecto perto da zona dunar de Corrubedo, unha zona protexida e fermosa. Non foi a súa unha cousa gratuita, fixeron iso, esa ameaza de máximos, para que acetaramos, sen maiores queixas nen atrancos, o seu traslado á entorna da Praia de Baroña, co seu magnífico castro. Foi todo un acto realizado para que asumamos a situación como un mal menor, pese a que estamos a falar dunha das xoias do país, digna da máis alta protección, aínda que só fose pola súa singularidade, polo seu simbolismo. O peor do conto é que logo virán as urbanizacións, as constructoras, os piratas que xa fai meses viñan asomando a patiña coma o lobo do conto. Antes a queixa era a de ver como eran os lobos os que tiñan que coidar das ovellas, agora xa un non ten tan claro quen é lobo e quen ovella. O meu desencanto é evidente. Imaxino que non son o único que o sinte. Asdo. Fernán da Veiga PD: Resulta sorprendente como os valores ecolóxicos que noutrora defendimos, a cría de peixe fronte a pesca, a produción de enerxía "limpa", eólica, hidroeléctrica... vólvense contra nós, convírtense nos maiores perigos, xunto coas grandes construtoras, dos nosos montes e costas. O peor é a fodida sensación de impotencia.