22.10.06

Triste panorama

O panorama que ofrecen os políticos, tanto na España como aquí na Galiza, é desolador. O nivel que nos ofrecen non chega sequera ao mínimo.

Por unha banda, a medida que se achega a confrontación política, a batalla das urnas -neste caso, eleccións municipais- comezan a aparecer casos de corrución urbanística (e outras herbas) que até agora permanecían ocultos a nivel público ou xornalístico. Ante iso a única resposta que ofrecen os dous partidos maioritarios, eses que tanto fan a prol dun bipartidismo -que por sorte nunca chega!-, é a de dicir "nós si pero ustedes máis" e acabouse.

Con respecto a nós, a cousa tampouco da moito de si. Aquí temos un conselleiro que logo de que o seu partido dilapidase grandes sumas -cartos públicos, claro- en absurdos xuizos, perdidos de antemán, quere chegar ao "acordo" con respecto do topónimo herculino, tildando a quen esixe o cumprimento da lei de "fundamentalista" e atopando "solucións intermedias" que ben poideran ser de consenso, si, mais non logo de tantos anos de pasarse a lexislación e as sentencias polo forro e máis aínda logo de manter actitudes vergoñentas como aquela "entonación do LaLaLa" en boca do Sir de Punta Herminia.

Quen faga memoria e lembre actitudes e episodios pasados protagonizados polo Sirciño e o seu grupo (onde, por certo, estaba o mencionado conselleiro) verase na obriga de tomar partido a prol de quen defende e esixe que a lei sexa para todos a mesma e non un papel mollado, que políticos, fiscais e xuices interpretan ao seu antollo cando non lles resulta favorabel.

Alén do anterior, tanto con respecto ao topónimo como á corrución urbanística, a xente da rúa, aquela que fica afastada do día a día, tan lonxano e artificial, dos políticos, somos conscientes da falsedade dos discursos destes. Simplemente seguen a pauta que lles marca o calendario e o seu fin único, recibir votos aínda que seña comprandoos.

Xoan de Requeixo

15.10.06

Non falarán II

Pois así estamos... continuamos coa mesma política de boca pechada, escorrer o bulto, escaquearse e disumular mentres un asubía coa ollada perdida no ceo.

Xa vai sendo hora de que dean a cara os nosos representantes: co chapapote, cos lumes, coas construcción mais tamén coa fala, co maldito topónimo -e outras cousas da xustiza, que non é a mesma para todos!- e, como non, na música, na nosa, na dos gaiteiros galegos.

É tempo de deixarse de tibiezas e dicir as cousas como son. Non pode un vicepresidente dun goberno galego permanecer impasibel ante semellante ameaza cultural, coa que levamos anos sofrindo, loitando en inferioridade de medios mais non de esforzos. Impasibel ante esa peste!?

Tanta demora, tanta dilación e medias tintas en determinados asuntos é ben sospeitoso, sobre todo da falla de idea, de conceto de país, da cultura, daquelo que nos define e debera ser transmitido aos máis novos.

A ver se dunha vez se iluminan.

Eans de Cotón

As plantacións en Vigo

Parece que por unha vez hai cartos abondo para unha iniciativa en Vigo. Falamos dun feito que traerá grandes beneficios económicos a lungo prazo, ou canto menos esa é a idea. A vaga de incendios que trouxo de cabeza ó pobo galego neste verán non supuxo unha plantación tan masiva de árbores coma desa nova especie tropical urbana da que pretendo falar e, dalgún xeito, denunciar. Falo dos "radarus urbanisticus", praga que se está extendendo pola cidade a pasos axigantados. Este finde foi chegar e atoparme con case todos: nada menos que 3 no túnel de Beiramar, un na saída do túnel ó recheo de Bouzas, outro polo propio Samil, outro na Avenida de Europa.... Non sei cantos máis haberá, pero seguro que continuarán coa sua infección galopante. Penso eu se é necesaria tal persecución do coductor. ¿Tanto afán recadatorio existe? Os montes seguen estando queimados, mortos da risa (porque non dan cartos), pero iso si, inundar unha cidade de radares coa función de encher as arcas de cartos, iso si que ten presupostos inmediatos. Está ben que se fomente a condución cívica, pero isto xa pasa de control a auténtica persecución cidadana. Veremos os resultados. Paquito

14.10.06

Non falarán


Non falarán 

A respecto do topónimo herculino non valen medias tintas: ou se vela polo cumprimento da lexislación ou non se fai.

Non hai puntos intermedios nin espazo pra vaguedades que somentes benefician a aqueles que queren incumprir a normativa, aínda a costa de pasar por riba dos direitos de moitos dos que até fai unhes anos tivemos que tragar coas formas casteláns por mor do delirio do Paco Vazquiano.

As cousas claras.

Fernán da Veiga

10.10.06

Selección española: Benzón de nacionalistas

Así é, a selección é o exemplo máximo de todo o que representa a exacerbación da esencia española, da hispanidade en sí mesma: Unha casa de tolos, unha loucura, un barco á deriva, sen temón nen rumo fixo. Liortas, broncas e rebumbios varios son o pan noso de cada día.

E o máis chocante é que todo iso sementa a dúbida razoabel da necesidade da súa existencia, da súa razón de ser, dado que representa a todos... mais naquela faceta que menos orgullo nos fai sentir e alén diso, o uso político que dela se pretendeu facer estivo sempre ao mesmo nivel, baixo.

En resumo: unha carreira toda chea de exitos; o mellor exemplo pra cativos e rapaces.

Non resulta extraño que haxa quen non queira saber dela e pois toda unha benzón pros nacionalistas, que moito desfrutan do "espectáculo".

Fernán da Veiga

9.10.06

Empresariado Galego?

Moitas veces sentimos falar nos medios e na prensa de tal ou cual empresa de capital galego, factorias ou industrias que moven as veces importantes capitais pero que están rexidos por persoas carentes dunha mínima concepción de país, dunha mínima galeguidade.

Temos exemplos, moitos, dende as políticas laborais de empresas como Zara, o comportamento de Pescanova con respecto a Touriñan -todo un exemplo- e logo as recentes vendas doutras como Fadesa e actualmente Calvo.

Quizais a diferenza entre este suposto empresariado galego e outros como o vasco e catalán, ao meu entender moito máis enraizadas neses lugares, haxa que buscalas en razóns de índole social ou mesmo históricas, principalmente na carencia dunha burguesía autóctona forte, que no seu momento procurase a industralización como se fixo noutras partes do Estado. Así mesmo, esa falla de visión empresarial autóctona é filla do mesmo españolismo anti-galego, ese complexo que tan duramente se inxectou a todos galegos até fai ben pouco tempo.

Así nos loce o pelo... até o extremo de venderlle o pouco que temos a terceiros paises, empresarios asiáticos, e todo con tal de quitarllo das maos ao viciño.

Moi galego, todo hai que dicilo.

Fernán da Veiga

Voltou

Non voltou o Xerión -como reza nos xardíns que dan entrada á cidade herculina-; quen voltou foi o sirciño de Punta Herminia para marcar o seu terreo, cecais levantando a patiña como fan os can contra as farolas.

Imaxinamos que pasou revisión á facenda, pois tal é como algunhes entenden a cuestión da política local... non houbo cambio, somentes un simple arrendamendo da cadeira, mais a pleitesía e as conseguintes obrigas cara o Sirciño mantéñense á mesma altura do primeiro día, intactas.

Como exemplo diso, exemplo do acontecido ao longo de moitos moitos anos de mistura do público e privado, dos intereses de todos cos particulares, o novo "mandatario" regaloulle o privilexio de nomear un anaco do paseo co nome co nome do noso amigo Sirciño, como se se tratase do seu propio paseo, do seu xardín particular, á beira da porta da casa. O que é de todos transferido dalgún xeito ao beneficio particular e partidista. Lamentabel.

Así pois esperamos que en breve, non máis alá das vindeiras eleccións, o actual mandatario... desfrute tamén do privilexio de ter un anaco de paseo, rúa, calexo ou onde queira que viva... co seu nome, tamén en proba de agradecemento do futuro alcalde polos servizos prestados á comunidade. Non vai quedar por menos.

Xoan de Requeixo