
Debuxo: José Mercader, publicado en Rebelión
Xoan de Requeixo
Para escoitar o audio completo do "monólogo humorístico" en clave Asnar
Bitácora colectiva do grupo Alpendre
Debuxo: José Mercader, publicado en Rebelión
Xoan de Requeixo
Para escoitar o audio completo do "monólogo humorístico" en clave Asnar
O FEITO DE QUE UN NENIÑO DE DOUS ANOS MORRA DE FAME NA NOSA GALIZA ten que poñernos a todos de loito; á forza nos temos que preguntar: por que?, como puido ser?, que está a suceder que non somos quen de detectar estas situacións?…. Pregúntome, como pai, como pode ser que un neno de dous anos que ten que estar cheo de agarimos e de coidados, que só é TENRURA, MORRA DE INANICIÓN. É un INSULTO Á NOSA CONDICIÓN DE HUMANOS, pero máis a esa sociedade que estamos a construír e da que tanto falan os nosos políticos, cuns servizos sociais “en primeira liña”... (?). Refírense quizais aos da terceira idade? Os destinados á infancia, á PREVENCIÓN, están moi lonxe. Se algo así sucede e os servizos sociais non son quen de detectalo, algo falla; non é posible eludir responsabilidades alegando que a familia non acudira a eles, porque non podemos agardar que todos os que o precisan vaian pasar polos despachos pedindo axuda. Teremos que ser os demais os que detectemos a necesidade: seguro que este meniño berrou moito pedindo axuda e a sociedade da súa contorna, ocupada noutros mesteres, non quixo ou non puido oír. Onde estaban daquela os técnicos dos servizos sociais? Nos seus despachos, cubrindo papeis? Por riba de termos hoxe un neno de dous anos morto e as súas irmá e nai no hospital, debemos escoitarlle ao señor alcalde de Ponteareas dicir que “ten uns servizos sociais moi eficientes”. Que podería chegar a pasar logo se non o fosen? Sucesos como este obrígannos, unha vez máis, a dicir que a COORDINACIÓN ENTRE OS SERVIZOS SOCIAIS E OS EQUIPOS ESPECIALIZADOS É INEXISTENTE, SITUACIÓN Á QUE DEBERIAMOS PÓRLLE REMEDIO URXENTEMENTE, SEN AGARDAR FEITOS TAN TRÁXICOS COMO ESTE. Unha prevención eficaz debe evitar que noticias así teñan lugar, mais NON SE PODE LEVAR A CABO DESDE O DESPACHO. Os servizos sociais precisan xente que se mova, que detecte, que eduque, que visite domicilios, que teña contratos de traballo continuados e non cada seis meses, que visite os colexios, os pediatras, que saiba das situacións de RISCO QUE SE ESTÁN A PRODUCIR NO SEU MUNICIPIO; e esta xente precisaría de ferramentas que desen resposta ÁXIL E INMEDIATA a estas situacións. A morte deste cativo déixanos consternados, unha vez máis; pero a nosa pena mudará mañán, esquecerémola, cando xa non sexa titular dos periódicos, cando siga sen haber responsables -porque aínda que hai xente que se supón traballa para a prevención, saberán xustificar o acontecido-, cando os políticos aseguren que non volverá a pasar, que deste erro aprenderemos todos, cando ninguén dimita porque “a súa conciencia está tranquila”, cando todo siga igual... Mais se as cousas funcionaron tan mal, alguén debe asumir a responsabilidade. Non foi a deste neno a primeira morte incomprensible; antes houbo outros casos (lembramos, por exemplo, a Erika...). Mais o alcalde dinos desta familia que levaba máis dun ano no concello e que NUNCA FORAN AO PEDIATRA. Ninguén sabía isto? A Xunta, que agora tutela a irmá, faino polo que poida pasar... mentres SEGUE SEN TUTELAR A TANTOS E TANTOS NENOS E NENAS EN SITUACIÓN DE RISCO para os cales os servizos sociais ou outros axentes están a pedir atención de forma cotiá. Cando suceden cousas así, temos que recoñecer que realmente estamos moi lonxe desa Galiza Solidaria da que tanto falamos. Se non somos capaces de detectar unha situación como esta, é que temos ENFERMA a SOLIDARIEDADE. Esta noticia non se converteu nun enunciado permanente da radio nin de ningún medio de comunicación local: todos seguen coa súa programación habitual, xa que quen morreu foi un neno dunha familia descoñecida, nada relevante. Pero deberiamos repetilo constantemente: morreu un NENIÑO que, como diría algún técnico, vivía na “familia que lle tocou”. Baixémonos deste tren de inoperancia dos servizos sociais.
A esquela rezaba así...
70º CABODANO DO SEÑOR
Don Tomás Miján Expósito
Músico militar retirado.
Descansa anónimamente no cemitério
de Serantes-Ferrolterra, xuntamente con outros amigos e compañeiros, mártires da loita pola liberdade e vítimas dunha barbarie impune que non admite esquecemento nin reescrituras.O teu amor pola Xustiza
Social, a Música e a Cultura Galegas e os teus esforzos a prol da Liberdade, sempre serán lembrados.O teus netos e bisnetos non te esquecen.
Ferrol, 16 de setembro de2006
Ética periodística???... Pode falar de ética periodística un periódico que se nega a publicar unha esquela como ésta, que honra a memoria das vítimas dunha masacre inxusta e esquecida??, hai algunha "ética" en negarse a publicar sen previo aviso unha esquela que lembraba a tráxica morte dun familiar cuia publicación, ademais, estaba xa pagada?... haina en negarse a publicar a verdade??
O meu bisavó non era ningún criminal, non cometeu ningún acto ilegal... el, como todos os que morreron ó seu lado, foi a vítima da ilegalidade e da barbarie dos criminais fascistas que levaron a este país a unha guerra fraticida na que só houbo perdedores. Os que se negan a ver isto e a recoñecelo escudandose na "ética periodistica" son simplemente uns hipócritas desmemoriados que ainda teñen vergonza de denunciar a cruel e bárbara realidade da que foi vítima todo un pobo fai 70 anos... e que ainda agora é vítima do esquecemento.
A pesar deles, hoxe hai unha placa no muro do cemiterio, unha placa que loita contra ese esquecemento. Tal vez os señores de La Voz De Galicia deberían darse un paseo por Serantes para saber o que realmente é a Ética e para darse de conta de que negarse a lembrar só prolonga a dor e a vergonza polo acontecido.
É hora de coñecer a verdade para que non se repita nunca.
Trasancos
Pra non voltar a casa coas maos baleiras optamos por desprazarnos até o mirador do Penedo, un outeiro alto en cuxo curuto hai unha hermida, onde no seu día celebran a súa correspondente romaría.
A visita supostamente tiña que ser abraiante dado que o citado mirador, como se fose un emprazamento estratéxico, ten unha situación magnífica, cunhas vistas que van dende o Castelo de Soutomaior, Arcade,... até a Ría de Vigo toda, coas Cies como excepcional fondo.
Por desgraza, a excursión foi todo o contrario de esperado. Onde tiña que haber beleza, natureza, nesa perfecta mistura entre terra e mar que só as nosas rías saben ofrecer; onde tiña que haber todo iso atopamos exactamente o contrario, unha desoladora paisaxe de árbores negras e un forte cheiro a queimado, como se onte mesmo estivese ardendo.
Imaxino que calquera de nós, que cometa a torpeza de dar unha volta polo paisíño, terá a mesma sensación de desacougo, depresión e raiba. Eu dende logo antes de repetir experiencia tentarei asegurarme primeiro como está o entorno a visitar. Non quero sentir de novo esta sorte de masoquismo absurdo e doloroso.
Fernán da Veiga
Non está mal, xa digo, que os teñamos presentes hoxe e sempre; mais non é posibel reivindicalos a eles e tamén aos seus contrarios. Nese senso o mesmo grupo que solicita para o Sr. Cachafeiro unha medalla leva anos alentando e promocionando -con fondos publicos, obviamente- a quen desvirtúa o noso folclore até convertilo nun sucedaneo edulcorado do existente nas lonxanas Irlanda ou Escocia.
Neste caso, amigos gaiteiros, ou se está con Deus ou se vai directamente ao inferno.
Eans de Cotón
En calquera caso quixera facer ver tamén a hipocresía que rodea todo este asunto.
Estou seguro de que moitos dos que se escandalizan do triste espectáculo calan noutros casos semellantes, mesmo aplauden e soltan a pita ben soltada para participar como público na chamada "fiesta nacional", coma quen que eses outros animais foran concebidos sen sentimentos, coma quen nin se imnutan ao sentir como unha espada ou unha lanza se crava no lombo, sen dor... nin aqueles outros -isto vai en contra da visión Galiza Profundis que tanto se está a vender estes dias- que colgan os seus galgos, até afogalos, unha vez que deixan de ser útiles aos seus propositos... e tantos outros casos horribeis.
Por outra banda, a actitude dunha parte dos viciños a favor do maltratador non é cousa nova. Cantas veces -aquí e noutras latitudes- ten saido xente á rúa a apoiar persoas acusadas de maltrato, violacións, pederastia...??? E cantas veces teñen ido tamén contra o/a denunciante?
A fin de contas... somos o que somos, tampouco é cousa nova.
Fernán da Veiga.
Semella que a Igrexa Católica, polo menos a súa xerarquía, está empeñada en botar sal na ferida malcurada, esa fenda que separa e separou secularmente -aínda que a historia non foi sempre así, todo hai que dicilo- a cristiaos e musulmaos.
De nada valen agora lamentacións nin rectificacións... e máis se estas veñen de quen se di "infalibel"; o mal xa foi feito e dende logo todos somos ben conscientes de que un home da súa preparación -a súa valía está por demostrar- non comete esa sorte de erros se non que a súa torpeza é de todo, menos fortuita.
Comentarios como os seus non son froito dun simple descoido ou consecuencia da mala resaca do viño de misa; non, os comentarios verquidos polo actual pontífice actuaron coma o dardo dun experto lanzador e deron no mesmo centro da diana, chantandoo con forza até o fondo.
O único certo é que estamos no medio -querendo ou sen querer, cristiaos, musulmaos e ateos!- dunha nova guerra entre bloques. Antes foron os USA vs a URSS e agora tócalle o turno ao Occidente contra os paises mulsulmaos.
Fernán da Veiga.
Xoan de Requeixo
Pd: Dende logo as veces un comprende a acepción do termo Gallego no diccionario da RAE... para o caso quédase ben corto, tanto para o malnacido que lle zoupou ao can como para os restantes viciños. Debería caerselle a cara de vergonza a máis de tres e de catro. Que imaxe de país é esta?
Apoteose do Churrasco
Polarid - Suso de Toro - 1986
Parece mentira que logo de vinte anos o país este, a nosa Galiza, continue nas mesmas de sempre. Un xa non di se hai trama ou non, somentes discute, coñecendo o percal, canto pode ter esta de organizada ou se é tan caótica coma o resto. Creo que nin pra iso seremos nunca organizados: levamos séculos vivindo do caos, do inferno do lume, da merda do chapapote, dos naufraxios, das inclemencias, de toda canta anarquía poidamos botarnos á cara. Somos así ou así nos fan.
O resto dos contos que o autor recolleu baixo o título de Apoteose do Churrasco -do cal iste é só un pequeno fragmento dun- eran tamén ben clarificadores, xa daquelas, da realidade galega e a nosa situación de pre-post-durante... o autocanibalismo ao estilo Galicien.
Recoméndollo ao lector pero corre da súa conta.
Fernán da Veiga
Primeiro Acto: Os pais comenten fraude.
Comeza cando unhes pais vense na obriga de realizar todo tipo de trampas e argucias para -como bos proxenitores- darlles ás súas crianzas o mellor daquelo que teñen ao alcance da súa mao -iso sí, sen tirar un patacón do peto-. Xa que logo, cambian o padrón, a declaración da renda, etc... para conseguir un bo posto nas listas de admisión de determinados colexios concertados. Qué bon pai/nai non o faría???
Sabedores son de que coa súa acción moitos outros pais/nais de tantos e tantos fillos, cos mesmos direitos ca eles ou máis, dado que eles si cumpren cos correspondentes requerimentos, terán que levar a súa prole a outras escolas, posibelmente peores e máis distantes dos seus fogares.
Resignados asumen o mal feito: todo sexa por unha boa educación. A fin de contas é un mal menor... para eles, claro.
Segundo acto: Alguén denuncia, comeza o proceso.
Logo da denuncia dalgún pai... o inxusto proceso comeza a tomar forma, procedendo á revisión dos requerimentos previos e logo diso ao establecemento dunhas novas listas de admisión para eses centros.
Por desgraza, os nosos proxenitores favoritos non teñen a sorte de cara desta volta e botan de menos esa "mao amiga" dentro da consellería, esa mesma que en tantas ocasión fixo a vista gorda, deixándolles levar a cabo a súa excelente laboura como pais... é que agora cambiou o goberno... cachis!
O resultado é o esperado... os seus fillos non poden -que inxustiza- entrar nas prazas que de inicio tiñan "asignadas". Que inxusto!
Terceiro acto: Escenificación dunha pataleta.
Despois de percorrer todos os medios de comunicación da cidade e despois tamén de ameazar -manda carallo na Habana!- con diversas denuncias por "irregularidades" no proceso... os honestos pais non ven outra saida á súa dramática situación que a de escenificar unha esperpéntica manifestación diante dos responsabeis de Educación.
Entre outras cousas argumentan que os seus filliños van ter que estudar separadiños dos seus irmaos maiores... aínda que, como se pode supoñer, no seu tempo moitos destes tampouco cumpriran cos requisitos para poder acceder á praza! Iso non importa, detalles menores.
Case lles era millor dicir que os seus fillos teñen que entrar pq. son máis guapos! ou directamente, "en verdad es justo y necesario", ter algo de vergoña e calar a boca!
FIN ?
Quen sabe se a obra continúa?
Dende logo eu non vin cousa tan traxicómica e patética. O máis lamentabel do conto, alén da falla de vergoña en sí mesma, é que ninguén dixo nada a respecto deses outros pais e eses fillos que cumprindo co marcado... quedaron fóra do proceso de admisión! Toda unha homenaxe á desmemoria!
Xoan de Requeixo.
Pd: Espero non me ameacen a min tamén cunha denuncia. Como poden comprender... todo esto non é máis que unha mala ocorrencia, falta de graza, produto dos falsos estímulos que me chegan e perturban e sobre todo dun maxín enfermo da tan galega desconfianza.