3.5.06

Encol do Feismo

Na nosa viaxe mundialmente mundial pola Ribeira Sacra, e en vista dos nosos comentarios, fixen mentalmente unha serie de reflexións a considerar: a) O conceito "feismo" como aquel urbanita: Os urbanitas noutrora iamos ás aldeas co pescozo ergueito, rindo dos carros, das roupas, das falas dos "indíxenas"... e estes por imitación renegaron daquelo que lles era propio. Xa que logo... os urbanitas somos os xeradores primeiros do feismo. b) O conceito feismo como fillo dos "neodescubridores do país": Hai que ter ollo cos "neodescubridores"... tanto na fala, coma no folclore, arquitectura... Os principais renegados pasan á outra beira dun xeito radical... e na meirande parte das ocasións.... fano sobre o principio de "o toda a vida"... vida que como memoria é un intervalo certamente cativo e despreciabel. c) O conceito feismo como invento recente: Os máximos loitadores e resgadadores das formas da arquitectura, son/somos -como os neofalantes no caso da lingua- o principal exemplo do renegado e moitas veces descoñecemos a realidade que se agocha baixo unha ollada superficial aos elementos que criticamos. Noutrora calificariamos as casas rurais como "chozas para animais" e agora... consideramoas lindas "casas de turismo rural"; esquecendo no camiño as condicións culturais, sociais, económicas e aquelas propias do modus videndi rural. Aplicando esa visión urbana que considera que todas as casas do rural deberían pasar a ser vivendas "chalet" para xente que traballa ao xeito da urbe, nunha fábrica ou nun negocio e dentro sempre dun horario fixo e con todas as necesidades disponibeis ao alcance da mao... sen percatarnos de que os que viven no medio rural as veces botan xornadas de máis de 10 ou 12 horas de traballo arreo e que cando teñen tempo "libre" (bonita palabra, entelequia total ao falar do campo) adicano á reforma, coas súas propias maos, das súas vivendas. Tampouco consideramos as limitacións educativas.... producto da fame doutros tempos nin as máis que frecuentes limitacións económicas. d) O antifeista é, por principio, un facha cara os máis... non tanto cara sí. Non importa un carallo que viva nun ridículo piso de 30 metros cadrados... encadrados nun barrio de 120, nunha cidade ben pouco máis grande. El ten o direito a ir criticando e censurando a liberdade dos demais... o que lle gusta e o que non, aínda que a súa casa non seña tampouco un palacio e viva agobiado entre catro paredes de cutre cartón. Alén diso, cando ten cartos non permite que ninguén lle diga o que ten que facer nin onde, contratando para os seus propósitos a un criminal, "artista" tamén chamado arquitecto, e así realizar calquer tipo de desfeita sen máis miramentos, sexa na moderna urbe, nun casco histórico ou no seu recén descuberto medio, o rural. e) O antifeista é -case sempre- a versión galega-urbanita do "guiri dos madriles"... que chega o día da festa criticando aquelo que non se fixo segundo o seu criterio; iso sí, sen dar el nunca "o callo" e sobre todo sen soltar un peso para facelo. Son reflexións persoais, non ter moito en conta. Asdo. Xoán de Requeixo

4 comentários:

Anónimo disse...

Eu acho que a tua interpretaçao dos nossos comentarios é mais bem a plasmaçao do que tu pensas (desde faz mui pouco tempo).
a)Se tu ias às aldeias rindo não pense s que todo o mundo fazia tal. A maioria da populaçao galega nao é nem urbanita nem da boina. Se nao ex-boinas com uma perna na aldea e outra na cidade. Tu pensas que o feismo nasceu por o que diziam ou pensavam a gente das cidades dos habitantes do rural??? Ufff, polas pólas polas pólas
b)Nao hai que ser neodescubridor do pais para ser consciente do feismo. Pergunta-lhe a qualquer pessoa que venha de fora que pensa ...
Chamas-lhe renegados a rapazes filhos do que fugiram da aldea por buscar uma vida melhor e aos que se lhes privou da cultura dos seus pais (tanto por eles como polas instituiçoes em geral) e que num momento da sua vida trataram de recuperar isso?? Quem sao os renegados??
c)neofalante = renegado. Consideraste um renegado?
Ademais de rir-te quando ias à aldea pensavas que o que lá moravam eram animais e viviam em chozas. Acho que nao merece muito comentario.
d)Isto já é o maximo.O antifeista é facha. Mmmm. Freud teria tanto que dizer disto.
e)Deves ter feito um monte de estudos sobre o tema. Manexas datos (inventados) com uma facilidade. pasmosa.

Amigo Requeixo, acho que estas a sofrer uma especie de transformçao, de involuiçao às tuas origens mais chunguérrimas como dirias tu.

Trasancos disse...

Creo que o señor(a) 'Usuario Anónimo', falou por min, non vou engadir máis nada...

... boeno, si, se pode ser non volvas polas "origens mais chungérrimas"

Multidão disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Multidão disse...

Antes de entrar en materia contestarei ao teu primeiro apuntamento: é evidente que é a plasmación dos meus propios pensamentos e reflexións sobre o tema. É certo que é unha opinión relativamente nova, cousa lóxica dado que a visión das cousas é cambiante, evolue e avanza.

Imaxino que moita xente non coincidirá coas miñas opinións, ben é certo que podería moderalas un chisco, e que quizais poden interpretarse dun xeito inapropiado. Nese senso, e no meu descargo, direi que foron feitas en primeira persoa, esto é, sendo eu actor principal, o primeiro en aplicarme o conto.... así que de ofender, eu mesmo estaría sendo ofendido.

Sei ben - eu tamén me sinto así- que a realidade galega non establece fronteiras claras entre urbe e campo. Estamos -as máis das veces- entre vasos comunicantes, formando parte dun lado ou doutro en función das circunstancias, sempre -como ben dis- estando nun sitio pero ollando pro outro; pese a iso, opino que moitas cousas aconteceron e acontecen como eu relato: por imitación, por non sentirse inferior, por envexa... pola fachenda de moitos... quizais por todo iso a un tempo.

Por outra banda... normalmente cando se fala de feismo... recórrese á típica imaxe dun cabaceiro de cemento, unha casa de fiestras de alumino e muros de ladrillo sen recebo... case sempre no ámbito rural, e eu pregunto: a qué de se debe iso? Non se prantexa o mesmo con barrios enteiros das urbes -ocórrenseme a Agra do Orzan ou os os modernos "Cantós de José Antonio"- Repito: A qué se debe iso?

Insisto no tema, non gosto de ir polo paisiño adiante dándolle clases a ninguén. Penso que os habitantes das urbes non somos quen de ir por aí coa cabeza estirada pq. temos moito que calar tamén e no irlle por aí sinalando esta ou aqueloutra desfeita e máis sen saber, sen coñecer, as razóns que se agochan baixo ela.

Reafirmome, non podemos ver as vivendas do campo como "chaleciños" onde nos recollemos nas nosas vacacións ou logo dun feliz día de traballo na fábrica ou no negocio. Digamos que no rural as cousas mídense noutros parámetros, tanto sociais, económicos ou o propio xeito de vida. Xulgar a priori, sen máis coñecementos, implica caer en moitas inxustizas e eu, dende logo, pretendo evitalas... para que o entendas... é como xulgar as roupas desfeitas dun home... sen saber se ten cartos para mercar outras ou limpar as que leva!!! Así de claro e así de inxusto e máis aínda dado que partes da base de que somos minimamente coñecedores da realidade da que estamos a falar.

Non estou a dicir que o aintefeista/neofalante (eu puxen este último como simple exemplo) sexan renegados no senso que ti pretendes. Refirome ao feito de ter que refacernos todos para construirnos de novo, renegar -parcial ou totalmente- de quen fumos antes... do aquel urbanita... da lingua que falabamos e todo iso... e nesa condición de "recén chegados" acho que deberiamos mostrar unha comprensión e sobre todo unha humildade da que non facemos gala as veces. Esa é a interpretación que tes que facer das miñas palabras e non outra.

Con respecto ao das "chozas": Dun tempo a esta parte as vivendas rurais pódense refacer dunha maneira máis ou menos factibel... noutrora non era tan así: pedían moito esforzo e carto e non todo o mundo tiña esa posibilidade nin esa visión da que ti falas e máis cando eran, ou son, os propios paisanos os que facían, como ben podían, as suas propias reformas. Pódeche parecer a miña unha ponderación desmesurada mais non o é tanto. Non todo o mundo dispoñía de efectivo para remozar ás súas vivendas e moito menos ao nivel que se pretende as veces, facer inversiós fortes, etc... Non vou dar exemplos que eu ben coñezo mais o máis elemental foi -en moitos casos- un imposibel até fai ben pouco.

Cando digo que o antifeista é un facha non o digo por dicir. Digoo dado que non teño eu tan claro que el mesmo vaia a aplicarse o que predica. Evidentemente non é xeral pero acontece: a critica "a pao seco" é fácil mais logo se esquece e máis cando un construe unha vivenda ou arranxa unha. Alén diso, moitas veces critícanse determinadas concepcións de feismo pero permítense outras que van máis a gusto do "consumidor", sobre todo se este último ten cartos, claro, e contrata un arquitecto de renome, por moito que esnaquice o entorno ou por fea e extravagante que resulte a súa obra. Volvo polos meus foros: un "facha" que lle aplica aos máis regulamentos e límites que non sempre se aplica a si mesmo. Evidentemente hai excepcións, como en todo, mais iso de ir de casa en casa "comentando a xogada" desta desfeita ou aqueloutra... xa o ven dicindo todo.

Xa sabes que non teño datos, só percepciós subxeitivas: as miñas. Acho que queda ben claro que son producto de reflexións persoais... non quere dicir que teñas que estar de acordo nin que teña a razón no que digo. Simplemente plasmo a miña opinión, para tratar de evitar caer eu mesmo nese papel de "antifeista" de tres al cuarto.

Por último, se teño que revisar os meus prantexamentos non teño problema en facelo... levo facendoo moito tempo, con acerto ou sen el. Neste caso non deixo de estar en contra das "agresións" á arquitectura, a paisaxe,... non deixo e non deixarei de estalo... do que renego é da falla de comprensión, humildade e modestia que se ten as veces.

Se teño que recuar nese punto -modestamente penso que pouco me compre-, farei por facelo.

Asdo.

Xoan de Requeixo