Na nosa viaxe mundialmente mundial pola Ribeira Sacra, e en vista dos nosos comentarios, fixen mentalmente unha serie de reflexións a considerar:
a) O conceito "feismo" como aquel urbanita: Os urbanitas noutrora iamos ás aldeas co pescozo ergueito, rindo dos carros, das roupas, das falas dos "indíxenas"... e estes por imitación renegaron daquelo que lles era propio. Xa que logo... os urbanitas somos os xeradores primeiros do feismo.
b) O conceito feismo como fillo dos "neodescubridores do país": Hai que ter ollo cos "neodescubridores"... tanto na fala, coma no folclore, arquitectura... Os principais renegados pasan á outra beira dun xeito radical... e na meirande parte das ocasións.... fano sobre o principio de "o toda a vida"... vida que como memoria é un intervalo certamente cativo e despreciabel.
c) O conceito feismo como invento recente: Os máximos loitadores e resgadadores das formas da arquitectura, son/somos -como os neofalantes no caso da lingua- o principal exemplo do renegado e moitas veces descoñecemos a realidade que se agocha baixo unha ollada superficial aos elementos que criticamos. Noutrora calificariamos as casas rurais como "chozas para animais" e agora... consideramoas lindas "casas de turismo rural"; esquecendo no camiño as condicións culturais, sociais, económicas e aquelas propias do modus videndi rural. Aplicando esa visión urbana que considera que todas as casas do rural deberían pasar a ser vivendas "chalet" para xente que traballa ao xeito da urbe, nunha fábrica ou nun negocio e dentro sempre dun horario fixo e con todas as necesidades disponibeis ao alcance da mao... sen percatarnos de que os que viven no medio rural as veces botan xornadas de máis de 10 ou 12 horas de traballo arreo e que cando teñen tempo "libre" (bonita palabra, entelequia total ao falar do campo) adicano á reforma, coas súas propias maos, das súas vivendas.
Tampouco consideramos as limitacións educativas.... producto da fame doutros tempos nin as máis que frecuentes limitacións económicas.
d) O antifeista é, por principio, un facha cara os máis... non tanto cara sí. Non importa un carallo que viva nun ridículo piso de 30 metros cadrados... encadrados nun barrio de 120, nunha cidade ben pouco máis grande. El ten o direito a ir criticando e censurando a liberdade dos demais... o que lle gusta e o que non, aínda que a súa casa non seña tampouco un palacio e viva agobiado entre catro paredes de cutre cartón. Alén diso, cando ten cartos non permite que ninguén lle diga o que ten que facer nin onde, contratando para os seus propósitos a un criminal, "artista" tamén chamado arquitecto, e así realizar calquer tipo de desfeita sen máis miramentos, sexa na moderna urbe, nun casco histórico ou no seu recén descuberto medio, o rural.
e) O antifeista é -case sempre- a versión galega-urbanita do "guiri dos madriles"... que chega o día da festa criticando aquelo que non se fixo segundo o seu criterio; iso sí, sen dar el nunca "o callo" e sobre todo sen soltar un peso para facelo.
Son reflexións persoais, non ter moito en conta.
Asdo.
Xoán de Requeixo