2.6.06

Reflexións

Aproveito estes momentos de relax que me deixa o venres noite para -mentres me tranquilizo e descanso- plasmar algunha reflexión sobre cousas que levan indo e vindo da miña cabeciña nos últimos días. Unha delas é a continuación do debate en torno a prostitución. Xa prantexei no seu día as miñas dúbidas sobre como debera ser tratado este fenómeno. Imaxino que non é cuestión de mirar para outro lado nin tampouco unha regulación "ancha es Castilla"; nada diso resulta demasiado convincente, polo menos pra min. Resoan por aí ecos que falan tanto a favor como en contra, un rebumbio tan grande que non deixa pensar con claridade e decidir que partido tomar. En relación con isto direi que atravesando recentemente o barrio da cidade que frecuentan agora para traballar -unha vez derrubado o Papagaio-, atopei, esperando aos clientes, unha rapaciña morena que escasamente superaba a veintena. Vela foi como un lóstrego que derrubou todas esas andrómenas, eses contiños da feira que tiña na cabeza e botou abaixo esa visión de mundo feliz... esa imaxe de documental no que mesmo un chegaba a pensar o que estaba perdendo por non ser -salvando as distancias- prostituta, coma un deses anuncios de compresas nos que "me gusta ser mujer". O meu pensamento foi inmediato, dixenme... "pero qué fai aquí esta rapaza??? Se é case unha nena! Vaite pra casa, coño, mañá seguro que tes exame no instituto".... Ao día seguinte pasei tamén polo mesmo lugar, non a vin, imaxinei que estaría exercendo o seu oficio e iso aínda me fixo sentir peor. Trocando o paso. Outro tema do que gustaría falar son esas pequenas historias non desveladas, que gardan eses anciáns que ben podemos atopar calquer día de paseo ou no parque ou na cola das receitas do ambulatorio. Nunca se lles presta demasiada atención, ignorantes do seu curriculum e as súas experiencias. Coñecín recentemente a historia dun deles, por cuestión do traballo, e foi algo que me deixou fondamente aquelado. Aquel "vellote" tomou parte na Guerra Civil polo bando republicano, fuxiu por Valencia até África, unha vez derrotado o bando roxo; na Segunda Guerra Mundial foi membro da Lexión Extranxeira Francesa, sobrevivindo, nin máis nin menos, ao desembarco de Normandía e sendo logo un dos primeiros en liberar París... toda unha testemuña da historia, a dun galego, un veciño calquera, non un heroe de película barata, non un frío dato nun libro, non, unha persoa viva que pasou por todo iso e coa que, sen darnos conta, nos cruzamos todos os días. Habería que saber tirar proveito desas cousas, aprender unha chea de leccións dunha vida coma esa, iso quizais axudaría a que certos erros non se repetisen nunca máis. Ligado a isto direi que hoxe -logo de moitos anos querendo ir e non indo- visitei o cimiterio de San Amaro na cidade da Cruña. Nel están enterradas personaxes de renome e relevancia: dende Murguía *, que repousa lonxe da súa muller, Curros, Pondal, o mestre "Chane"... e tantos e tantos outros que non puidemos atopar por descoñecer a súa localización. Chamáronme moito a atención varias sepulturas de militares mortos ao longo da Guerra Civil, todos do bando franquista, é de imaxinar. Eran sepulturas nas que as propias familias, imaxino que a nivel particular, facían mención ao rango do militar, a batalla (fronte do Ebro, Castellón...) onde caeu e case sempre unha clara mensaxe de apoio a España e ao réxime que daquelas estaba nacendo. Non creo que sexan os únicos soldados mortos en combate enterrados nese cimiterio, imaxino que hai unha longa lista deles que caeron tamén en terribeis batallas e guerras mais son -podo estar equivocado- os únicos que utilizan ese pequeno espazo que é unha lápida para ceibar dalgunha maneira a súa carraxe contra o bando contrario e iso da idea do encono, da rabia, da loucura dunha guerra como a que se viviu naqueles anos. Haberá quen faga leituras revanchistas, ou triunfalistas, non o sei, mais o que eu penso é que todo iso simboliza moito, caracteriza perfectamente a tolemia vivida e serven quizais de exemplo para os que negan a historia ou para os que a esquecen. Asdo. Fernán da Veiga

Sem comentários: