31.8.06

De Profundis

Nunca me achegara unhas queixas tan fondas e sentidas, ao tempo que excelentemente representadas e escritas. Nunca topara ese xeito de reproche, que acaba finalmente converténdose nun perdón, no que o home arruinado, física, economica, moral e artisticamente acaba por renacer -como se todo o pasado non fose máis que un deses ritos iniciaticos que te levan á morte para volver aparecer mellorado- e así rematar a obra, esa carta, despedindo ao seu malfeitor cun simple e sorprendente... "un afectuoso saúdo amigo".

Eáns de Cotón

Pd: Obrigadinho ao Sr. Krilin.

Cadavere bonito...

Doutor: - Ten vostede o colesterol xusto no límite.... Hai que coidarse, facerlle dieta, moverse, practicar deporte.

Eu: - Non será para tanto, home, ademáis... qué foi daquilo de deixar un cadavere bonito e xoven?

Doutor: - Pasácheste.

Eu: - E logo? Tan mal me dan esas cousas? Tan mal me sairon as análises? Mi maaa!!! Xa a fodimos, xa dicía que que tanto raxo e tanto viño non eran boa cousa.

Doutor: - Que xa te pasaches, pasmón!... para iso do cadavere... chegas 6 ou 7 anos tarde!!!

Eu: (Pros meus adentros) Será cabrón o matasanos! Non habia millor xeito de dicirme que vou vello!? Esta gárdolla, a próxima vez traiolle os ouriños do meu can!

Fernán da Veiga

30.8.06

Febre do Ouro

Logo de moitos anos de penuria e emigración... os galiciens descobren a nova fonte da riqueza, esa sorte de febre do ouro que converte en solares e pisos o que antes non eran máis que leiras a pe e praia.

Estamos apañados; morre a costa.

Fernán da Veiga

24.8.06

Adeus, Plutón

Indignado estou, si, paréceme fatal. Falo da recalificación sufrida estes días por Plutón, que deixa de ser planeta despois de moitos anos formando parte de tan selecto clube. As razóns, estúpidas. por ser pequeno. cantas veces tivemos que escoitar que o tamaño non importa.... pois polo visto sí, sí que importa. Estou seguro que o PP anda detrás de todo isto, ou porque non poden recalificar leiras alí, porque non hai montes que queimar, ou a saber por qué razón será. Espero que reconsideren a sua postura os señores astrónomos, porque, non por ser frío e pequeno alguén poida ser marxinado, salvo que os intereses urbanísticos "peperos" teñan que ver, cousa por demostrar. Ainda lembro cando, por razóns administrativas, Celta e Sevilla foran descendidos a 2ª, e ó final creárase unha liga de 22 equipos. ¡¡ Saiamos á rúa para que Plutón recupere o lugar que nunca debeu deixar!! Paquito

23.8.06

Carballeira de San Xusto

O ano pasado tiven a sorte de tomar parte nunha excursión polas terras de Cotobade e o seu entorno. Estiven sempre moi ben acompañado, de amigos e bos gaiteiros.

Lembro ter feito unha "crónica" daquela experiencia, do ben que o pasei e do marabillado que quedei de ver e desfrutar toda aquela natureza e cultura.

Fai unhes días a Carballeira estivo seriamente ameazada por mor do lume. Por sorte, grazas ao empeño dos viciños, non ardeu pero o seu entorno máis próximo si sufriu as consecuencias do devastador inferno que asolou aquela zona.

Atopei este relato do suceso, que narra perfectamente, dun xeito estremecedor, como foi o que viciños tiveron que facer para defender a súa benquerida Carballeira.

Vai por eles. Ánimo.

Fernán da Veiga

17.8.06

O tamaño... si importa

O arroutado Home Z, político de profesión, sube á tribuna de Parlamento cunha máis que evidente cara de enfado, un cabreo deses históricos, de órdago á grande.

Comeza a súa ardente crítica ao traballo feito polo goberno lanzando toda chea de estatísticas e cifras; o homiño séguese quentando, ponse roxo, da raiba e do encono, mais non perde un segundo e da boca saenlle, como disparados, toda sorte de números e máis números, referidos todos eles ao total de hectareas queimadas este ano en Galiza.

Logo dun anaco, despois de ter empregado máis da metade do seu tempo e sen un só respiro, un dos seus asesores achégase onda el, coa maior discreción e disimulo posibel. Ao ouvido e moi baiximo coméntalle que teñen cometido un grave erro coas cifras... coa premura, co forza do discurso, coa tensión do momento, coa "emosión"... deu un total de superficie queimada ben superior ao total do noso País, pasándolle cerca mesmo á extensión de Andalucía.

Sen despeitearse, baixa da tribuna todo cheo, como se aquelo non fora consigo. El tiña feito o seu traballo, que era criticar e desprestixiar ao goberno... xa lle botará a culpa á NASA, que coño!

Xoan de Requeixo

Pd: Evidentemente o escenario anterior é irreal, ou non?

15.8.06

Da anédota á norma

Unha vez máis preténdese saltar do meramente anedótico á norma; facer do exemplo curioso, singular -mesmo "folclórico"- un padrón, unha norma de aplicación xeral.

Deteñen a tres ou catro delicuentes, de baixo perfil: algún tolo, unha vella con renciñas entre veciños e algún caso extraño máis.. e xa pretenden estender ese perfil a todos os causantes da desfeita.

Eu non dou creto, non podo crer nin acreditar que todo isto sexa causado por catro simples tolos.

Esa explicación seralle válida para os medios de madride, sempre empeñados en caracterizarnos como "Galiza profundis" mais non é válido para quen pretenda analisar a realizade do que está a pasar dunha forma abxectiva e minimamente seria.

Que lle vaian co conto a outro!

Xoan de Requeixo

12.8.06

Contas pendentes

Onte escoitei as declaracións de deputado Popular, o Sr. Roberto Castro, lanzando serias críticas á política anti-incendios que está a levar a cabo o actual executivo galego. Afirmaba o Sr. Castro que non era certo que houbera cambios na tipoloxía do lume nin na suposta organización dos incendiarios nin as teorías das tramas ou mafias... pola contra, demostrando tanto coñecemento na materia, non deu explicación algunha a respecto dos porqués que -en 16 anos de goberno- o seu partido non foi capaz de aclarar, dúbidas aínda pendentes a respecto do lume logo de tanto tempo. Quizais habería -antes de lanzar críticas inoportunas, dada a extrema situación que se está a vivir- que saldar contas pendentes na xestión feita polo seu propio partido. Xoan de Requeixo.

10.8.06

O inferno

Hoxe teño que dicir as cousas como as sinto, como me saen de dentro, como as levo gardadas dende o día en que o noso paísiño comezou a arder polos catro costados, ben, fundamentalmente por 2, as provincias da Cruña e Pontevedra. Eu teño a sensación metida na cabeza de que alguén non foi capaz de atopar outro petroleiro para derramalo diante deste novo goberno e a falta diso, tomou a decisión de convertir o noso territorio, ou boa parte del, no máis parecido ao Inferno. Lévanse vertido moitas burdas mentiras, dun xeito noxento e rastreiro e mesmo teño tamén a impresión de escoitar discursos preparados de antemán. O que máis me doe é que entre elas teñen posto a caldo a todo ese exercito de homes e mulleres que están a deixar o pelexo na súa loita sen descanso contra o lume. Teñenos tildado de faltos de experiencia, de faltos de organización e barbaridades polo estilo... e mentres tanto eles dando o callo a pe de lume. Non hai máis que verlles a cara de fatiga, o ánimo desfeito, o cansanzo até a extenuación... para darse conta de que nada diso é certo. Non é cuestión de falla de organización nin experiencia, todo iso sobra, sobra pero no bando contrario, no lado dos que no seu día argallaron toda esta estratexia da desfeita, do pánico e do medo, todo elo igualmente provocado, dado que eiquí xa nada é casual. Cada quen que tire as conclusións que estime oportunas e chegue tan lonxe como queira nos seus pensamentos. Eu teño claro que fai moito que deixei de crer nas meigas. Xoan de Requeixo

8.8.06

"Rejas en la memoria"

Vou deixar temporalmente aparcado o tema dos lumes -por unha cuestión de saúde mental, obviamente críspame en demasía- así que aproveito para comentar un documental que estiven vendo onte pola noite. É un traballo -pra min excelente- titulado "Rejas en la Memoria", feito polo director Manuel Palacios. Nel exponse a realidade até agora agochada dos campos de concentración franquistas, aportando unha visión complementaria e necesaria do que foi o vello réxime e a crueldade da postguerra. As testemuñas de homes e mulleres que viviron aquel inferno non deixan frío ao espectador, todo o contrario, situante -aínda na distancia- por momentos no seu pelexo, no calvario dos traballos, na penuria da fame, no pretendido e frustado lavado de cerebro. Evidentemente o traballo da moito máis de sí que este meu comentario e por iso aproveito para recomendarllo a todo o mundo. Non perdan a ocasión. Fernán da Veiga. Pd: Graciñas ao compañeiro que me dirixiu cara este documental. Paga moito a pena.

7.8.06

Vítima 45

Xa son un total de 45 as mulleres brutalmente asasinadas a maos das súas "parellas" no que vai de ano. Vanessa, a vítima de hoxe -toda a nosa solidariedade con ela- é quizais algo especial, dado que finou logo dun ano enteiro de calvario na unidade de queimados dun hospital. Calquera que coñeza a dor que se vive nunha desas unidades -aínda que sexa coma no meu caso por referencias de amizades que por sorte poideron contalo- comprenderá o suplicio inenarrabel que esa muller sofriu; unha tortura, un auténtico horror que se alongou no tempo durante os máis doce meses que a pobre muller aguantou. Un recordo sinceiro pra ela e pra esa outras 45 vítimas do absurdo. Fernán da Veiga

Carroñeiros

Xa están aí os carroñeiros de sempre pretendendo tirar proveito da desgraza do lume. Ese lume que nos abrasa e leva por diante algo máis fondo que os montes que se queiman, arrasa tamén o interior de moitos de nós, cando vemos na distancia da estrada o monte ardendo. As feras, esas "hienas", andan á procura do correspondente Prestixe -desta volta sen chapapote, simplemente co gris e negro da cisa-, buscando unha nova traxedia que lle botar aos fuciños ao novo goberno. 100 incendios no prazo de 2 ou 3 días son máis que abondo pra tirar abaixo inxenuidades; para pensar que todo iso débese en exclusiva á mala idea dalgún tolo ou algún especulador. Non, non podemos crer nas casualidades, está claro que non, todo está demasiado controlado e dirixido como para pensar en cousas de simples afeccionados. Aínda descoñecendo que é o que move os fíos desta sorte de terrorismo, quizais amalgama de intereses políticos, urbanísticos, económicos,... demostran ter fortes gadoupas, unha grande organización e alén diso son bos coñecedores do terreo por onde se moven. Non deixan fío algún por atar. Xoan de Requeixo.

5.8.06

Lume no país

Ás veces pódese sentir noxo, desprezo ou náuseas por determinadas persoas no mundo que fan determinadas cousas. Pero para a xente que queima os montes, iso é pouco. Onte voltaba eu da Coruña, e chegando a Santiago collín pola autoestrada para chergar a Vigo. Eran as 18:00. Pois dende Santiago a Vigo, non deixei de ver fume e lapas por todas partes. Había momentos onde a visibilidade menguaba. Na zona sur de Santiago era tal a fumeira que pensei que reventara algo, unha gasoliñeira, non sei, pero era espectacular. Xa por Pontevedra víanse incendios por todos lados. O do Morrazo era sangrante: ardía polos dous lados, e os avións xa se vía que non daban abasto. Pola zona de Cesantes ou Arcade (intúo), o lume rondaba as vivendas do lugar. Pensaba que a lei do goberno de prohibir a recaliicación de terreos queimados ía servir de algo, pero está visto que non. É unha impotencia ver como parte da riqueza natural deste país morre co lume. Non podo imaxinar canta xente pode haber que sexa capaz de facer algo así, e nin por asomo se me ocorren motivos para pensar que alguén poida ser tan inconsciente como para chegar a tales extremos de neglixencia. Non sei qué se debería facer coa xente que collen prendendo lume no monte. Metelos no medio do incencio paréceme pouco e inxusto para o propio monte, porque xa bastante ten con arder como para que enriba o enchan de merda. Eu, dende logo, non sei como reaccionaria se vexo a alguén facendo algo así, é mellor non pensalo, pero seguro que remato no caldeiro eu antes ca él. Paquito

3.8.06

Dos arquivos galegos

Un dos primeiros debates abertos polo deputado galego Francisco Rodriguez no parlamento de madride foi o de reclamar o envío da documentación medieval dos mosteiros galegos, entre eles o de Monfero e o de Caaveiro. O tempo foi pasando e a súa petición pareceu caer no esquecemento máis absoluto. Imaxino que é o normal dado que o caracter galego por forza ven sendo pacífico e calmo, debe ser efecto da impotencia de sentirnos gobernados, até fai nada, por "axentes estranxeiros", así foi ao longo de moitos séculos. Non hai moito apereceu unha nova na que se prantexaba novamente a cuestión e tamén se informaba da importancia deses documentos para poder facernos unha idea de conxunto do que foi a historia de Galiza. Coma sempre a solución adoptada chega tarde mais se ao final estamos no camiño de desfrutar e aproveitar toda esa información... sempre estaremos a tempo. Eáns de Cotón Pd: Sorprende -daquelas e actualmente- que esa solicitude non vaia abalada por historiadores, mestres, rectores das universidades galegas e outros persoeiros do ámbito histórico e cultural. Non están -outra vez- á altura.

Raiba

Veño hoxe particularmente encendido, primeiramente ao sentir esa nova na que relataba a perda dun órgano por mor da inxusta folga do aeroporto de Barcelona. Coñezo ben a tensión e o medo que supón ter a vida pendente do fío do teléfono, esa sensación, a espera dun órgano para un trasplante, é unha sensación fodida. Mais non foi só iso, a persoa á que supostamente estaba destinado o organo botado a perder xa fora avisado e estaba disposto -imaxino- para someterse a esa operación que tanta incertidume esperta pero tamén abre tantas esperanzas. Non podo deixar de pensar no que pode estar pasando ese home, esa impotencia, esa rabia... Unha vergonza, un despropósito polo que deberían responder máis de catro. O outro causante da miña raiba foi a visión na tv deses "democratas disitentes" reclamando a participación do exercito no derrocamento do réxime cubano, nin máis nin menos que un golpe de estado. Pois anda que se é así como queren dar comezo á transición... Deus colla confesados e ben confesados aos nosos amigos cubanos... polo que a min respecta, todo iso reafírmame no meu apoio ao Fidel e ao seu réxime. Non quero ver como subastan a illa por catro pesos, se é que non o fixeron xa. Fernán da Veiga

Temas serios... xente non seria

Segundo parece o Sr. Losada evita falar de certos temas argumentando para iso que el só fala de "temas serios". Resulta cando menos chocante vindo dun home que non hai moito colgábase medalliñas de iluminado visionario por ter instalado o trenecito chucuchu e agora dar comezo o estudo dun metro lixeiro para a cidade. Está visto meu home, falar só falarás de temas serios... pero dicir dis cada parvada que mellor che era estar calado. Xoan de Requeixo

1.8.06

Saude pro comandante

Todos sabemos que facer distingos entre dictadores é unha aventura arriscada mais no caso que esta de actualidade, o Cubano, posibelmente sexa mellor ir tirando co vello Fidel que abrille as portas a unha eventual pero case segura intervención norteamericana. Pois iso, por se acaso, en previsión de males maiores... moita saude Fidel! Xoan de Requeixo