31.12.06

Brinde

Se non fose politicamente incorrecto diría que xa estou imaxinando, a máis de un e máis de dous, cual carroñeiros á espera de despezar á súa prezada presa.

Xeito curioso de festexar o remate do ano.

Coma case sempre... "a ledicia" vai por barrios.

Xoan de Requeixo.

29.12.06

O monte (e non o Gaiás)

Tanto os vellos carregos do Partido Popular coma os actuais membros do goberno galego teñen unha teima en común, o monte Gaiás, ese emprazamento destinado á cidade da cultura ou, como eu lle chamo, ao Come Cartos de Galiza.

Logo de moito dilucidar, de pensar e repensar que facer coa herdanza fraguiana, a actual equipa de goberno decidiu tirar para adiante até o extremo de "apropiarse" de tan magna obra. O resultado disa decisión xa se verá. O inmediato é tan claro como que non van poder dicir o día de mañá que "esa pataca quente non era súa". Xa non é tal.

Mentres tanto logo, xa digo, de facer renacer o proxecto das súas cinzas, procurando certas "asistencias" por parte de universidades e empresariado, o auténtico monte galego fica máis desolado ca nunca e non exclusivamente por mor da vaga de lumes deste vrao pasado.

Por motivos que non veñen ao caso teño feito moitas viaxes -de extremo a extremo- ao longo da xeografía galega e neles teño visto moitos, moitos lugares onde non hai xa vida algunha, nin posibilidade de que a haxa; somentes cumios e montes petreos, auténticos pedregais onde calquera capa de manto vexetal foi arrastrado de xeito definitivo, se é que non se lle pon remedio.

Esa desertización é un problema serio, que afecta -digo isto sen ser experto na materia pero aínda así é algo demasiado evidente- aos ecoxistemas, á erosión, ás riadas... e mesmo á idea que nós temos da paisaxe.

Moitos lugares vémolos hoxe pelados, somentes pedras: moitos na Costa da Morte, outros en Padrón ou na Cañiza... e atribuimos ese fenómeno da falla de vexetación ás inclemencias do tempo, ao vento, á xiada... cando iso non acontece así salvo en contadas ocasións.

Sería necesario por medidas para paliar ese problema, pedindo para iso o consello e a mediación das institucións relacionadas coa materia (neste caso sí ás universidades e sí tamén ao empresariado) e non deixar pasar máis tempo até que vexamos unha grande parte do noso entorno convertido nun deserto de pedras e rochas.

Fernán da Veiga

23.12.06

Solución de consenso (sen-senso)

En vista dos avances acadados recentemente no tocante á universalización dos nosos símbolos patrios, estamos á espera do seguinte e definitivo paso en materia de normalización cultural e política, ese mesmo que nos vai levar ao acordo, xa tardaba, en materia de redacción do novo estatuto Galicien...

O limiar acordado entre as forzas (o BNG non entra dentro desa definición, dado o seu caracter galego sube-baixa-escaleiras e o bipartidismo reinante) é o seguinte:

"Galizia, Nazón Andaluza."

Así mesmo a Capitalidade, noutrora punto de enfrontamento entre Cruña e Compostela, pasará directamente a Caí "pixa"!, aforrando debates e pechando feridas aínda sangrantes.

De igual xeito, o corpo do noso benquerido apóstolo Santiago será levado até a Mezquita de Cordoba, entre palmas e rasgueos de guitarras, ao son de soleares, seguidiñas e algunha que outra herba propia do lugar e, xa que logo,... o Camiño traslada o seu destino dende Fisterra até o lonxano Rocío (evidentemente).

Así nos vai.

Xoan de Requeixo

Pd: A Villarino é poñente do Estatuto??? Non!!! NON!!! NON!!!! Deus nos colla confesados!!!

Pd2: Aqueles que obviamente discrepen serán correspondentemente tildados de ignorantes! Non podía ser doutra maneira.

22.12.06

O conto do gato

Pese a chegada do inverno, a recente interpretación do himno galego a xeito "lolailo" non deixou frío a ninguén. Coma en tantas ocasións, non pasou inadvertido e mesmo as reacción contrarias foron empregadas como armas políticas para así demonizar -como non- aos críticos nacionalistas.

Particularmente penso que determinados símbolos son un ben a respeitar; principalmente para que non haxa malentendidos, cabreos nin pelexas, todas elas a evitar na medida do posibel.

Quen parece ter unha visión e unhes gustos diferentes aos meus -e aos de moitos outros!- é a Sra. Presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino; empeñada en misturar os seus gostos particulares, o refraneiro popular -enténdase por aquelo das 7 tazas!- e finalmente, para millorar a receita, un certo aquel cuasi cómico, moi similar ao conto aquel do home, que magullado e desfeito, espetaba ao persoal a xa mítica frase de "O gato é meu e fodo nel canto quero!".

O caso é que non estamos a falar do gato da Sra. Villarino se non dun dos símbolos que nos representan e pertencen a todos. Non esquecer.

Xoán de Requeixo

3.12.06

Logo dos 4 anos

Aqueles que participamos naquelas manifas de fai catro anos estamos á espera de coñecer cales son as medidas artelladas para tentar evitar catastrofes como as que tantas veces sofriu a nosa costa e en xeral o noso País.

Cecais agora a máis inmediata ameaza non veña propiamente polo Mar se non por terra... entre camións, formigoneiras e paleadoras... contra ela tamén deberiamos estar alerta, impedindo desfeitas que pouca volta atrás terian.

Nese senso... a cidadanía, unha vez máis, debería non baixar a garda e ir máis aló que os propios políticos.

Fernán da Veiga

Polonio e outras falacias

Mentres as autoridades norteamericanas e europeas nos atormentan, día a día, mes a mes, con novas e absurdas medidas de seguridade, parece que máis de un e dous andan por aí libremente, sen atranco nengún, manexando e manipulando elementos radioactivos perigosos -quen coñecía o tal Polonio antes diso?- sen que haxa autoridade algunha que controle tales movementos.

Era cousa ben sabida que todo isto tiña por único obxecto xerar temores e inseguridades para, sempre en base a iso, poder controlar e recortar as escasas liberdades que nos deixan. Tales medidas non serven máis que para levar a diante esta "xestión do medo", que tanto e tan ben lles renta a determinados sectores da política nacional e internacional... aínda que as veces parece o contrario.

Fernán da Veiga.

Pd: É evidente que hai substancias máis perigosas ca iso... mais estamos seguros de que non circulan tamén por aí?

2.12.06

O raposo

Un día o raposo sentíu medo. Percibiu na lonxanía o ruido dos cazadores e o cheiro ameazante dos cans de caza. Non quixo esperar nin sair por novas presas. Rapida e silandeiramente recolleu os seus enseres, despediuse dos seus amigos e saiu ao camiño.

Non quixo advetir ao resto dos animais do perigo inminente. Sabía ben que eles serían os que facilitaran a súa escapatoria; gañando un tempo ben prezado e necesario para todo aquel que fuxe.

Agora, xa instalado na nova toupeira, revisa dende a lonxanía a prensa diaria. Sorrí cada vez que algunha nova relata a captura dalgún dos seus vellos compañeiros de fazañas (o xabarín, a perdiz, o cervo...)

Ao fin e ao cabo... por algo ven sendo o raposo...

Xoan de Requeixo

24.11.06

Diario dunha Fresa -25 de Novembro

O 25 de novembro debería ser unha data a non lembrar no calendario… Pero por desgraza debemos lembrar que esta data fai que recordemos Que 61 mulleres morreron este ano sólo en España por mor do terrorismo doméstico, Que cada día unha muller é violada no mundo, Que nenas moi pequenas son obligadas a prostituíse, Que a prostitución tamén é violencia de xénero, Que moitas mulleres non teñen as mesmas oportunidades de estudio e de traballo igual que os homes, ……… E poderiamos seguir, pero o resultado é o mesmo, ter que seguir alzando a voz dicido Non a desigualdade Non o abuso sexual Non os malos tratos Sí a politicas de igualdade Sí a unha lei que castigue os que mercan mulleres e nenas Sí as condenas máis duras para os maltratadores E grazas para tod@s os que loitan tódolos días do ano mantendo vivo o espirítu violeta.

18.11.06

Nazón de Breogán

Debate estatutario ao máis puro estilo galego... nin somos Nazón nin farrapo de gaita... sempre a mesma visión, sempre dende a óptica máis típica, tópica e esteriotipada; esa do pseudofolclorismo "celta", tan doutras épocas, tan anacrónico e baleiro de contido.

Qué implica o recoñecemento de Galiza como Nazón de Breogán? Nada, é obvio.

Está visto que hai determinados políticos que non dan a altura e moito menos cando o discurso ten que ser outro ben distinto; estamos ante un debate necesariamente serio, que vai marcar o noso futuro non menos de 20 ou 30 anos... e eles xogando a compoñer rimbombantes e revirados letreriños absurdos... "Nazón de Breogán, Terra dos Horreos, de homes de mar, do marisco e o polbo, das gaitas, do bo viño... e para comer Lugo (obviamente)"... iso que non falte na mellor composición de estampiña folclórica.

Xa os vexo posando a todos na típica postal para turistas, unha desas de "Recuerdo de Galicia": Quintana, Touriño, Feixoo... aos pes dun cruceiro, vestidos de traxe típico da era postfranquista: gaita na mao un (marella e roxa, por suposto), patela chea de sardiñas e xurelos outro e o que queda termando dunha parella de bois co seu respectivo carro.

É o noso, está visto.

Xoán de Requeixo

Saindo do abandono

A verdade é que temos a nosa "leira" un chisco a ermo. Faltan moitos e os que temos a teima de continuar con ela, escribindo algún que outro artigo, non sempre podemos dispor do tempo ou acceso necesario como para porse con isto de ir trascribindo pensamentos e reflexións do noso día a día.

Pese a todo eu penso que compre retomalo xa que resulta un exercizo gratificante, afasta a un doutras penurias diarias, alén de plasmar ideas para deixalas abertas a quen lle poidan interesar. Non é é fácil compaxinalo co horario laboral... e moito menos cando este absorbe tanto a un que case non se dispón de tempo de ler ou ver as novas do xornal ou televisión.

Así e todo... o propósito queda feito.. só hai que porñerse.

Fernán da Veiga

5.11.06

Altos cargos / Altas Cargas

Por motivos laborais puiden comprobar que a chegada ao goberno do PSOE/BNG non supuxo a tan esperada limpeza de cargos "dixitais" (esto é, postos a dedo) cos que se encheu a administración autonómica ao longo dos escuros anos de mandato do Vello Patrón (enténdase o Fraga).

Os que puiden coñecer até agora deixan moito que desexar no tocante á capacidade de traballo e á disposición cara o mesmo; iso sí, a súa situación permítelles facer gala dun pescozo tan estirado que resulta sorprendente que non vaian batendo contra paredes e obxectos, alén de padecer algunha que outra incómoda contractura.

Imaxino que a cousa é aínda máis preocupante posto que os recén chegados non só deixaron a estes sacrificados "traballadores" nos seus respectivos cargos, se non que tanto unhes coma outros incrementarían -isto é unha suposición miña- a plantilla cos seus respectivos amigotes, sempre a cargo do noso peto, claro.

Como exemplo somentes direi que algunha, logo de desempeñar máis de 4 anos o mesmo posto de "coordinadora", aínda ten que preguntar aos seus subordinados cal é o enderezo do seu lugar de traballo. Manda truco!

Xoan de Requeixo

22.10.06

Triste panorama

O panorama que ofrecen os políticos, tanto na España como aquí na Galiza, é desolador. O nivel que nos ofrecen non chega sequera ao mínimo.

Por unha banda, a medida que se achega a confrontación política, a batalla das urnas -neste caso, eleccións municipais- comezan a aparecer casos de corrución urbanística (e outras herbas) que até agora permanecían ocultos a nivel público ou xornalístico. Ante iso a única resposta que ofrecen os dous partidos maioritarios, eses que tanto fan a prol dun bipartidismo -que por sorte nunca chega!-, é a de dicir "nós si pero ustedes máis" e acabouse.

Con respecto a nós, a cousa tampouco da moito de si. Aquí temos un conselleiro que logo de que o seu partido dilapidase grandes sumas -cartos públicos, claro- en absurdos xuizos, perdidos de antemán, quere chegar ao "acordo" con respecto do topónimo herculino, tildando a quen esixe o cumprimento da lei de "fundamentalista" e atopando "solucións intermedias" que ben poideran ser de consenso, si, mais non logo de tantos anos de pasarse a lexislación e as sentencias polo forro e máis aínda logo de manter actitudes vergoñentas como aquela "entonación do LaLaLa" en boca do Sir de Punta Herminia.

Quen faga memoria e lembre actitudes e episodios pasados protagonizados polo Sirciño e o seu grupo (onde, por certo, estaba o mencionado conselleiro) verase na obriga de tomar partido a prol de quen defende e esixe que a lei sexa para todos a mesma e non un papel mollado, que políticos, fiscais e xuices interpretan ao seu antollo cando non lles resulta favorabel.

Alén do anterior, tanto con respecto ao topónimo como á corrución urbanística, a xente da rúa, aquela que fica afastada do día a día, tan lonxano e artificial, dos políticos, somos conscientes da falsedade dos discursos destes. Simplemente seguen a pauta que lles marca o calendario e o seu fin único, recibir votos aínda que seña comprandoos.

Xoan de Requeixo

15.10.06

Non falarán II

Pois así estamos... continuamos coa mesma política de boca pechada, escorrer o bulto, escaquearse e disumular mentres un asubía coa ollada perdida no ceo.

Xa vai sendo hora de que dean a cara os nosos representantes: co chapapote, cos lumes, coas construcción mais tamén coa fala, co maldito topónimo -e outras cousas da xustiza, que non é a mesma para todos!- e, como non, na música, na nosa, na dos gaiteiros galegos.

É tempo de deixarse de tibiezas e dicir as cousas como son. Non pode un vicepresidente dun goberno galego permanecer impasibel ante semellante ameaza cultural, coa que levamos anos sofrindo, loitando en inferioridade de medios mais non de esforzos. Impasibel ante esa peste!?

Tanta demora, tanta dilación e medias tintas en determinados asuntos é ben sospeitoso, sobre todo da falla de idea, de conceto de país, da cultura, daquelo que nos define e debera ser transmitido aos máis novos.

A ver se dunha vez se iluminan.

Eans de Cotón

As plantacións en Vigo

Parece que por unha vez hai cartos abondo para unha iniciativa en Vigo. Falamos dun feito que traerá grandes beneficios económicos a lungo prazo, ou canto menos esa é a idea. A vaga de incendios que trouxo de cabeza ó pobo galego neste verán non supuxo unha plantación tan masiva de árbores coma desa nova especie tropical urbana da que pretendo falar e, dalgún xeito, denunciar. Falo dos "radarus urbanisticus", praga que se está extendendo pola cidade a pasos axigantados. Este finde foi chegar e atoparme con case todos: nada menos que 3 no túnel de Beiramar, un na saída do túnel ó recheo de Bouzas, outro polo propio Samil, outro na Avenida de Europa.... Non sei cantos máis haberá, pero seguro que continuarán coa sua infección galopante. Penso eu se é necesaria tal persecución do coductor. ¿Tanto afán recadatorio existe? Os montes seguen estando queimados, mortos da risa (porque non dan cartos), pero iso si, inundar unha cidade de radares coa función de encher as arcas de cartos, iso si que ten presupostos inmediatos. Está ben que se fomente a condución cívica, pero isto xa pasa de control a auténtica persecución cidadana. Veremos os resultados. Paquito

14.10.06

Non falarán


Non falarán 

A respecto do topónimo herculino non valen medias tintas: ou se vela polo cumprimento da lexislación ou non se fai.

Non hai puntos intermedios nin espazo pra vaguedades que somentes benefician a aqueles que queren incumprir a normativa, aínda a costa de pasar por riba dos direitos de moitos dos que até fai unhes anos tivemos que tragar coas formas casteláns por mor do delirio do Paco Vazquiano.

As cousas claras.

Fernán da Veiga

10.10.06

Selección española: Benzón de nacionalistas

Así é, a selección é o exemplo máximo de todo o que representa a exacerbación da esencia española, da hispanidade en sí mesma: Unha casa de tolos, unha loucura, un barco á deriva, sen temón nen rumo fixo. Liortas, broncas e rebumbios varios son o pan noso de cada día.

E o máis chocante é que todo iso sementa a dúbida razoabel da necesidade da súa existencia, da súa razón de ser, dado que representa a todos... mais naquela faceta que menos orgullo nos fai sentir e alén diso, o uso político que dela se pretendeu facer estivo sempre ao mesmo nivel, baixo.

En resumo: unha carreira toda chea de exitos; o mellor exemplo pra cativos e rapaces.

Non resulta extraño que haxa quen non queira saber dela e pois toda unha benzón pros nacionalistas, que moito desfrutan do "espectáculo".

Fernán da Veiga

9.10.06

Empresariado Galego?

Moitas veces sentimos falar nos medios e na prensa de tal ou cual empresa de capital galego, factorias ou industrias que moven as veces importantes capitais pero que están rexidos por persoas carentes dunha mínima concepción de país, dunha mínima galeguidade.

Temos exemplos, moitos, dende as políticas laborais de empresas como Zara, o comportamento de Pescanova con respecto a Touriñan -todo un exemplo- e logo as recentes vendas doutras como Fadesa e actualmente Calvo.

Quizais a diferenza entre este suposto empresariado galego e outros como o vasco e catalán, ao meu entender moito máis enraizadas neses lugares, haxa que buscalas en razóns de índole social ou mesmo históricas, principalmente na carencia dunha burguesía autóctona forte, que no seu momento procurase a industralización como se fixo noutras partes do Estado. Así mesmo, esa falla de visión empresarial autóctona é filla do mesmo españolismo anti-galego, ese complexo que tan duramente se inxectou a todos galegos até fai ben pouco tempo.

Así nos loce o pelo... até o extremo de venderlle o pouco que temos a terceiros paises, empresarios asiáticos, e todo con tal de quitarllo das maos ao viciño.

Moi galego, todo hai que dicilo.

Fernán da Veiga

Voltou

Non voltou o Xerión -como reza nos xardíns que dan entrada á cidade herculina-; quen voltou foi o sirciño de Punta Herminia para marcar o seu terreo, cecais levantando a patiña como fan os can contra as farolas.

Imaxinamos que pasou revisión á facenda, pois tal é como algunhes entenden a cuestión da política local... non houbo cambio, somentes un simple arrendamendo da cadeira, mais a pleitesía e as conseguintes obrigas cara o Sirciño mantéñense á mesma altura do primeiro día, intactas.

Como exemplo diso, exemplo do acontecido ao longo de moitos moitos anos de mistura do público e privado, dos intereses de todos cos particulares, o novo "mandatario" regaloulle o privilexio de nomear un anaco do paseo co nome co nome do noso amigo Sirciño, como se se tratase do seu propio paseo, do seu xardín particular, á beira da porta da casa. O que é de todos transferido dalgún xeito ao beneficio particular e partidista. Lamentabel.

Así pois esperamos que en breve, non máis alá das vindeiras eleccións, o actual mandatario... desfrute tamén do privilexio de ter un anaco de paseo, rúa, calexo ou onde queira que viva... co seu nome, tamén en proba de agradecemento do futuro alcalde polos servizos prestados á comunidade. Non vai quedar por menos.

Xoan de Requeixo

27.9.06

Asnar

Debuxo: José Mercader, publicado en Rebelión

Xoan de Requeixo

Para escoitar o audio completo do "monólogo humorístico" en clave Asnar

25.9.06

Onde está a prevención?

[Non adoito a facer correr a voz. Pero desta vez uns amigos, que desto saben un rato largo, tanto na teoría como na práctica, envíanme este e outros textos. Eu engadolle un par de enlaces e volo deixo aquí]

O FEITO DE QUE UN NENIÑO DE DOUS ANOS MORRA DE FAME NA NOSA GALIZA ten que poñernos a todos de loito; á forza nos temos que preguntar: por que?, como puido ser?, que está a suceder que non somos quen de detectar estas situacións?…. Pregúntome, como pai, como pode ser que un neno de dous anos que ten que estar cheo de agarimos e de coidados, que só é TENRURA, MORRA DE INANICIÓN. É un INSULTO Á NOSA CONDICIÓN DE HUMANOS, pero máis a esa sociedade que estamos a construír e da que tanto falan os nosos políticos, cuns servizos sociais “en primeira liña”... (?). Refírense quizais aos da terceira idade? Os destinados á infancia, á PREVENCIÓN, están moi lonxe. Se algo así sucede e os servizos sociais non son quen de detectalo, algo falla; non é posible eludir responsabilidades alegando que a familia non acudira a eles, porque non podemos agardar que todos os que o precisan vaian pasar polos despachos pedindo axuda. Teremos que ser os demais os que detectemos a necesidade: seguro que este meniño berrou moito pedindo axuda e a sociedade da súa contorna, ocupada noutros mesteres, non quixo ou non puido oír. Onde estaban daquela os técnicos dos servizos sociais? Nos seus despachos, cubrindo papeis? Por riba de termos hoxe un neno de dous anos morto e as súas irmá e nai no hospital, debemos escoitarlle ao señor alcalde de Ponteareas dicir que “ten uns servizos sociais moi eficientes”. Que podería chegar a pasar logo se non o fosen? Sucesos como este obrígannos, unha vez máis, a dicir que a COORDINACIÓN ENTRE OS SERVIZOS SOCIAIS E OS EQUIPOS ESPECIALIZADOS É INEXISTENTE, SITUACIÓN Á QUE DEBERIAMOS PÓRLLE REMEDIO URXENTEMENTE, SEN AGARDAR FEITOS TAN TRÁXICOS COMO ESTE. Unha prevención eficaz debe evitar que noticias así teñan lugar, mais NON SE PODE LEVAR A CABO DESDE O DESPACHO. Os servizos sociais precisan xente que se mova, que detecte, que eduque, que visite domicilios, que teña contratos de traballo continuados e non cada seis meses, que visite os colexios, os pediatras, que saiba das situacións de RISCO QUE SE ESTÁN A PRODUCIR NO SEU MUNICIPIO; e esta xente precisaría de ferramentas que desen resposta ÁXIL E INMEDIATA a estas situacións. A morte deste cativo déixanos consternados, unha vez máis; pero a nosa pena mudará mañán, esquecerémola, cando xa non sexa titular dos periódicos, cando siga sen haber responsables -porque aínda que hai xente que se supón traballa para a prevención, saberán xustificar o acontecido-, cando os políticos aseguren que non volverá a pasar, que deste erro aprenderemos todos, cando ninguén dimita porque “a súa conciencia está tranquila”, cando todo siga igual... Mais se as cousas funcionaron tan mal, alguén debe asumir a responsabilidade. Non foi a deste neno a primeira morte incomprensible; antes houbo outros casos (lembramos, por exemplo, a Erika...). Mais o alcalde dinos desta familia que levaba máis dun ano no concello e que NUNCA FORAN AO PEDIATRA. Ninguén sabía isto? A Xunta, que agora tutela a irmá, faino polo que poida pasar... mentres SEGUE SEN TUTELAR A TANTOS E TANTOS NENOS E NENAS EN SITUACIÓN DE RISCO para os cales os servizos sociais ou outros axentes están a pedir atención de forma cotiá. Cando suceden cousas así, temos que recoñecer que realmente estamos moi lonxe desa Galiza Solidaria da que tanto falamos. Se non somos capaces de detectar unha situación como esta, é que temos ENFERMA a SOLIDARIEDADE. Esta noticia non se converteu nun enunciado permanente da radio nin de ningún medio de comunicación local: todos seguen coa súa programación habitual, xa que quen morreu foi un neno dunha familia descoñecida, nada relevante. Pero deberiamos repetilo constantemente: morreu un NENIÑO que, como diría algún técnico, vivía na “familia que lle tocou”. Baixémonos deste tren de inoperancia dos servizos sociais.

20.9.06

O desprezo á memoria

Recentemente, o pasado sábado 16, cumpríronse 70 anos da morte do meu bisavó. O meu pai, residente no extranxeiro, quixo honrar a memoria do avó Tomás publicando una esquela de cabodano no periodico La Voz de Galicia (edición de Ferrol) e con tal intención redactouna, enviouna a redacción e pagou relixiosamente o precio da súa publicación para o dia 16. Todo esto non tería maior trascendencia de non ser porque o meu bisavó morreu asasinado por un pelotón franquista xunto con 16 persóas mais contra un muro do cemiterio de Serantes un 16 de Setembro de 1936. Alí reposan os seus restos nunha fosa común con moitos, moitísimos mais que foron aniquilados do mesmo xeito bárbaro e cobarde. Por eso o feito da publicación desta esquela tiña un valor moi especial, porque nunca antes tal cousa se fixo, nunca antes ninguen lembrou o que alí aconteceu, nunca antes ata agora. Pois ben, pasou o dia e a esquela non foi publicada,... ¿por qué?... dende a redacción de La Voz de Galicia explicaron, a requerimento do meu pai, que o periódico negouse a publicar a esquela "por motivos de ética periodistica"...

A esquela rezaba así...

70º CABODANO DO SEÑOR

Don Tomás Miján Expósito

Músico militar retirado.

Ilegalmente feito preso e asasinado sen xuizo por militares fascistas o 16 de setembro de 1936 aos 56 anos, deixou muller, seis fillos e centos de amigos.

Descansa anónimamente no cemitério

de Serantes-Ferrolterra, xuntamente con outros amigos e compañeiros, mártires da loita pola liberdade e vítimas dunha barbarie impune que non admite esquecemento nin reescrituras.

O teu amor pola Xustiza

Social, a Música e a Cultura Galegas e os teus esforzos a prol da Liberdade, sempre serán lembrados.

O teus netos e bisnetos non te esquecen.

Ferrol, 16 de setembro de2006

Ética periodística???... Pode falar de ética periodística un periódico que se nega a publicar unha esquela como ésta, que honra a memoria das vítimas dunha masacre inxusta e esquecida??, hai algunha "ética" en negarse a publicar sen previo aviso unha esquela que lembraba a tráxica morte dun familiar cuia publicación, ademais, estaba xa pagada?... haina en negarse a publicar a verdade??

O meu bisavó non era ningún criminal, non cometeu ningún acto ilegal... el, como todos os que morreron ó seu lado, foi a vítima da ilegalidade e da barbarie dos criminais fascistas que levaron a este país a unha guerra fraticida na que só houbo perdedores. Os que se negan a ver isto e a recoñecelo escudandose na "ética periodistica" son simplemente uns hipócritas desmemoriados que ainda teñen vergonza de denunciar a cruel e bárbara realidade da que foi vítima todo un pobo fai 70 anos... e que ainda agora é vítima do esquecemento.

A pesar deles, hoxe hai unha placa no muro do cemiterio, unha placa que loita contra ese esquecemento. Tal vez os señores de La Voz De Galicia deberían darse un paseo por Serantes para saber o que realmente é a Ética e para darse de conta de que negarse a lembrar só prolonga a dor e a vergonza polo acontecido.

É hora de coñecer a verdade para que non se repita nunca.

Trasancos

17.9.06

Excursión / depresión

Onte tres membros do grupo decidimos dar unha voltiña e tentamos inutilmente visitar a Illa de San Simón. Foi imposibel dado que todas as prazas do barco que supostamente tiña que levanos até alí xa estaban completas.

Pra non voltar a casa coas maos baleiras optamos por desprazarnos até o mirador do Penedo, un outeiro alto en cuxo curuto hai unha hermida, onde no seu día celebran a súa correspondente romaría.

A visita supostamente tiña que ser abraiante dado que o citado mirador, como se fose un emprazamento estratéxico, ten unha situación magnífica, cunhas vistas que van dende o Castelo de Soutomaior, Arcade,... até a Ría de Vigo toda, coas Cies como excepcional fondo.

Por desgraza, a excursión foi todo o contrario de esperado. Onde tiña que haber beleza, natureza, nesa perfecta mistura entre terra e mar que só as nosas rías saben ofrecer; onde tiña que haber todo iso atopamos exactamente o contrario, unha desoladora paisaxe de árbores negras e un forte cheiro a queimado, como se onte mesmo estivese ardendo.

Imaxino que calquera de nós, que cometa a torpeza de dar unha volta polo paisíño, terá a mesma sensación de desacougo, depresión e raiba. Eu dende logo antes de repetir experiencia tentarei asegurarme primeiro como está o entorno a visitar. Non quero sentir de novo esta sorte de masoquismo absurdo e doloroso.

Fernán da Veiga

16.9.06

Avelino Cachafeiro: Gaiteiro

Non é mala cousa que algunhes lembren de cando en vez aqueles gaiteiros que conformaron a realidade do que é Galiza musicalmente.

Non está mal, xa digo, que os teñamos presentes hoxe e sempre; mais non é posibel reivindicalos a eles e tamén aos seus contrarios. Nese senso o mesmo grupo que solicita para o Sr. Cachafeiro unha medalla leva anos alentando e promocionando -con fondos publicos, obviamente- a quen desvirtúa o noso folclore até convertilo nun sucedaneo edulcorado do existente nas lonxanas Irlanda ou Escocia.

Neste caso, amigos gaiteiros, ou se está con Deus ou se vai directamente ao inferno.

Eans de Cotón

Defensores dos animais II

Aínda descoñecendo o trasfondo do asunto non pode un deixar de posicionarse en contra da crueldade e a saña demostrada polo propietario do tristemente famoso can de Aguiño.

En calquera caso quixera facer ver tamén a hipocresía que rodea todo este asunto.

Estou seguro de que moitos dos que se escandalizan do triste espectáculo calan noutros casos semellantes, mesmo aplauden e soltan a pita ben soltada para participar como público na chamada "fiesta nacional", coma quen que eses outros animais foran concebidos sen sentimentos, coma quen nin se imnutan ao sentir como unha espada ou unha lanza se crava no lombo, sen dor... nin aqueles outros -isto vai en contra da visión Galiza Profundis que tanto se está a vender estes dias- que colgan os seus galgos, até afogalos, unha vez que deixan de ser útiles aos seus propositos... e tantos outros casos horribeis.

Por outra banda, a actitude dunha parte dos viciños a favor do maltratador non é cousa nova. Cantas veces -aquí e noutras latitudes- ten saido xente á rúa a apoiar persoas acusadas de maltrato, violacións, pederastia...??? E cantas veces teñen ido tamén contra o/a denunciante?

A fin de contas... somos o que somos, tampouco é cousa nova.

Fernán da Veiga.

Sal nas feridas

Un enfrontamento procurado

Semella que a Igrexa Católica, polo menos a súa xerarquía, está empeñada en botar sal na ferida malcurada, esa fenda que separa e separou secularmente -aínda que a historia non foi sempre así, todo hai que dicilo- a cristiaos e musulmaos.

De nada valen agora lamentacións nin rectificacións... e máis se estas veñen de quen se di "infalibel"; o mal xa foi feito e dende logo todos somos ben conscientes de que un home da súa preparación -a súa valía está por demostrar- non comete esa sorte de erros se non que a súa torpeza é de todo, menos fortuita.

Comentarios como os seus non son froito dun simple descoido ou consecuencia da mala resaca do viño de misa; non, os comentarios verquidos polo actual pontífice actuaron coma o dardo dun experto lanzador e deron no mesmo centro da diana, chantandoo con forza até o fondo.

O único certo é que estamos no medio -querendo ou sen querer, cristiaos, musulmaos e ateos!- dunha nova guerra entre bloques. Antes foron os USA vs a URSS e agora tócalle o turno ao Occidente contra os paises mulsulmaos.

Fernán da Veiga.

14.9.06

Defensores dos animais

Certamente é preocupante que haxa "defensores dos animais" que aplaudan a quen maltrata a un can... aínda que se pase de burro. Certos especímenes deberian pechalos nunha gaiola, tirar a chave e darlle de comer cunha bara... pq. igual morde! e de achegarse a eles... nin tolos, menuda fauna!

Xoan de Requeixo

Pd: Dende logo as veces un comprende a acepción do termo Gallego no diccionario da RAE... para o caso quédase ben corto, tanto para o malnacido que lle zoupou ao can como para os restantes viciños. Debería caerselle a cara de vergonza a máis de tres e de catro. Que imaxe de país é esta?

12.9.06

Apoteose do Churrasco 1986... 2006?

"Un 124 branco arrímase ó lado do Mercedes, sae un home alto de cellas pretas e mestas, tan algunha mancha na cara e as mans completamente negras de borralla. "¡Que traballo este!", di cara a nós. "Miren que mans, eh, vaia mans. Parecen as poutas do demo. E eso non é o peor, a semana pasada case ardo, estáballe poñendo lume a uns agros, aí pola parte de Pontecelo, e nesto que xa prendera aquí e acolá, e vai, e dá a volta o aire e case me pilla no medio, case quedo alí feito un chamizo. E logo falan dos incendiarios, todo Cristo ten que falar, peor son todos eses políticos que non fan máis que chupar. E nós ¿que?, como se o noso choio o puidera facer calquera. Hai que ser moi botado para adiante e hai que te-lo que hai que ter. E poño por caso, se eu o outro día fico alí chamuscado ¿qué? ¿eh?. Porque eso si, nin seguro nin nada, eh. E a muller e os rapaces despois arrearan ¿non?. Ah carallo, pero ninguén pensa neso cando nos criticasn. Ademáis, e a xente quere a madeira , ou fai falla facer uns chalés nun terreo, pos alguén tera que facer digo eu, ¿non?. Bueno, pois como lles digo, esto non é vida. Levo traballando todo este verán e non fixen arriba de cen mil pesos."

Apoteose do Churrasco

Polarid - Suso de Toro - 1986

Parece mentira que logo de vinte anos o país este, a nosa Galiza, continue nas mesmas de sempre. Un xa non di se hai trama ou non, somentes discute, coñecendo o percal, canto pode ter esta de organizada ou se é tan caótica coma o resto. Creo que nin pra iso seremos nunca organizados: levamos séculos vivindo do caos, do inferno do lume, da merda do chapapote, dos naufraxios, das inclemencias, de toda canta anarquía poidamos botarnos á cara. Somos así ou así nos fan.

O resto dos contos que o autor recolleu baixo o título de Apoteose do Churrasco -do cal iste é só un pequeno fragmento dun- eran tamén ben clarificadores, xa daquelas, da realidade galega e a nosa situación de pre-post-durante... o autocanibalismo ao estilo Galicien.

Recoméndollo ao lector pero corre da súa conta.

Fernán da Veiga

1.9.06

Traxicomedia en varios actos...

Estamos ante unha obra en varios actos:

Primeiro Acto: Os pais comenten fraude.

Comeza cando unhes pais vense na obriga de realizar todo tipo de trampas e argucias para -como bos proxenitores- darlles ás súas crianzas o mellor daquelo que teñen ao alcance da súa mao -iso sí, sen tirar un patacón do peto-. Xa que logo, cambian o padrón, a declaración da renda, etc... para conseguir un bo posto nas listas de admisión de determinados colexios concertados. Qué bon pai/nai non o faría???

Sabedores son de que coa súa acción moitos outros pais/nais de tantos e tantos fillos, cos mesmos direitos ca eles ou máis, dado que eles si cumpren cos correspondentes requerimentos, terán que levar a súa prole a outras escolas, posibelmente peores e máis distantes dos seus fogares.

Resignados asumen o mal feito: todo sexa por unha boa educación. A fin de contas é un mal menor... para eles, claro.

Segundo acto: Alguén denuncia, comeza o proceso.

Logo da denuncia dalgún pai... o inxusto proceso comeza a tomar forma, procedendo á revisión dos requerimentos previos e logo diso ao establecemento dunhas novas listas de admisión para eses centros.

Por desgraza, os nosos proxenitores favoritos non teñen a sorte de cara desta volta e botan de menos esa "mao amiga" dentro da consellería, esa mesma que en tantas ocasión fixo a vista gorda, deixándolles levar a cabo a súa excelente laboura como pais... é que agora cambiou o goberno... cachis!

O resultado é o esperado... os seus fillos non poden -que inxustiza- entrar nas prazas que de inicio tiñan "asignadas". Que inxusto!

Terceiro acto: Escenificación dunha pataleta.

Despois de percorrer todos os medios de comunicación da cidade e despois tamén de ameazar -manda carallo na Habana!- con diversas denuncias por "irregularidades" no proceso... os honestos pais non ven outra saida á súa dramática situación que a de escenificar unha esperpéntica manifestación diante dos responsabeis de Educación.

Entre outras cousas argumentan que os seus filliños van ter que estudar separadiños dos seus irmaos maiores... aínda que, como se pode supoñer, no seu tempo moitos destes tampouco cumpriran cos requisitos para poder acceder á praza! Iso non importa, detalles menores.

Case lles era millor dicir que os seus fillos teñen que entrar pq. son máis guapos! ou directamente, "en verdad es justo y necesario", ter algo de vergoña e calar a boca!

FIN ?

Quen sabe se a obra continúa?

Dende logo eu non vin cousa tan traxicómica e patética. O máis lamentabel do conto, alén da falla de vergoña en sí mesma, é que ninguén dixo nada a respecto deses outros pais e eses fillos que cumprindo co marcado... quedaron fóra do proceso de admisión! Toda unha homenaxe á desmemoria!

Xoan de Requeixo.

Pd: Espero non me ameacen a min tamén cunha denuncia. Como poden comprender... todo esto non é máis que unha mala ocorrencia, falta de graza, produto dos falsos estímulos que me chegan e perturban e sobre todo dun maxín enfermo da tan galega desconfianza.

31.8.06

De Profundis

Nunca me achegara unhas queixas tan fondas e sentidas, ao tempo que excelentemente representadas e escritas. Nunca topara ese xeito de reproche, que acaba finalmente converténdose nun perdón, no que o home arruinado, física, economica, moral e artisticamente acaba por renacer -como se todo o pasado non fose máis que un deses ritos iniciaticos que te levan á morte para volver aparecer mellorado- e así rematar a obra, esa carta, despedindo ao seu malfeitor cun simple e sorprendente... "un afectuoso saúdo amigo".

Eáns de Cotón

Pd: Obrigadinho ao Sr. Krilin.

Cadavere bonito...

Doutor: - Ten vostede o colesterol xusto no límite.... Hai que coidarse, facerlle dieta, moverse, practicar deporte.

Eu: - Non será para tanto, home, ademáis... qué foi daquilo de deixar un cadavere bonito e xoven?

Doutor: - Pasácheste.

Eu: - E logo? Tan mal me dan esas cousas? Tan mal me sairon as análises? Mi maaa!!! Xa a fodimos, xa dicía que que tanto raxo e tanto viño non eran boa cousa.

Doutor: - Que xa te pasaches, pasmón!... para iso do cadavere... chegas 6 ou 7 anos tarde!!!

Eu: (Pros meus adentros) Será cabrón o matasanos! Non habia millor xeito de dicirme que vou vello!? Esta gárdolla, a próxima vez traiolle os ouriños do meu can!

Fernán da Veiga

30.8.06

Febre do Ouro

Logo de moitos anos de penuria e emigración... os galiciens descobren a nova fonte da riqueza, esa sorte de febre do ouro que converte en solares e pisos o que antes non eran máis que leiras a pe e praia.

Estamos apañados; morre a costa.

Fernán da Veiga

24.8.06

Adeus, Plutón

Indignado estou, si, paréceme fatal. Falo da recalificación sufrida estes días por Plutón, que deixa de ser planeta despois de moitos anos formando parte de tan selecto clube. As razóns, estúpidas. por ser pequeno. cantas veces tivemos que escoitar que o tamaño non importa.... pois polo visto sí, sí que importa. Estou seguro que o PP anda detrás de todo isto, ou porque non poden recalificar leiras alí, porque non hai montes que queimar, ou a saber por qué razón será. Espero que reconsideren a sua postura os señores astrónomos, porque, non por ser frío e pequeno alguén poida ser marxinado, salvo que os intereses urbanísticos "peperos" teñan que ver, cousa por demostrar. Ainda lembro cando, por razóns administrativas, Celta e Sevilla foran descendidos a 2ª, e ó final creárase unha liga de 22 equipos. ¡¡ Saiamos á rúa para que Plutón recupere o lugar que nunca debeu deixar!! Paquito

23.8.06

Carballeira de San Xusto

O ano pasado tiven a sorte de tomar parte nunha excursión polas terras de Cotobade e o seu entorno. Estiven sempre moi ben acompañado, de amigos e bos gaiteiros.

Lembro ter feito unha "crónica" daquela experiencia, do ben que o pasei e do marabillado que quedei de ver e desfrutar toda aquela natureza e cultura.

Fai unhes días a Carballeira estivo seriamente ameazada por mor do lume. Por sorte, grazas ao empeño dos viciños, non ardeu pero o seu entorno máis próximo si sufriu as consecuencias do devastador inferno que asolou aquela zona.

Atopei este relato do suceso, que narra perfectamente, dun xeito estremecedor, como foi o que viciños tiveron que facer para defender a súa benquerida Carballeira.

Vai por eles. Ánimo.

Fernán da Veiga

17.8.06

O tamaño... si importa

O arroutado Home Z, político de profesión, sube á tribuna de Parlamento cunha máis que evidente cara de enfado, un cabreo deses históricos, de órdago á grande.

Comeza a súa ardente crítica ao traballo feito polo goberno lanzando toda chea de estatísticas e cifras; o homiño séguese quentando, ponse roxo, da raiba e do encono, mais non perde un segundo e da boca saenlle, como disparados, toda sorte de números e máis números, referidos todos eles ao total de hectareas queimadas este ano en Galiza.

Logo dun anaco, despois de ter empregado máis da metade do seu tempo e sen un só respiro, un dos seus asesores achégase onda el, coa maior discreción e disimulo posibel. Ao ouvido e moi baiximo coméntalle que teñen cometido un grave erro coas cifras... coa premura, co forza do discurso, coa tensión do momento, coa "emosión"... deu un total de superficie queimada ben superior ao total do noso País, pasándolle cerca mesmo á extensión de Andalucía.

Sen despeitearse, baixa da tribuna todo cheo, como se aquelo non fora consigo. El tiña feito o seu traballo, que era criticar e desprestixiar ao goberno... xa lle botará a culpa á NASA, que coño!

Xoan de Requeixo

Pd: Evidentemente o escenario anterior é irreal, ou non?

15.8.06

Da anédota á norma

Unha vez máis preténdese saltar do meramente anedótico á norma; facer do exemplo curioso, singular -mesmo "folclórico"- un padrón, unha norma de aplicación xeral.

Deteñen a tres ou catro delicuentes, de baixo perfil: algún tolo, unha vella con renciñas entre veciños e algún caso extraño máis.. e xa pretenden estender ese perfil a todos os causantes da desfeita.

Eu non dou creto, non podo crer nin acreditar que todo isto sexa causado por catro simples tolos.

Esa explicación seralle válida para os medios de madride, sempre empeñados en caracterizarnos como "Galiza profundis" mais non é válido para quen pretenda analisar a realizade do que está a pasar dunha forma abxectiva e minimamente seria.

Que lle vaian co conto a outro!

Xoan de Requeixo

12.8.06

Contas pendentes

Onte escoitei as declaracións de deputado Popular, o Sr. Roberto Castro, lanzando serias críticas á política anti-incendios que está a levar a cabo o actual executivo galego. Afirmaba o Sr. Castro que non era certo que houbera cambios na tipoloxía do lume nin na suposta organización dos incendiarios nin as teorías das tramas ou mafias... pola contra, demostrando tanto coñecemento na materia, non deu explicación algunha a respecto dos porqués que -en 16 anos de goberno- o seu partido non foi capaz de aclarar, dúbidas aínda pendentes a respecto do lume logo de tanto tempo. Quizais habería -antes de lanzar críticas inoportunas, dada a extrema situación que se está a vivir- que saldar contas pendentes na xestión feita polo seu propio partido. Xoan de Requeixo.

10.8.06

O inferno

Hoxe teño que dicir as cousas como as sinto, como me saen de dentro, como as levo gardadas dende o día en que o noso paísiño comezou a arder polos catro costados, ben, fundamentalmente por 2, as provincias da Cruña e Pontevedra. Eu teño a sensación metida na cabeza de que alguén non foi capaz de atopar outro petroleiro para derramalo diante deste novo goberno e a falta diso, tomou a decisión de convertir o noso territorio, ou boa parte del, no máis parecido ao Inferno. Lévanse vertido moitas burdas mentiras, dun xeito noxento e rastreiro e mesmo teño tamén a impresión de escoitar discursos preparados de antemán. O que máis me doe é que entre elas teñen posto a caldo a todo ese exercito de homes e mulleres que están a deixar o pelexo na súa loita sen descanso contra o lume. Teñenos tildado de faltos de experiencia, de faltos de organización e barbaridades polo estilo... e mentres tanto eles dando o callo a pe de lume. Non hai máis que verlles a cara de fatiga, o ánimo desfeito, o cansanzo até a extenuación... para darse conta de que nada diso é certo. Non é cuestión de falla de organización nin experiencia, todo iso sobra, sobra pero no bando contrario, no lado dos que no seu día argallaron toda esta estratexia da desfeita, do pánico e do medo, todo elo igualmente provocado, dado que eiquí xa nada é casual. Cada quen que tire as conclusións que estime oportunas e chegue tan lonxe como queira nos seus pensamentos. Eu teño claro que fai moito que deixei de crer nas meigas. Xoan de Requeixo

8.8.06

"Rejas en la memoria"

Vou deixar temporalmente aparcado o tema dos lumes -por unha cuestión de saúde mental, obviamente críspame en demasía- así que aproveito para comentar un documental que estiven vendo onte pola noite. É un traballo -pra min excelente- titulado "Rejas en la Memoria", feito polo director Manuel Palacios. Nel exponse a realidade até agora agochada dos campos de concentración franquistas, aportando unha visión complementaria e necesaria do que foi o vello réxime e a crueldade da postguerra. As testemuñas de homes e mulleres que viviron aquel inferno non deixan frío ao espectador, todo o contrario, situante -aínda na distancia- por momentos no seu pelexo, no calvario dos traballos, na penuria da fame, no pretendido e frustado lavado de cerebro. Evidentemente o traballo da moito máis de sí que este meu comentario e por iso aproveito para recomendarllo a todo o mundo. Non perdan a ocasión. Fernán da Veiga. Pd: Graciñas ao compañeiro que me dirixiu cara este documental. Paga moito a pena.

7.8.06

Vítima 45

Xa son un total de 45 as mulleres brutalmente asasinadas a maos das súas "parellas" no que vai de ano. Vanessa, a vítima de hoxe -toda a nosa solidariedade con ela- é quizais algo especial, dado que finou logo dun ano enteiro de calvario na unidade de queimados dun hospital. Calquera que coñeza a dor que se vive nunha desas unidades -aínda que sexa coma no meu caso por referencias de amizades que por sorte poideron contalo- comprenderá o suplicio inenarrabel que esa muller sofriu; unha tortura, un auténtico horror que se alongou no tempo durante os máis doce meses que a pobre muller aguantou. Un recordo sinceiro pra ela e pra esa outras 45 vítimas do absurdo. Fernán da Veiga

Carroñeiros

Xa están aí os carroñeiros de sempre pretendendo tirar proveito da desgraza do lume. Ese lume que nos abrasa e leva por diante algo máis fondo que os montes que se queiman, arrasa tamén o interior de moitos de nós, cando vemos na distancia da estrada o monte ardendo. As feras, esas "hienas", andan á procura do correspondente Prestixe -desta volta sen chapapote, simplemente co gris e negro da cisa-, buscando unha nova traxedia que lle botar aos fuciños ao novo goberno. 100 incendios no prazo de 2 ou 3 días son máis que abondo pra tirar abaixo inxenuidades; para pensar que todo iso débese en exclusiva á mala idea dalgún tolo ou algún especulador. Non, non podemos crer nas casualidades, está claro que non, todo está demasiado controlado e dirixido como para pensar en cousas de simples afeccionados. Aínda descoñecendo que é o que move os fíos desta sorte de terrorismo, quizais amalgama de intereses políticos, urbanísticos, económicos,... demostran ter fortes gadoupas, unha grande organización e alén diso son bos coñecedores do terreo por onde se moven. Non deixan fío algún por atar. Xoan de Requeixo.

5.8.06

Lume no país

Ás veces pódese sentir noxo, desprezo ou náuseas por determinadas persoas no mundo que fan determinadas cousas. Pero para a xente que queima os montes, iso é pouco. Onte voltaba eu da Coruña, e chegando a Santiago collín pola autoestrada para chergar a Vigo. Eran as 18:00. Pois dende Santiago a Vigo, non deixei de ver fume e lapas por todas partes. Había momentos onde a visibilidade menguaba. Na zona sur de Santiago era tal a fumeira que pensei que reventara algo, unha gasoliñeira, non sei, pero era espectacular. Xa por Pontevedra víanse incendios por todos lados. O do Morrazo era sangrante: ardía polos dous lados, e os avións xa se vía que non daban abasto. Pola zona de Cesantes ou Arcade (intúo), o lume rondaba as vivendas do lugar. Pensaba que a lei do goberno de prohibir a recaliicación de terreos queimados ía servir de algo, pero está visto que non. É unha impotencia ver como parte da riqueza natural deste país morre co lume. Non podo imaxinar canta xente pode haber que sexa capaz de facer algo así, e nin por asomo se me ocorren motivos para pensar que alguén poida ser tan inconsciente como para chegar a tales extremos de neglixencia. Non sei qué se debería facer coa xente que collen prendendo lume no monte. Metelos no medio do incencio paréceme pouco e inxusto para o propio monte, porque xa bastante ten con arder como para que enriba o enchan de merda. Eu, dende logo, non sei como reaccionaria se vexo a alguén facendo algo así, é mellor non pensalo, pero seguro que remato no caldeiro eu antes ca él. Paquito

3.8.06

Dos arquivos galegos

Un dos primeiros debates abertos polo deputado galego Francisco Rodriguez no parlamento de madride foi o de reclamar o envío da documentación medieval dos mosteiros galegos, entre eles o de Monfero e o de Caaveiro. O tempo foi pasando e a súa petición pareceu caer no esquecemento máis absoluto. Imaxino que é o normal dado que o caracter galego por forza ven sendo pacífico e calmo, debe ser efecto da impotencia de sentirnos gobernados, até fai nada, por "axentes estranxeiros", así foi ao longo de moitos séculos. Non hai moito apereceu unha nova na que se prantexaba novamente a cuestión e tamén se informaba da importancia deses documentos para poder facernos unha idea de conxunto do que foi a historia de Galiza. Coma sempre a solución adoptada chega tarde mais se ao final estamos no camiño de desfrutar e aproveitar toda esa información... sempre estaremos a tempo. Eáns de Cotón Pd: Sorprende -daquelas e actualmente- que esa solicitude non vaia abalada por historiadores, mestres, rectores das universidades galegas e outros persoeiros do ámbito histórico e cultural. Non están -outra vez- á altura.

Raiba

Veño hoxe particularmente encendido, primeiramente ao sentir esa nova na que relataba a perda dun órgano por mor da inxusta folga do aeroporto de Barcelona. Coñezo ben a tensión e o medo que supón ter a vida pendente do fío do teléfono, esa sensación, a espera dun órgano para un trasplante, é unha sensación fodida. Mais non foi só iso, a persoa á que supostamente estaba destinado o organo botado a perder xa fora avisado e estaba disposto -imaxino- para someterse a esa operación que tanta incertidume esperta pero tamén abre tantas esperanzas. Non podo deixar de pensar no que pode estar pasando ese home, esa impotencia, esa rabia... Unha vergonza, un despropósito polo que deberían responder máis de catro. O outro causante da miña raiba foi a visión na tv deses "democratas disitentes" reclamando a participación do exercito no derrocamento do réxime cubano, nin máis nin menos que un golpe de estado. Pois anda que se é así como queren dar comezo á transición... Deus colla confesados e ben confesados aos nosos amigos cubanos... polo que a min respecta, todo iso reafírmame no meu apoio ao Fidel e ao seu réxime. Non quero ver como subastan a illa por catro pesos, se é que non o fixeron xa. Fernán da Veiga

Temas serios... xente non seria

Segundo parece o Sr. Losada evita falar de certos temas argumentando para iso que el só fala de "temas serios". Resulta cando menos chocante vindo dun home que non hai moito colgábase medalliñas de iluminado visionario por ter instalado o trenecito chucuchu e agora dar comezo o estudo dun metro lixeiro para a cidade. Está visto meu home, falar só falarás de temas serios... pero dicir dis cada parvada que mellor che era estar calado. Xoan de Requeixo

1.8.06

Saude pro comandante

Todos sabemos que facer distingos entre dictadores é unha aventura arriscada mais no caso que esta de actualidade, o Cubano, posibelmente sexa mellor ir tirando co vello Fidel que abrille as portas a unha eventual pero case segura intervención norteamericana. Pois iso, por se acaso, en previsión de males maiores... moita saude Fidel! Xoan de Requeixo

31.7.06

2 páxaros dun tiro

O certo é que nunca me chamaron moito determinadas andrómenas políticas; non son moi dado ás aventuras, gosto, como moito, de protestar de cando en vez, iso é o único... pero logo de tanto insistir... alén de agnóstico, acabarei por facerme tamén independentista. Hai que ver estes señores, a todo dan atendido: matrimonios gais, embrións, educación, e agora a recuperar "El destino de España en lo Universal" ou como raio sexa aquela parrafada do NODO. Estamos fodidos. Xoan Requeixo

30.7.06

Gaitafobia

Logo de ver os actos do Apostolo e o Día da Patria -recluido, enclaustrado- pola TV teño que dicir que o actual goberno ten que darlle un repasiño a certas cousas alén da propia letra do Himno. Está moi ben encher os eventos todos de gaiteiros folquis e pintorescas pandereteiras... mais a urticaria gaiteira que padecen -entendendida cara o gaiteiro tradicional- é máis que manifesta. Onde quedaron os cuartetos tradicionais? ou un bon e solemne gaiteiro acompañado dun único tamboril? É un auténtico complexo que deberían mirar con urxencia e máis tendo en conta que xa levan tempo abondo de mandato como para por curados certos traumas. Asdo. Eans de Cotón

19.7.06

Casualidades

Resulta curioso descubrir que en 1930 nos Estados Unidos había alguén que se apelidaba igual ca min e vivía nun lugar con nome similar a onde eu vivo... Velaiquí o rexistro orixinal: Esto é debido a que o apelido en cuestión dase moito en Italia, como diminutivo de Francisco, e os USA foron destino de moitos emigrantes. Pero se buscamos polo segundo apelido... Un resultado máis galiciano. Para buscar por apelido, emprega www.ancestry.com. Para ver a imaxe do rexistro orixinal, census.ancestry.com. Rexistro obligatorio gratuíto. Dura tres días.

18.7.06

Poucas horas

Poucas horas restan para encontrarme novamente co mesmo criminal, ese home fracucho que leva bombín, ese mesmo que tantas veces me rouba os sentimentos... o crápula de sempre, ese canta agonías, que leva anos póndolle música ás miñas. Poucas horas para sentir como en vena, letra a letra, peza a peza, todas esas sensacións a mil por hora, esa corrente, ese calambre, todos eses universos de voces rotas... Cómpreme xa esa droga, máis ca nunca, o corpo reclama a súa dose de estímulos e sentimentos; a súa ración de paixón desgarrada... ...non podo fallar á túa cita, non podía ser doutra maneira, aló nos vemos. Asdo. Q. albar.

Ameaza de máximos, acetación de "mínimos"

A parella forma polo goberno galego e os promotores da piscifactoría de Corrubedo - Stolz Sea Farm, os mesmos que destragaron unha zona tan marabillosa como o Faro Vilán- ameazaron, nunha vulgar actuación teatreira, coa instalación dun novo megaproxecto perto da zona dunar de Corrubedo, unha zona protexida e fermosa. Non foi a súa unha cousa gratuita, fixeron iso, esa ameaza de máximos, para que acetaramos, sen maiores queixas nen atrancos, o seu traslado á entorna da Praia de Baroña, co seu magnífico castro. Foi todo un acto realizado para que asumamos a situación como un mal menor, pese a que estamos a falar dunha das xoias do país, digna da máis alta protección, aínda que só fose pola súa singularidade, polo seu simbolismo. O peor do conto é que logo virán as urbanizacións, as constructoras, os piratas que xa fai meses viñan asomando a patiña coma o lobo do conto. Antes a queixa era a de ver como eran os lobos os que tiñan que coidar das ovellas, agora xa un non ten tan claro quen é lobo e quen ovella. O meu desencanto é evidente. Imaxino que non son o único que o sinte. Asdo. Fernán da Veiga PD: Resulta sorprendente como os valores ecolóxicos que noutrora defendimos, a cría de peixe fronte a pesca, a produción de enerxía "limpa", eólica, hidroeléctrica... vólvense contra nós, convírtense nos maiores perigos, xunto coas grandes construtoras, dos nosos montes e costas. O peor é a fodida sensación de impotencia.

25.6.06

O carnet por puntos, ou cómo deixar de conducir

Moito se está a falar do famoso carnet por puntos que entrará en vigor a partires do primeiro de xullo -se non me trabuco-, e que ó parecer tan bo resultado deu en Francia. Esta semana chegou á miña casa un tríptico para toda a familia onde se informa á xente do que vai supor toda esta movida. Sinceramente, non reparei demasiado no seu contido. Todo parecen ofertas do Claudio en plan pague dous e leve un, pórtese ben e regalámoslle puntos Movistar, e bla bla bla. Estou convencido de que a retirada de carnets vai ser espectacular. Do meu lado está o dato de que moita xente está asegurando os seus carnets ante o temor de quedaren sen eles. As multas vannos chover a todos, e quizáis a consecuencia de todo isto, unido ós prezos do chumbo, é que a xente deixe o coche na casa. E esta situación vai ser nefasta para as compañías de automóveis, acostumadas a vender miles de carros ó ano, tasa que se vai ver reducida drásticamente como non tomen medidas, sobre todo, ó respecto da velocidade dos vehículos. E se as grandes empresas automovilísticas do país ven que as suas vendas caen, van a comezar a protestar. E enton, quizáis, ese carnet anti mortes e anti actos vandálicos ó volante igual se torna un freno para o bo transitar da economía, xerándose un problema que non se sabe onde rematará. Se todo isto se cumpre, "me da que" o carnet este vai durar ben pouco. A min polo de pronto as gañas de conducir que teño -e iso que me encanta facelo- vánseme reducindo así nos achegamos a fin de mes. A ver que pasa. Paquito

22.6.06

Diario dunha fresa

“Si dixese que sí, que todo está moi ben, que o mundo está moi bon, que cada quén é quén... Conformidá. Admiración”... Chorar, chorar, chorar... .Certamente as cousas son así, porque sí?? Non, porque eles as queren así, e non lle podemos dar máis voltas, e uns siguen estando por enriba e outros por debaixo, por culpa da vida?? ,Algúns seguen indo de porta en porta e outros xa non levan sacos de cinzas senón que se converteron en cinzas. Se dixese que sí, que estou ben, entón sería o intre de chorar, porque entón non me importaría, Pero sí. Con Perdón a Celso Emilio Ferreiro.

11.6.06

Deus nos colla confesados

Lonxe de quitarlle a medalliña ao sr. Alvarez Cacos... en breve veremos como lle colgan outra ao Sr. Manolo... debe ser para celebrar a sua estrea como manifestante. Hai cabeciña no goberno? Hai corazón? Hai memoria? Asdo. Fernán da Veiga

Mal andamos

Mal andan as cousas neste noso paisiño... hai quen defende a construcción polas bravas de calquer cousa en calquer sitio... mal andamos se até nos parques naturais se eliminan as propias cousas que habería que defender... mal andamos se os responsabeis primeiros en velar polo noso patrimonio son os primeiros en destruilo... Coma sempre... mal andamos. Hai cousas que nunca cambian.... e menos mal que non todo o monte é ourego. Asdo. Fernán da Veiga

10.6.06

Vamonos de manifa, Manolo....

Tenho que reconhecer que ao ver esta foto do Manolo de manifa, emocionou-me. Ver a este homem que tantas vezes ten-nos insultado e mandado malhar aos que nos manifestavamos por outros motivos com essa gorra reinvindicativa, papando sol numa manifestação, fizo-me sorrir... Penso que é uma boa cousa que até a direita mais reaccionária asuma duma vez que a mobilização popular é uma forma absolutamente legítima de reinvindicar aquelo no que cremos. Suponho que isto esquecerá-se-lhes tão aginha como volvam ao poder, e ainda boto de menos que algum deles leve umas hostias dos antidisturbios, mais que nada para que saibam que se sinte e que quando volvam ao poder o pensem duas vezes antes de mandar aos cães de presa a malhar na gente. Respeito à manifestação de hoje, por uma banda posso ter empatia com as pessoas individuais que sofriram nas suas carnes um atentado terrorista. Posso comprender que esta gente tenha uma ánsia de vingança, e que lhes sente muito mal que o governo trate de chegar a uma solução negociada com a ETA. Entendo que a uma pessoa à que lhe mataram o pai ou un filho, ou que quedara com uma lessão irreversível de por vida, não lhe podemos pedir que agora seja tolerante, e que aplauda uma solução negociada do conflito. Mas ainda assim, e deixando a um lado a falta de talha política de Zapatero para levar a cabo algo assim, estou certo de que o fim da violência em Euskal Herria, passa necessariamente por uma negociação com ETA, na que havera que fazer-lhe algumas concessões, sobretudo no referente à situação do presos e das organizações que formam parte da esqueda abertzale, e por outra banda, e isto já é algo de muito mais calado político, negociar com os partidos políticos bascos uma situação que permita que os cidadãos bascos estejam cómodos em Espanha, ou que sejam uma nação independente. Isto último não porque o pida apenas ETA, senão porque é uma reinvindicação maioritaria do povo basco que os governos espanhois tenhem-se negado a afrontar. E nesta situação, onde ficam as vítimas do terrorismo? É inevitável que vejam a negociação com maus olhos, que o percebam mesmo como uma derrota, e tenhem direito a sentir-se assim. Mas isto não pode ser um obstáculo para pôr fim à violéncia, e a obriga dos políticos é tratar de calmar os ánimos, de explicar-lhes que tudo isto se fai para que não haja mais vítimas e de reconhecé-los as vezes que seja preciso. Por isto, a atitude do Partido Popular neste tema, parece-me absolutamente ruin. En vez de ajudar a calmar os ánimos da vítimas, estão-se adicando a encirrá-las, de disparar a sua legitima dor. O PP está a utilizar às vítimas do terrorismo para tratar de ponher pedras no caminho da paz. Porque sabem que se o Zapatero consegue que ETA deixe as armas, vai ser um éxito indiscutível para o PSOE, que pode fazer que um partido que chegou a governar não por méritos proprios, senão polos enormes erros cometidos por Aznar, se consolide no governo e que fique no poder durante umas quantas legislaturas mais. E claro, tudos sabemos que neste mundo hai-che prioridades...

3.6.06

A España sudamericana

O Mundial de fútbol está moi preto, e o combinado español ten unha nova oportunidade para tratar de franquear eses cuartos de final que nos teñen desesperados dende hai tempo. Esta vez contamos con dous homes sudamericanos, de países con moita tradición futboleira, Senna do Brasil, e Pernía por Arxentina. ¿Serán estes dous talismáns para os españois? ¿Necesita España ter xente de países que sí soen triunfar para ver se nos somos quen de facer algo decente? Haberá que ver que ocorre, mais eu non son excesivamente optimista. Paquito

2.6.06

Reflexións

Aproveito estes momentos de relax que me deixa o venres noite para -mentres me tranquilizo e descanso- plasmar algunha reflexión sobre cousas que levan indo e vindo da miña cabeciña nos últimos días. Unha delas é a continuación do debate en torno a prostitución. Xa prantexei no seu día as miñas dúbidas sobre como debera ser tratado este fenómeno. Imaxino que non é cuestión de mirar para outro lado nin tampouco unha regulación "ancha es Castilla"; nada diso resulta demasiado convincente, polo menos pra min. Resoan por aí ecos que falan tanto a favor como en contra, un rebumbio tan grande que non deixa pensar con claridade e decidir que partido tomar. En relación con isto direi que atravesando recentemente o barrio da cidade que frecuentan agora para traballar -unha vez derrubado o Papagaio-, atopei, esperando aos clientes, unha rapaciña morena que escasamente superaba a veintena. Vela foi como un lóstrego que derrubou todas esas andrómenas, eses contiños da feira que tiña na cabeza e botou abaixo esa visión de mundo feliz... esa imaxe de documental no que mesmo un chegaba a pensar o que estaba perdendo por non ser -salvando as distancias- prostituta, coma un deses anuncios de compresas nos que "me gusta ser mujer". O meu pensamento foi inmediato, dixenme... "pero qué fai aquí esta rapaza??? Se é case unha nena! Vaite pra casa, coño, mañá seguro que tes exame no instituto".... Ao día seguinte pasei tamén polo mesmo lugar, non a vin, imaxinei que estaría exercendo o seu oficio e iso aínda me fixo sentir peor. Trocando o paso. Outro tema do que gustaría falar son esas pequenas historias non desveladas, que gardan eses anciáns que ben podemos atopar calquer día de paseo ou no parque ou na cola das receitas do ambulatorio. Nunca se lles presta demasiada atención, ignorantes do seu curriculum e as súas experiencias. Coñecín recentemente a historia dun deles, por cuestión do traballo, e foi algo que me deixou fondamente aquelado. Aquel "vellote" tomou parte na Guerra Civil polo bando republicano, fuxiu por Valencia até África, unha vez derrotado o bando roxo; na Segunda Guerra Mundial foi membro da Lexión Extranxeira Francesa, sobrevivindo, nin máis nin menos, ao desembarco de Normandía e sendo logo un dos primeiros en liberar París... toda unha testemuña da historia, a dun galego, un veciño calquera, non un heroe de película barata, non un frío dato nun libro, non, unha persoa viva que pasou por todo iso e coa que, sen darnos conta, nos cruzamos todos os días. Habería que saber tirar proveito desas cousas, aprender unha chea de leccións dunha vida coma esa, iso quizais axudaría a que certos erros non se repetisen nunca máis. Ligado a isto direi que hoxe -logo de moitos anos querendo ir e non indo- visitei o cimiterio de San Amaro na cidade da Cruña. Nel están enterradas personaxes de renome e relevancia: dende Murguía *, que repousa lonxe da súa muller, Curros, Pondal, o mestre "Chane"... e tantos e tantos outros que non puidemos atopar por descoñecer a súa localización. Chamáronme moito a atención varias sepulturas de militares mortos ao longo da Guerra Civil, todos do bando franquista, é de imaxinar. Eran sepulturas nas que as propias familias, imaxino que a nivel particular, facían mención ao rango do militar, a batalla (fronte do Ebro, Castellón...) onde caeu e case sempre unha clara mensaxe de apoio a España e ao réxime que daquelas estaba nacendo. Non creo que sexan os únicos soldados mortos en combate enterrados nese cimiterio, imaxino que hai unha longa lista deles que caeron tamén en terribeis batallas e guerras mais son -podo estar equivocado- os únicos que utilizan ese pequeno espazo que é unha lápida para ceibar dalgunha maneira a súa carraxe contra o bando contrario e iso da idea do encono, da rabia, da loucura dunha guerra como a que se viviu naqueles anos. Haberá quen faga leituras revanchistas, ou triunfalistas, non o sei, mais o que eu penso é que todo iso simboliza moito, caracteriza perfectamente a tolemia vivida e serven quizais de exemplo para os que negan a historia ou para os que a esquecen. Asdo. Fernán da Veiga

31.5.06

Gaitaescolas

Moito deron que falar a idea e a denominación de Galegoescolas. Como en todo, sempre hai quen lle gusta e quen se queixa... sempre hai para todos os gustos. Outros temos certa envexa e esperamos iniciativas parecidas con respecto da nosa música. É un terreo onde tamén hai moito que sachar... e onde teñen medrado moitas malas herbas ao longo destes últimos anos. Non estaría mal un modelo de ensino musical que reintroducise todas esas "balas perdidas" na cultura propia deste país e desterrase ese outro tipo de aloucadas aventuras... a fin de contas, a nosa gaita... a nosa música tamén fala galego. Para cando esa boa nova? Asdo. Eáns de Cotón

30.5.06

Un mundial da prostitución

Permitir ou non a práctica da prostitución, regulala, abolila, legalizala, penar aos clientes... é un debate fondo e complexo; ligala ao evento deportivo máis popular e que máis espectación esperta... iso xa non ten discusión posibel. Descarregar Manifesto "Comprar sexo non é un deporte" (en castelán) (en portugués) Asinar Asdo. Fernán da Veiga

29.5.06

Friqueandonos?

Alguén pensaba que ía quedar un só espazo libre de friquismo? Evidentemente non! O peor do conto é o exemplo que dan... xa vexo a máis de un nos vindeiros días... subido á tribuna do parlamento do estado, disfrazado de Superlópez... quen podería ser el??? Deixame que o pense. Asdo. Xoan de Requeixo

26.5.06

O Dolmen de Dombate

Parace ser que xa saiu o resultado do concurso de rehabilitación do Dolmen de Dombate... polo visto trátase dunha novedosa concepción museística; vano meter nunha urna de metacrilato que permitirá ao visitante a súa observación dende todos os puntos, dende arriba, dende abaixo... As paredes da caixa será pequenos acuarios con fermosos peixes de cores tropicais, que vivirán animados por unhas singulares luces laser e de neón e un lixeiro toque New Age na ambientación musical. O recinto estará arrodeado de palmeiras e unhas fermosas señoritas, as guías, unhas rapazas moreniñas con sotaque cubano e saias de xuncos e palla, que irán explicando a esquisitez do prantexamento e as melloras levadas a cabo no emprazamento. Nin que dicir ten que o visitante disporá -dentro do propio megalito- dunha conexión a internete wifi, uhf, mp3 e rediose!!! todos os avances que sexan necesarios para poñer ao día tan obsoleta construcción. Ah!! Xa me esquecía... un bar -obviamente- e a correspondente tenda de souvenirs. Asdo. Xoan de Requeixo PD: Igual emocioneime demasiado... aínda así non creo que a cousa quede moi atrás.

O pánico da dereita

Hai uns días, o goberno de Madrid manifestou a súa intención de reunirse con ETA, e que esta cuestión sería debatida no parlamento. Non direi que desta vez o asunto do terrorismo vai rematar en España dunha vez, pero a lo menos penso que se está máis preto que nunca, e nunhas condicións inmellorables para logralo. Mais, ¿por qué teñen tanto medo na casa PP? ¿É que non pode ser que o goberno que remate con ETA non estea gobernado por eles?¿Serían eles capaces de facelo? As respostas son tan claras que non vou nin a comentalas. Ogallá algún día esta xente desapareza da vida política española, faríannos un gran favor. Paquito

25.5.06

Luz

A cidade está empapelada; os seus amigos non o esquecen, queren luz e que se aclaren as dúbidas que rodean o acontecido. Eu non o coñecía, non sei das súas ideas nin como pensaba; Tampouco coñezo os detalles, non sei quen era nin que lle pasou, nada sei... simplemente vexo os carteis en cada cabina, a súa foto en cada farola e penso que non poden quedar as cousas así. Deben finalmente aclararse, xa tardan. Asdo. Fernán da Veiga

23.5.06

Empedrado Cidade Vella da Coruña

Gostaríame chamar a atención da xente da cidade da Cruña nun tema que resulta particularmente penoso. Trátase da "renovación" que está a levar a cabo o concello no empedrado da Cidade Vella, ou o que é o mesmo, eliminan as vellas e históricas pedras para sustituilas por outras novas de feitura moderna, "granito de máquina", co cal as rúas e os rincóns que as conforman perden toda ou boa parte do seu encanto e beleza. Xa tiñamos exemplos desa desfeitura na Praza da Constitución (sintoo máis a miña memoria non me permite lembrar o nome histórico da mesma, desculpádeme) xusto diante do edificio de Capitanía... toda ela de evidente mal gusto. Outro exemplo ben coñecido... o propio empedrado dos Cantóns. Non se pode permitir que o desexo que tanto tempo se lle negou ao Sr. Pacón, ese capricho de neno rico, recén chegado á Cidade Vella, se leve a cabo unha vez que deixou o seu cargo. Eu dou o meu sinceiro apoio ao veciños desa zona, aos que levan toda a vida vivindo nesas casas e que tan ben lle queren a aquelas pedras e á súa historia. Espero que esteñades todos comigo e con eles. Asdo. Fernán da Veiga.

22.5.06

O Dandy no Vaticano

Xa botávamos de menos esa cara tan particuliar e característica, case diría eu que familiar... xa tiñamos morriña dese sotaque tan galicien sen querelo e esa filosofía de vida tan "a súa maneira", ao seu aire e cun estilo particular como poucos, sempre tan "mai guei", como el mesmo diría parafraseando ao Frank Sinatra. Aí o temos, por fin, o noso amigo Ex-Sirciño de Punta Herminia á beira -ao lado direito, claro, "la duda ofende"- da máxima representación da igrexa católica neste pequeno mundo noso, ao carón do mesmísimo Sr. Mazinger.. Se o noso Paco non fose tan áxil, tan raposo e se non fose polo moito que estivo entrenando todos estes anos acó na Cruña... de seguro que o vello o alcanzaba de cheo con algún dos torpedos que lle quixo lanzar. Vai dado se pensa que o vai coller nun renuncio tan pronto... a fin de contas xogan os dous no mesmo bando. Asdo. Xoan de Requeixo

Inversión amortizada

O negocio dos encoros e as hidroeléctricas até hoxe xa foi amortizado en catro veces o seu custo... mentres tanto continuamos á espera da construcción dos correspondentes pasos que permitan a peixes e anguías remontalos sen maiores atrancos. Unha débeda pendente das empresas hidroeléctricas e sobre todo... dos gobernos que llo deberan esixir. Até cando? Asdo. Fernán da Veiga

20.5.06

Circo

Montei un circo... ...só me medrou un "Martínez Pujalte" Asdo. Xoan de Requeixo

Diario dunha Fresa

Coma sempre, acostumo a baixar correndo e tropezando con todo, nin me decanto do que acontece ao meu arredor, pero estos días baixando da casa da miña tía, a pobre é a que me alimenta tódolos días -máis que a casa da miña tía parece o mesón :" Casa Mucha- Menú del día", pero de balde claro-. Atopo unha rapariga xovenciña traballando cuns obreiros no portal do edificio. Alégrome. Por fín igualdade, en sectores nos que atopamos un baixo índice de emprego femenino. Entérome de que a rapaza estivo no exército e que agora quere entrar na Policía Local de Vigo. Quiso matricularse nunha coñecida Academia que prepara e "axuda" aos mozos para tal fin, e tras darlle mil voltas, mirando a rapaza con desprezo por ser muller, dinlle que seica levar lentillas é impedimento pra traballar de policía. Sexa certo ou non (o cal dubidoo moito), teño que decir que o seu rexeitamento non é polos lentes senón polo feito de ser muller. Que tristura, que aínda moitos pensen que non somos iguais. Como dí un amigo meu " Eu creo no Igualitarismo".

19.5.06

Unha gran queimada

Non son moi dado a ese aquel pseudofolclórico da queimada e moito menos a ese invento pintorésco, iso sí, dos conxuros, exconxuros e restantes accesorios... mais a ocasión mereceo. Ide preparando os ingredentes... cacharro xa o temos preparado. Asdo. Xoan de Requeixo

Sorte

"A sorte favorece só á mente preparada."

Isaac Asimov

Sei que non lle vai facer falla a sorte... mais nunca está de máis tela a mao.

Unha aperta.

Asdo.

Fernán da Veiga

17.5.06

Galiza dividida?

Xa estamos outra volta co mesmo. Os do mar muxián...
queren fábrica de peixe a pesar de encher de merda o seu océano... e esnaquizar o seu entorno, válelles se conseguen un traballiño. Nós...
arremecajenacona!! a dicirlles que non... que non a queremos! que queremos ver o mar limpo como unha vitrina.
Eles din que queren traballo, traballo que nós non lles damos, xa o quixeramos tamén pra nós, non se pranta na horta, nin sae da chisteira, e tampouco de debaixo da boina. Eles din que só emigración, marchar ás Canarias, a Alemaña.... insisten en que a queren e nós que non! que non estamos pra colonias, que queremos progreso, futuro! e non esa industria colonial!
Sempre a mesma división, pareceres separados, non se unen, nos se xuntan nin co SuperGlue. Un muro de incomprensión, un monumento petreo á diferencia, aos caracteres irreconciliabeis, á falla de puntos intermedios, tonos puros, brancos ou negros. Unhes berran "Nunca máis" ... outros "outra máis" Unhes "so tuzaros" ... outros "Ecofascistas". Non hai remedio, somosche así e así che somos, está visto. Asdo. Fernán da Veiga Pd: Entendo que non todos os muxiáns e habitantes da Costa da Morte teñen, representan, o mesmo parecer. Non se ofender.

Desnortados

Os partidos, colectivos e mesmo os individuos afíns a ideas de esquerdas andamos -coma tantas outras veces- desnortados, distraidos e ensimismados, discutindo polas mesmas parvadas formais de sempre. Mentres nós estamos así, dende a outra bancada non perden un minuto, apuran o paso e aprópianse -coa nosa licencia- dos símbolos daquelo polo que nunca loitaron e que a outros tanto lles costou acadar. Regalámoslles a Constitución e con ela están facendo todo o que lles ven en gana, sempre na nosa contra. Regalámoslles tamén -por ese absurdo e cándido exceso de tolerancia- a memoria e deste xeito están a escribir a historia que lles parece máis oportuna, como un traxe feito a medida do vencedor, criminalizando o vencido. Permitímoslles deixar media España chea de monumentos aos seus heroes (dade un paseiño pola cidade da Cruña) e mesmo non houbo quen impedira a subvención para a súa fundación favorita, pagámoslla mesmo do noso peto. e qué fixemos nós? Alguén debería marcar o rumo desta nave, imos sen compás nen temón e non poderemos ir así por moito tempo. Asdo. Xoan de Requeixo

16.5.06

Para os que sempre están ahí...

Para os que nunca s olvidan as túas datas especiais... Para o bombón máis doce que chegou dende o norte... Para o que sempre está , estivo e estará na miña vida... Para a máis guapa, a máis forte, que me sorprende coa sua entereza... Para a borde máis agradable, máis boa, que conquistou o meu corazón... Para a miña ruliña dos ollos acristalados máis sinceros que vin nunca... Para a que sempre marcha, pero que dende sempre estivo o meu carón... Para a que leva toda unha vida... Para o “ rexeitado” que a todas nos gustaría ter... Para o alpargateiro que sempre levarei no coraÇao... Pra todos eles... GRAZAS

15.5.06

Feminismo & Machismo

Serán unhes temas moi complexos para representar nunha instantanea ou será que como fotógrafos nos estamos aplicando moi pouquiño para o concurso? Sendo inxenuo e optimista, diría que hoxe en día é moi dificil apreciar ese conceitos... están en desuso, mais sei moi ben que non hai lugar para tal optimismo. Asdo. Eáns de Cotón

Pobreza

"Todo o que se come sen necesidade roubase ao estómago dos pobres. "
Mahatma Gandhi
Eu creo que esa frase recolle, condensa, todo o que o Sr. Morales tenta eliminar da súa Bolivia. Aquelas voces tan críticas agora, permaneceron caladas mentres os recursos e todo o que puidera ter valor lles foi arrebatado aos indíxenas. Que non nos pinten o lobo tan manso... por moito que sexa español... o de lobo non llo quitan. Asdo. Xoán de Requeixo

12.5.06

A Sexta

Os venres son ese día chungo que está a medio camiño, entorpecendo a fin de semana. A xente está máis ocupada en pensar que facer no seu tempo libre que en atender os correos, as bitácoras... A actividade fica reducida ao mínimo, non se prantexan novos temas, non se discute o ridículo espectáculo parlamentar, nin se pregunta se ao final teremos que pagar todos os buracos das estampiñas... Bon sempre haberá tempo ao longo da semana para falar do feito nestes dous días. Pasadeo ben todos. Un forte saúdo. Fernán da Veiga

11.5.06

A Cea

Na miña sinxeleza masculina pensei que as mulleres serían máis listas e saberían proceder doutro xeito, sen cometer os mesmos erros tantas veces denunciados, moitos deles -aínda hoxe- tan poucas veces atendidos. Inxenuamente cría que por fin as persoas ían ser tratados por tales, sen facer distingos entre tal ou cual por pertencer a este ou aqueloutro grupo, somentes por presentar unhes atributos cos que aleatoriamente a Natureza nos dotou. Alén dos moitos argumentos que se lle está a dar a unha oposición sedenta de carnaza, a propia imaxe transmitida, de facer distincións con moita pavonería e diferenciar absurdamente entre mulleres e homes, non é a millor das posibeis. Eu sinceramente sinto certa decepción ou quizais a sensación amarga de quen ve confirmado os seus temores. Non é unha loita de todos/as... somentes é a delas, aínda que, por suposto, non é de todas. Asdo. Fernán da Veiga.

9.5.06

A Mourela

Gostariame colaborar cos amigos das Pontes no seu empeño por salvagardar o patrimonio, neste caso un singular circulo de pedra megalítico, para evitar así o esnaquizamento por mor das obras dunha autoestrada. Podedes con eles asinando contra a súa destrucción; a fin de contas é algo que nos pertence a todos e debería ser un ben a protexer. Recollida sinaturas Asdo. Eáns de Cotón

Metal quente

Nestes primeiros días de maio, no mes onde se celebra dende hai moito tempo o festa do traballo, está tendo lugar en Vigo algo que xa facía tempo que non contemplabamos, un movemento obreiro multitudinario que ten paralizado ó sector do metal por completo na provincia de Pontevedra. Coma sempre, o proletariado loita cos seus medios a prol dos seus dereitos como traballadores, co abxectivo de que o seu traballo sexa digno, e sexan tratados con xustiza para poder vivir nunha situación cando menos aceptable. Para iso, e en vista de que as negociacións coa patronal non están a dar os seus froitos, están saíndo á rúa a protestar pola súa situación. E coma sempre, cando hai protestas nas rúas, hai xente, que maioritariamente nada ten que ver co asunto, que fai a guerra pola súa conta, rompendo, queimando, esnaquizando todo canto atopa por diante. Iso non representa a situación dos traballadores do metal, nin moito menos. Pero non deben pensar igual na Subdelegación do Goberno. Eles deben pensar que estas xentes bárbaras e insensatas (eses 4 ou 5 para eles son todos) o único que buscan é facer falcatruadas e aproveitar para desfacer todo canto poden ó seu paso. Deben pensar que, en vez de ser xente de a pé que demanda unha situación laboral digna para os seus futuros, teñen como obxectivo esnaquizar unha cidade e faltar ó traballo. E por iso, ante eses desordes públicos acontecidos en Vigo neste mes de maio, mandaron chamar ó mellorciño que había nos corpos de seguridade nacional (enténdase España) para, como mostra esa instantánea da cabeceira, mallar nos traballadores que como única arma portaban un berro de xustiza. ¿E logo qué pretendían? ¿É que en Vigo ía haber algún golpe de estado? ¿Ían matar a alguén? ¿Ía haber mortos e pelexas polas rúas? Nada máis lonxe da realidade, simplemente xente que busca levar algo máis que o pan de cada día ós seus petos e que, en vista do acontecido hoxe luns nas rúas viguesas, a saber cal pode ser a resposta mañá desta xente da que, poderiamos dicir, "aparte de burra, apaleada". Non hai dereito, é como apagar o lume con gasolina, non hai dereito. Paquito

8.5.06

Das varas e as vareadas

Unha vez máis a xustiza deixa a máis de un aquelado e sorprendido. Non se sabe moi ben como entender as cousas do entramado xudicial; por moito que un o intenta nada consegue aclarar, vemos que distintas varas... unhas de medir... e outras de dar...
A dúbida está en saber quen establece sempre o mesmo reparto? Asdo. Xoán de Requeixo