22.10.06

Triste panorama

O panorama que ofrecen os políticos, tanto na España como aquí na Galiza, é desolador. O nivel que nos ofrecen non chega sequera ao mínimo.

Por unha banda, a medida que se achega a confrontación política, a batalla das urnas -neste caso, eleccións municipais- comezan a aparecer casos de corrución urbanística (e outras herbas) que até agora permanecían ocultos a nivel público ou xornalístico. Ante iso a única resposta que ofrecen os dous partidos maioritarios, eses que tanto fan a prol dun bipartidismo -que por sorte nunca chega!-, é a de dicir "nós si pero ustedes máis" e acabouse.

Con respecto a nós, a cousa tampouco da moito de si. Aquí temos un conselleiro que logo de que o seu partido dilapidase grandes sumas -cartos públicos, claro- en absurdos xuizos, perdidos de antemán, quere chegar ao "acordo" con respecto do topónimo herculino, tildando a quen esixe o cumprimento da lei de "fundamentalista" e atopando "solucións intermedias" que ben poideran ser de consenso, si, mais non logo de tantos anos de pasarse a lexislación e as sentencias polo forro e máis aínda logo de manter actitudes vergoñentas como aquela "entonación do LaLaLa" en boca do Sir de Punta Herminia.

Quen faga memoria e lembre actitudes e episodios pasados protagonizados polo Sirciño e o seu grupo (onde, por certo, estaba o mencionado conselleiro) verase na obriga de tomar partido a prol de quen defende e esixe que a lei sexa para todos a mesma e non un papel mollado, que políticos, fiscais e xuices interpretan ao seu antollo cando non lles resulta favorabel.

Alén do anterior, tanto con respecto ao topónimo como á corrución urbanística, a xente da rúa, aquela que fica afastada do día a día, tan lonxano e artificial, dos políticos, somos conscientes da falsedade dos discursos destes. Simplemente seguen a pauta que lles marca o calendario e o seu fin único, recibir votos aínda que seña comprandoos.

Xoan de Requeixo

1 comentário:

Xosé Manuel Carreira disse...

En realidade o problema é que os políticos parécense demasiado á xente da rúa, e hai certas decisións, especialmente as do urbanismo nas que sería mellor un certo despotismo ilustrado que o populismo que temos agora.