31.12.06

Brinde

Se non fose politicamente incorrecto diría que xa estou imaxinando, a máis de un e máis de dous, cual carroñeiros á espera de despezar á súa prezada presa.

Xeito curioso de festexar o remate do ano.

Coma case sempre... "a ledicia" vai por barrios.

Xoan de Requeixo.

29.12.06

O monte (e non o Gaiás)

Tanto os vellos carregos do Partido Popular coma os actuais membros do goberno galego teñen unha teima en común, o monte Gaiás, ese emprazamento destinado á cidade da cultura ou, como eu lle chamo, ao Come Cartos de Galiza.

Logo de moito dilucidar, de pensar e repensar que facer coa herdanza fraguiana, a actual equipa de goberno decidiu tirar para adiante até o extremo de "apropiarse" de tan magna obra. O resultado disa decisión xa se verá. O inmediato é tan claro como que non van poder dicir o día de mañá que "esa pataca quente non era súa". Xa non é tal.

Mentres tanto logo, xa digo, de facer renacer o proxecto das súas cinzas, procurando certas "asistencias" por parte de universidades e empresariado, o auténtico monte galego fica máis desolado ca nunca e non exclusivamente por mor da vaga de lumes deste vrao pasado.

Por motivos que non veñen ao caso teño feito moitas viaxes -de extremo a extremo- ao longo da xeografía galega e neles teño visto moitos, moitos lugares onde non hai xa vida algunha, nin posibilidade de que a haxa; somentes cumios e montes petreos, auténticos pedregais onde calquera capa de manto vexetal foi arrastrado de xeito definitivo, se é que non se lle pon remedio.

Esa desertización é un problema serio, que afecta -digo isto sen ser experto na materia pero aínda así é algo demasiado evidente- aos ecoxistemas, á erosión, ás riadas... e mesmo á idea que nós temos da paisaxe.

Moitos lugares vémolos hoxe pelados, somentes pedras: moitos na Costa da Morte, outros en Padrón ou na Cañiza... e atribuimos ese fenómeno da falla de vexetación ás inclemencias do tempo, ao vento, á xiada... cando iso non acontece así salvo en contadas ocasións.

Sería necesario por medidas para paliar ese problema, pedindo para iso o consello e a mediación das institucións relacionadas coa materia (neste caso sí ás universidades e sí tamén ao empresariado) e non deixar pasar máis tempo até que vexamos unha grande parte do noso entorno convertido nun deserto de pedras e rochas.

Fernán da Veiga

23.12.06

Solución de consenso (sen-senso)

En vista dos avances acadados recentemente no tocante á universalización dos nosos símbolos patrios, estamos á espera do seguinte e definitivo paso en materia de normalización cultural e política, ese mesmo que nos vai levar ao acordo, xa tardaba, en materia de redacción do novo estatuto Galicien...

O limiar acordado entre as forzas (o BNG non entra dentro desa definición, dado o seu caracter galego sube-baixa-escaleiras e o bipartidismo reinante) é o seguinte:

"Galizia, Nazón Andaluza."

Así mesmo a Capitalidade, noutrora punto de enfrontamento entre Cruña e Compostela, pasará directamente a Caí "pixa"!, aforrando debates e pechando feridas aínda sangrantes.

De igual xeito, o corpo do noso benquerido apóstolo Santiago será levado até a Mezquita de Cordoba, entre palmas e rasgueos de guitarras, ao son de soleares, seguidiñas e algunha que outra herba propia do lugar e, xa que logo,... o Camiño traslada o seu destino dende Fisterra até o lonxano Rocío (evidentemente).

Así nos vai.

Xoan de Requeixo

Pd: A Villarino é poñente do Estatuto??? Non!!! NON!!! NON!!!! Deus nos colla confesados!!!

Pd2: Aqueles que obviamente discrepen serán correspondentemente tildados de ignorantes! Non podía ser doutra maneira.

22.12.06

O conto do gato

Pese a chegada do inverno, a recente interpretación do himno galego a xeito "lolailo" non deixou frío a ninguén. Coma en tantas ocasións, non pasou inadvertido e mesmo as reacción contrarias foron empregadas como armas políticas para así demonizar -como non- aos críticos nacionalistas.

Particularmente penso que determinados símbolos son un ben a respeitar; principalmente para que non haxa malentendidos, cabreos nin pelexas, todas elas a evitar na medida do posibel.

Quen parece ter unha visión e unhes gustos diferentes aos meus -e aos de moitos outros!- é a Sra. Presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino; empeñada en misturar os seus gostos particulares, o refraneiro popular -enténdase por aquelo das 7 tazas!- e finalmente, para millorar a receita, un certo aquel cuasi cómico, moi similar ao conto aquel do home, que magullado e desfeito, espetaba ao persoal a xa mítica frase de "O gato é meu e fodo nel canto quero!".

O caso é que non estamos a falar do gato da Sra. Villarino se non dun dos símbolos que nos representan e pertencen a todos. Non esquecer.

Xoán de Requeixo

3.12.06

Logo dos 4 anos

Aqueles que participamos naquelas manifas de fai catro anos estamos á espera de coñecer cales son as medidas artelladas para tentar evitar catastrofes como as que tantas veces sofriu a nosa costa e en xeral o noso País.

Cecais agora a máis inmediata ameaza non veña propiamente polo Mar se non por terra... entre camións, formigoneiras e paleadoras... contra ela tamén deberiamos estar alerta, impedindo desfeitas que pouca volta atrás terian.

Nese senso... a cidadanía, unha vez máis, debería non baixar a garda e ir máis aló que os propios políticos.

Fernán da Veiga

Polonio e outras falacias

Mentres as autoridades norteamericanas e europeas nos atormentan, día a día, mes a mes, con novas e absurdas medidas de seguridade, parece que máis de un e dous andan por aí libremente, sen atranco nengún, manexando e manipulando elementos radioactivos perigosos -quen coñecía o tal Polonio antes diso?- sen que haxa autoridade algunha que controle tales movementos.

Era cousa ben sabida que todo isto tiña por único obxecto xerar temores e inseguridades para, sempre en base a iso, poder controlar e recortar as escasas liberdades que nos deixan. Tales medidas non serven máis que para levar a diante esta "xestión do medo", que tanto e tan ben lles renta a determinados sectores da política nacional e internacional... aínda que as veces parece o contrario.

Fernán da Veiga.

Pd: É evidente que hai substancias máis perigosas ca iso... mais estamos seguros de que non circulan tamén por aí?

2.12.06

O raposo

Un día o raposo sentíu medo. Percibiu na lonxanía o ruido dos cazadores e o cheiro ameazante dos cans de caza. Non quixo esperar nin sair por novas presas. Rapida e silandeiramente recolleu os seus enseres, despediuse dos seus amigos e saiu ao camiño.

Non quixo advetir ao resto dos animais do perigo inminente. Sabía ben que eles serían os que facilitaran a súa escapatoria; gañando un tempo ben prezado e necesario para todo aquel que fuxe.

Agora, xa instalado na nova toupeira, revisa dende a lonxanía a prensa diaria. Sorrí cada vez que algunha nova relata a captura dalgún dos seus vellos compañeiros de fazañas (o xabarín, a perdiz, o cervo...)

Ao fin e ao cabo... por algo ven sendo o raposo...

Xoan de Requeixo