Logo de moito dilucidar, de pensar e repensar que facer coa herdanza fraguiana, a actual equipa de goberno decidiu tirar para adiante até o extremo de "apropiarse" de tan magna obra. O resultado disa decisión xa se verá. O inmediato é tan claro como que non van poder dicir o día de mañá que "esa pataca quente non era súa". Xa non é tal.
Mentres tanto logo, xa digo, de facer renacer o proxecto das súas cinzas, procurando certas "asistencias" por parte de universidades e empresariado, o auténtico monte galego fica máis desolado ca nunca e non exclusivamente por mor da vaga de lumes deste vrao pasado.
Por motivos que non veñen ao caso teño feito moitas viaxes -de extremo a extremo- ao longo da xeografía galega e neles teño visto moitos, moitos lugares onde non hai xa vida algunha, nin posibilidade de que a haxa; somentes cumios e montes petreos, auténticos pedregais onde calquera capa de manto vexetal foi arrastrado de xeito definitivo, se é que non se lle pon remedio.
Esa desertización é un problema serio, que afecta -digo isto sen ser experto na materia pero aínda así é algo demasiado evidente- aos ecoxistemas, á erosión, ás riadas... e mesmo á idea que nós temos da paisaxe.
Moitos lugares vémolos hoxe pelados, somentes pedras: moitos na Costa da Morte, outros en Padrón ou na Cañiza... e atribuimos ese fenómeno da falla de vexetación ás inclemencias do tempo, ao vento, á xiada... cando iso non acontece así salvo en contadas ocasións.
Sería necesario por medidas para paliar ese problema, pedindo para iso o consello e a mediación das institucións relacionadas coa materia (neste caso sí ás universidades e sí tamén ao empresariado) e non deixar pasar máis tempo até que vexamos unha grande parte do noso entorno convertido nun deserto de pedras e rochas.
Fernán da Veiga
Sem comentários:
Enviar um comentário