5.7.05

Conxunciós Telúricas


Muiño en Cotobade 
Nunha fin de semana cos seus máis e menos tiven a sorte de tomar parte nunha gaiteirada no Concello de Cotobade, Prov. Pontevedra. Direi que foi unha cousa moi curiosa, extraña e deu moito de si... dende xantar -a xeito de merendiña- baixo a Carballeira de San Xusto, lugar mítico dentro do folclore, até camiñar pola beira do Lérez nunha zona chea de muiños, moi fermosa en canto á paisaxe e rica en árbores autóctonas. Lonxe de quedar aí, tamén visitamos unha vella testemuña do pasado, un magnífico petroglifo, quizais o maior que teña visto até hoxe. Fixemos o percorrido acompañados dunha persoa singular, o Sr. Carballo, quen (a xeito de zaori ?) adentrounos no escuro campo das forzas telúricas, mostrándonos ás súas explicacións a diversos fenómenos; dende a localización de Cruceiros até a demostración do significado que para el ten o propio petroglifo. Xa sabemos que esas cousas son moi particulares de seu mais como experiencia foi algo diferente, acho que moi enriquecedora dende diferentes puntos de vista. Evidentemente, a noite rematou nunha cea-xuntanza, cantando e tocando até ben entrado o día. Como ten que ser.
FOLIADA DE PORTOSÍN Non me tires con pedriñas; De tirar, tira outra cousa: Podes tirarme un biquiño E a modo, que ninguén “ouza”. (bis) Ai la le lo ai la la la. Polo río abaixo sae Unha troita de pé; Corre porque chove e vai Ben mollada abofé. Carballeira de San Xusto, Carballeria recortada, Naquela carballeiriña Perdín a miña navalla. (bis) Ai la le lo ai la la la. -- retrouso -- Aldeíña de Mandaio É aldea de poucos homes, E aqueles poucos que quedan Chámanlles remendafoles. (bis) Ai la le lo ai la la la.
Algo que me chamou moito a atención foi a suposta orixe da Carballeira. Segundo parece esta tivo orixe na tradición de prantar unha árbore -casualmente un carballo- para conmemorar o nacemento ou defunción dun familiar. De feito houbo quen comentou que das primeiras veces que fora á Carballeira de San Xusto coñecera anciáns que sabían a que familia pertencían as árbores. Pensade que os máis vellos exemplares poden rondar os trescentos anos de antigüidade. Como colofón engadirei que os veciños do lugar queren e coidan a súa riqueza, neste caso en forma de carballeira; de feito, recentemente gañaron un pleito contra a igrexa -se non estou errado no propio Trib. Constitucional- pola propiedade da mesma, xa que o crego do lugar rexistrouna como ben desta institución, cousa que provocou unha grande reacción na veciñanza. Mesmo lle engadiran unha nova copla á cantiga pero non podo lembrarme dela exactamente, sei, iso si, que facía referencia á palabra que os veciños daban en coidar a súa prezada carballeira; e así foi.

Sem comentários: