18.7.06

Ameaza de máximos, acetación de "mínimos"

A parella forma polo goberno galego e os promotores da piscifactoría de Corrubedo - Stolz Sea Farm, os mesmos que destragaron unha zona tan marabillosa como o Faro Vilán- ameazaron, nunha vulgar actuación teatreira, coa instalación dun novo megaproxecto perto da zona dunar de Corrubedo, unha zona protexida e fermosa. Non foi a súa unha cousa gratuita, fixeron iso, esa ameaza de máximos, para que acetaramos, sen maiores queixas nen atrancos, o seu traslado á entorna da Praia de Baroña, co seu magnífico castro. Foi todo un acto realizado para que asumamos a situación como un mal menor, pese a que estamos a falar dunha das xoias do país, digna da máis alta protección, aínda que só fose pola súa singularidade, polo seu simbolismo. O peor do conto é que logo virán as urbanizacións, as constructoras, os piratas que xa fai meses viñan asomando a patiña coma o lobo do conto. Antes a queixa era a de ver como eran os lobos os que tiñan que coidar das ovellas, agora xa un non ten tan claro quen é lobo e quen ovella. O meu desencanto é evidente. Imaxino que non son o único que o sinte. Asdo. Fernán da Veiga PD: Resulta sorprendente como os valores ecolóxicos que noutrora defendimos, a cría de peixe fronte a pesca, a produción de enerxía "limpa", eólica, hidroeléctrica... vólvense contra nós, convírtense nos maiores perigos, xunto coas grandes construtoras, dos nosos montes e costas. O peor é a fodida sensación de impotencia.

Sem comentários: