8.8.06
"Rejas en la memoria"
Vou deixar temporalmente aparcado o tema dos lumes -por unha cuestión de saúde mental, obviamente críspame en demasía- así que aproveito para comentar un documental que estiven vendo onte pola noite.
É un traballo -pra min excelente- titulado "Rejas en la Memoria", feito polo director Manuel Palacios. Nel exponse a realidade até agora agochada dos campos de concentración franquistas, aportando unha visión complementaria e necesaria do que foi o vello réxime e a crueldade da postguerra.
As testemuñas de homes e mulleres que viviron aquel inferno non deixan frío ao espectador, todo o contrario, situante -aínda na distancia- por momentos no seu pelexo, no calvario dos traballos, na penuria da fame, no pretendido e frustado lavado de cerebro.
Evidentemente o traballo da moito máis de sí que este meu comentario e por iso aproveito para recomendarllo a todo o mundo. Non perdan a ocasión.
Fernán da Veiga.
Pd: Graciñas ao compañeiro que me dirixiu cara este documental. Paga moito a pena.
7.8.06
Vítima 45
Xa son un total de 45 as mulleres brutalmente asasinadas a maos das súas "parellas" no que vai de ano.
Vanessa, a vítima de hoxe -toda a nosa solidariedade con ela- é quizais algo especial, dado que finou logo dun ano enteiro de calvario na unidade de queimados dun hospital.
Calquera que coñeza a dor que se vive nunha desas unidades -aínda que sexa coma no meu caso por referencias de amizades que por sorte poideron contalo- comprenderá o suplicio inenarrabel que esa muller sofriu; unha tortura, un auténtico horror que se alongou no tempo durante os máis doce meses que a pobre muller aguantou.
Un recordo sinceiro pra ela e pra esa outras 45 vítimas do absurdo.
Fernán da Veiga
Carroñeiros
Xa están aí os carroñeiros de sempre pretendendo tirar proveito da desgraza do lume. Ese lume que nos abrasa e leva por diante algo máis fondo que os montes que se queiman, arrasa tamén o interior de moitos de nós, cando vemos na distancia da estrada o monte ardendo.
As feras, esas "hienas", andan á procura do correspondente Prestixe -desta volta sen chapapote, simplemente co gris e negro da cisa-, buscando unha nova traxedia que lle botar aos fuciños ao novo goberno.
100 incendios no prazo de 2 ou 3 días son máis que abondo pra tirar abaixo inxenuidades; para pensar que todo iso débese en exclusiva á mala idea dalgún tolo ou algún especulador. Non, non podemos crer nas casualidades, está claro que non, todo está demasiado controlado e dirixido como para pensar en cousas de simples afeccionados.
Aínda descoñecendo que é o que move os fíos desta sorte de terrorismo, quizais amalgama de intereses políticos, urbanísticos, económicos,... demostran ter fortes gadoupas, unha grande organización e alén diso son bos coñecedores do terreo por onde se moven.
Non deixan fío algún por atar.
Xoan de Requeixo.
5.8.06
Lume no país
Ás veces pódese sentir noxo, desprezo ou náuseas por determinadas persoas no mundo que fan determinadas cousas. Pero para a xente que queima os montes, iso é pouco.
Onte voltaba eu da Coruña, e chegando a Santiago collín pola autoestrada para chergar a Vigo. Eran as 18:00. Pois dende Santiago a Vigo, non deixei de ver fume e lapas por todas partes. Había momentos onde a visibilidade menguaba. Na zona sur de Santiago era tal a fumeira que pensei que reventara algo, unha gasoliñeira, non sei, pero era espectacular. Xa por Pontevedra víanse incendios por todos lados. O do Morrazo era sangrante: ardía polos dous lados, e os avións xa se vía que non daban abasto. Pola zona de Cesantes ou Arcade (intúo), o lume rondaba as vivendas do lugar.
Pensaba que a lei do goberno de prohibir a recaliicación de terreos queimados ía servir de algo, pero está visto que non. É unha impotencia ver como parte da riqueza natural deste país morre co lume. Non podo imaxinar canta xente pode haber que sexa capaz de facer algo así, e nin por asomo se me ocorren motivos para pensar que alguén poida ser tan inconsciente como para chegar a tales extremos de neglixencia.
Non sei qué se debería facer coa xente que collen prendendo lume no monte. Metelos no medio do incencio paréceme pouco e inxusto para o propio monte, porque xa bastante ten con arder como para que enriba o enchan de merda. Eu, dende logo, non sei como reaccionaria se vexo a alguén facendo algo así, é mellor non pensalo, pero seguro que remato no caldeiro eu antes ca él.
Paquito
3.8.06
Dos arquivos galegos
Un dos primeiros debates abertos polo deputado galego Francisco Rodriguez no parlamento de madride foi o de reclamar o envío da documentación medieval dos mosteiros galegos, entre eles o de Monfero e o de Caaveiro.
O tempo foi pasando e a súa petición pareceu caer no esquecemento máis absoluto. Imaxino que é o normal dado que o caracter galego por forza ven sendo pacífico e calmo, debe ser efecto da impotencia de sentirnos gobernados, até fai nada, por "axentes estranxeiros", así foi ao longo de moitos séculos.
Non hai moito apereceu unha nova na que se prantexaba novamente a cuestión e tamén se informaba da importancia deses documentos para poder facernos unha idea de conxunto do que foi a historia de Galiza.
Coma sempre a solución adoptada chega tarde mais se ao final estamos no camiño de desfrutar e aproveitar toda esa información... sempre estaremos a tempo.
Eáns de Cotón
Pd:
Sorprende -daquelas e actualmente- que esa solicitude non vaia abalada por historiadores, mestres, rectores das universidades galegas e outros persoeiros do ámbito histórico e cultural. Non están -outra vez- á altura.
Raiba
Veño hoxe particularmente encendido, primeiramente ao sentir esa nova na que relataba a perda dun órgano por mor da inxusta folga do aeroporto de Barcelona. Coñezo ben a tensión e o medo que supón ter a vida pendente do fío do teléfono, esa sensación, a espera dun órgano para un trasplante, é unha sensación fodida. Mais non foi só iso, a persoa á que supostamente estaba destinado o organo botado a perder xa fora avisado e estaba disposto -imaxino- para someterse a esa operación que tanta incertidume esperta pero tamén abre tantas esperanzas. Non podo deixar de pensar no que pode estar pasando ese home, esa impotencia, esa rabia... Unha vergonza, un despropósito polo que deberían responder máis de catro.
O outro causante da miña raiba foi a visión na tv deses "democratas disitentes" reclamando a participación do exercito no derrocamento do réxime cubano, nin máis nin menos que un golpe de estado. Pois anda que se é así como queren dar comezo á transición... Deus colla confesados e ben confesados aos nosos amigos cubanos... polo que a min respecta, todo iso reafírmame no meu apoio ao Fidel e ao seu réxime. Non quero ver como subastan a illa por catro pesos, se é que non o fixeron xa.
Fernán da Veiga
Temas serios... xente non seria
Segundo parece o Sr. Losada evita falar de certos temas argumentando para iso que el só fala de "temas serios".
Resulta cando menos chocante vindo dun home que non hai moito colgábase medalliñas de iluminado visionario por ter instalado o trenecito chucuchu e agora dar comezo o estudo dun metro lixeiro para a cidade.
Está visto meu home, falar só falarás de temas serios... pero dicir dis cada parvada que mellor che era estar calado.
Xoan de Requeixo
1.8.06
Saude pro comandante
Todos sabemos que facer distingos entre dictadores é unha aventura arriscada mais no caso que esta de actualidade, o Cubano, posibelmente sexa mellor ir tirando co vello Fidel que abrille as portas a unha eventual pero case segura intervención norteamericana.
Pois iso, por se acaso, en previsión de males maiores... moita saude Fidel!
Xoan de Requeixo
31.7.06
2 páxaros dun tiro
O certo é que nunca me chamaron moito determinadas andrómenas políticas; non son moi dado ás aventuras, gosto, como moito, de protestar de cando en vez, iso é o único... pero logo de tanto insistir... alén de agnóstico, acabarei por facerme tamén independentista.
Hai que ver estes señores, a todo dan atendido: matrimonios gais, embrións, educación, e agora a recuperar "El destino de España en lo Universal" ou como raio sexa aquela parrafada do NODO. Estamos fodidos.
Xoan Requeixo
30.7.06
Gaitafobia
Logo de ver os actos do Apostolo e o Día da Patria -recluido, enclaustrado- pola TV teño que dicir que o actual goberno ten que darlle un repasiño a certas cousas alén da propia letra do Himno.
Está moi ben encher os eventos todos de gaiteiros folquis e pintorescas pandereteiras... mais a urticaria gaiteira que padecen -entendendida cara o gaiteiro tradicional- é máis que manifesta.
Onde quedaron os cuartetos tradicionais? ou un bon e solemne gaiteiro acompañado dun único tamboril?
É un auténtico complexo que deberían mirar con urxencia e máis tendo en conta que xa levan tempo abondo de mandato como para por curados certos traumas.
Asdo.
Eans de Cotón
19.7.06
Casualidades
Resulta curioso descubrir que en 1930 nos Estados Unidos había alguén que se apelidaba igual ca min e vivía nun lugar con nome similar a onde eu vivo...
Velaiquí o rexistro orixinal:
Esto é debido a que o apelido en cuestión dase moito en Italia, como diminutivo de Francisco, e os USA foron destino de moitos emigrantes. Pero se buscamos polo segundo apelido...
Un resultado máis galiciano.
Para buscar por apelido, emprega www.ancestry.com. Para ver a imaxe do rexistro orixinal, census.ancestry.com. Rexistro obligatorio gratuíto. Dura tres días.
Velaiquí o rexistro orixinal:
Esto é debido a que o apelido en cuestión dase moito en Italia, como diminutivo de Francisco, e os USA foron destino de moitos emigrantes. Pero se buscamos polo segundo apelido...
Un resultado máis galiciano.
Para buscar por apelido, emprega www.ancestry.com. Para ver a imaxe do rexistro orixinal, census.ancestry.com. Rexistro obligatorio gratuíto. Dura tres días.
18.7.06
Poucas horas
Poucas horas restan para encontrarme novamente
co mesmo criminal,
ese home fracucho que leva bombín,
ese mesmo que tantas veces me rouba os sentimentos...
o crápula de sempre,
ese canta agonías,
que leva anos póndolle música ás miñas.
Poucas horas para sentir como en vena,
letra a letra, peza a peza,
todas esas sensacións a mil por hora,
esa corrente, ese calambre,
todos eses universos de voces rotas...
Cómpreme xa esa droga,
máis ca nunca,
o corpo reclama a súa dose
de estímulos e sentimentos;
a súa ración de paixón desgarrada...
...non podo fallar á túa cita,
non podía ser doutra maneira,
aló nos vemos.
Asdo.
Q. albar.
Ameaza de máximos, acetación de "mínimos"
A parella forma polo goberno galego e os promotores da piscifactoría de Corrubedo - Stolz Sea Farm, os mesmos que destragaron unha zona tan marabillosa como o Faro Vilán- ameazaron, nunha vulgar actuación teatreira, coa instalación dun novo megaproxecto perto da zona dunar de Corrubedo, unha zona protexida e fermosa.
Non foi a súa unha cousa gratuita, fixeron iso, esa ameaza de máximos, para que acetaramos, sen maiores queixas nen atrancos, o seu traslado á entorna da Praia de Baroña, co seu magnífico castro.
Foi todo un acto realizado para que asumamos a situación como un mal menor, pese a que estamos a falar dunha das xoias do país, digna da máis alta protección, aínda que só fose pola súa singularidade, polo seu simbolismo.
O peor do conto é que logo virán as urbanizacións, as constructoras, os piratas que xa fai meses viñan asomando a patiña coma o lobo do conto.
Antes a queixa era a de ver como eran os lobos os que tiñan que coidar das ovellas, agora xa un non ten tan claro quen é lobo e quen ovella.
O meu desencanto é evidente. Imaxino que non son o único que o sinte.
Asdo.
Fernán da Veiga
PD: Resulta sorprendente como os valores ecolóxicos que noutrora defendimos, a cría de peixe fronte a pesca, a produción de enerxía "limpa", eólica, hidroeléctrica... vólvense contra nós, convírtense nos maiores perigos, xunto coas grandes construtoras, dos nosos montes e costas. O peor é a fodida sensación de impotencia.
25.6.06
O carnet por puntos, ou cómo deixar de conducir
Moito se está a falar do famoso carnet por puntos que entrará en vigor a partires do primeiro de xullo -se non me trabuco-, e que ó parecer tan bo resultado deu en Francia.
Esta semana chegou á miña casa un tríptico para toda a familia onde se informa á xente do que vai supor toda esta movida. Sinceramente, non reparei demasiado no seu contido. Todo parecen ofertas do Claudio en plan pague dous e leve un, pórtese ben e regalámoslle puntos Movistar, e bla bla bla.
Estou convencido de que a retirada de carnets vai ser espectacular. Do meu lado está o dato de que moita xente está asegurando os seus carnets ante o temor de quedaren sen eles. As multas vannos chover a todos, e quizáis a consecuencia de todo isto, unido ós prezos do chumbo, é que a xente deixe o coche na casa.
E esta situación vai ser nefasta para as compañías de automóveis, acostumadas a vender miles de carros ó ano, tasa que se vai ver reducida drásticamente como non tomen medidas, sobre todo, ó respecto da velocidade dos vehículos.
E se as grandes empresas automovilísticas do país ven que as suas vendas caen, van a comezar a protestar. E enton, quizáis, ese carnet anti mortes e anti actos vandálicos ó volante igual se torna un freno para o bo transitar da economía, xerándose un problema que non se sabe onde rematará.
Se todo isto se cumpre, "me da que" o carnet este vai durar ben pouco. A min polo de pronto as gañas de conducir que teño -e iso que me encanta facelo- vánseme reducindo así nos achegamos a fin de mes.
A ver que pasa.
Paquito
22.6.06
Diario dunha fresa
“Si dixese que sí, que todo está moi ben, que o mundo está moi bon, que cada quén é quén... Conformidá. Admiración”...
Chorar, chorar, chorar... .Certamente as cousas son así, porque sí?? Non, porque eles as queren así, e non lle podemos dar máis voltas, e uns siguen estando por enriba e outros por debaixo, por culpa da vida?? ,Algúns seguen indo de porta en porta e outros xa non levan sacos de cinzas senón que se converteron en cinzas.
Se dixese que sí, que estou ben, entón sería o intre de chorar, porque entón non me importaría, Pero sí.
Con Perdón a Celso Emilio Ferreiro.
11.6.06
Deus nos colla confesados
Lonxe de quitarlle a medalliña ao sr. Alvarez Cacos... en breve veremos como lle colgan outra ao Sr. Manolo... debe ser para celebrar a sua estrea como manifestante.
Hai cabeciña no goberno? Hai corazón? Hai memoria?
Asdo.
Fernán da Veiga
Mal andamos
Mal andan as cousas neste noso paisiño... hai quen defende a construcción polas bravas de calquer cousa en calquer sitio... mal andamos se até nos parques naturais se eliminan as propias cousas que habería que defender... mal andamos se os responsabeis primeiros en velar polo noso patrimonio son os primeiros en destruilo...
Coma sempre... mal andamos. Hai cousas que nunca cambian....
e menos mal que non todo o monte é ourego.
Asdo.
Fernán da Veiga
10.6.06
Vamonos de manifa, Manolo....
Tenho que reconhecer que ao ver esta foto do Manolo de manifa, emocionou-me. Ver a este homem que tantas vezes ten-nos insultado e mandado malhar aos que nos manifestavamos por outros motivos com essa gorra reinvindicativa, papando sol numa manifestação, fizo-me sorrir...
Penso que é uma boa cousa que até a direita mais reaccionária asuma duma vez que a mobilização popular é uma forma absolutamente legítima de reinvindicar aquelo no que cremos. Suponho que isto esquecerá-se-lhes tão aginha como volvam ao poder, e ainda boto de menos que algum deles leve umas hostias dos antidisturbios, mais que nada para que saibam que se sinte e que quando volvam ao poder o pensem duas vezes antes de mandar aos cães de presa a malhar na gente.
Respeito à manifestação de hoje, por uma banda posso ter empatia com as pessoas individuais que sofriram nas suas carnes um atentado terrorista. Posso comprender que esta gente tenha uma ánsia de vingança, e que lhes sente muito mal que o governo trate de chegar a uma solução negociada com a ETA. Entendo que a uma pessoa à que lhe mataram o pai ou un filho, ou que quedara com uma lessão irreversível de por vida, não lhe podemos pedir que agora seja tolerante, e que aplauda uma solução negociada do conflito.
Mas ainda assim, e deixando a um lado a falta de talha política de Zapatero para levar a cabo algo assim, estou certo de que o fim da violência em Euskal Herria, passa necessariamente por uma negociação com ETA, na que havera que fazer-lhe algumas concessões, sobretudo no referente à situação do presos e das organizações que formam parte da esqueda abertzale, e por outra banda, e isto já é algo de muito mais calado político, negociar com os partidos políticos bascos uma situação que permita que os cidadãos bascos estejam cómodos em Espanha, ou que sejam uma nação independente. Isto último não porque o pida apenas ETA, senão porque é uma reinvindicação maioritaria do povo basco que os governos espanhois tenhem-se negado a afrontar.
E nesta situação, onde ficam as vítimas do terrorismo? É inevitável que vejam a negociação com maus olhos, que o percebam mesmo como uma derrota, e tenhem direito a sentir-se assim. Mas isto não pode ser um obstáculo para pôr fim à violéncia, e a obriga dos políticos é tratar de calmar os ánimos, de explicar-lhes que tudo isto se fai para que não haja mais vítimas e de reconhecé-los as vezes que seja preciso.
Por isto, a atitude do Partido Popular neste tema, parece-me absolutamente ruin. En vez de ajudar a calmar os ánimos da vítimas, estão-se adicando a encirrá-las, de disparar a sua legitima dor. O PP está a utilizar às vítimas do terrorismo para tratar de ponher pedras no caminho da paz. Porque sabem que se o Zapatero consegue que ETA deixe as armas, vai ser um éxito indiscutível para o PSOE, que pode fazer que um partido que chegou a governar não por méritos proprios, senão polos enormes erros cometidos por Aznar, se consolide no governo e que fique no poder durante umas quantas legislaturas mais.
E claro, tudos sabemos que neste mundo hai-che prioridades...
3.6.06
A España sudamericana
O Mundial de fútbol está moi preto, e o combinado español ten unha nova oportunidade para tratar de franquear eses cuartos de final que nos teñen desesperados dende hai tempo.
Esta vez contamos con dous homes sudamericanos, de países con moita tradición futboleira, Senna do Brasil, e Pernía por Arxentina. ¿Serán estes dous talismáns para os españois? ¿Necesita España ter xente de países que sí soen triunfar para ver se nos somos quen de facer algo decente?
Haberá que ver que ocorre, mais eu non son excesivamente optimista.
Paquito
2.6.06
Reflexións
Aproveito estes momentos de relax que me deixa o venres noite para -mentres me tranquilizo e descanso- plasmar algunha reflexión sobre cousas que levan indo e vindo da miña cabeciña nos últimos días.
Unha delas é a continuación do debate en torno a prostitución. Xa prantexei no seu día as miñas dúbidas sobre como debera ser tratado este fenómeno. Imaxino que non é cuestión de mirar para outro lado nin tampouco unha regulación "ancha es Castilla"; nada diso resulta demasiado convincente, polo menos pra min. Resoan por aí ecos que falan tanto a favor como en contra, un rebumbio tan grande que non deixa pensar con claridade e decidir que partido tomar. En relación con isto direi que atravesando recentemente o barrio da cidade que frecuentan agora para traballar -unha vez derrubado o Papagaio-, atopei, esperando aos clientes, unha rapaciña morena que escasamente superaba a veintena. Vela foi como un lóstrego que derrubou todas esas andrómenas, eses contiños da feira que tiña na cabeza e botou abaixo esa visión de mundo feliz... esa imaxe de documental no que mesmo un chegaba a pensar o que estaba perdendo por non ser -salvando as distancias- prostituta, coma un deses anuncios de compresas nos que "me gusta ser mujer". O meu pensamento foi inmediato, dixenme... "pero qué fai aquí esta rapaza??? Se é case unha nena! Vaite pra casa, coño, mañá seguro que tes exame no instituto".... Ao día seguinte pasei tamén polo mesmo lugar, non a vin, imaxinei que estaría exercendo o seu oficio e iso aínda me fixo sentir peor.
Trocando o paso. Outro tema do que gustaría falar son esas pequenas historias non desveladas, que gardan eses anciáns que ben podemos atopar calquer día de paseo ou no parque ou na cola das receitas do ambulatorio. Nunca se lles presta demasiada atención, ignorantes do seu curriculum e as súas experiencias. Coñecín recentemente a historia dun deles, por cuestión do traballo, e foi algo que me deixou fondamente aquelado. Aquel "vellote" tomou parte na Guerra Civil polo bando republicano, fuxiu por Valencia até África, unha vez derrotado o bando roxo; na Segunda Guerra Mundial foi membro da Lexión Extranxeira Francesa, sobrevivindo, nin máis nin menos, ao desembarco de Normandía e sendo logo un dos primeiros en liberar París... toda unha testemuña da historia, a dun galego, un veciño calquera, non un heroe de película barata, non un frío dato nun libro, non, unha persoa viva que pasou por todo iso e coa que, sen darnos conta, nos cruzamos todos os días. Habería que saber tirar proveito desas cousas, aprender unha chea de leccións dunha vida coma esa, iso quizais axudaría a que certos erros non se repetisen nunca máis.
Ligado a isto direi que hoxe -logo de moitos anos querendo ir e non indo- visitei o cimiterio de San Amaro na cidade da Cruña. Nel están enterradas personaxes de renome e relevancia: dende Murguía *, que repousa lonxe da súa muller, Curros, Pondal, o mestre "Chane"... e tantos e tantos outros que non puidemos atopar por descoñecer a súa localización. Chamáronme moito a atención varias sepulturas de militares mortos ao longo da Guerra Civil, todos do bando franquista, é de imaxinar. Eran sepulturas nas que as propias familias, imaxino que a nivel particular, facían mención ao rango do militar, a batalla (fronte do Ebro, Castellón...) onde caeu e case sempre unha clara mensaxe de apoio a España e ao réxime que daquelas estaba nacendo. Non creo que sexan os únicos soldados mortos en combate enterrados nese cimiterio, imaxino que hai unha longa lista deles que caeron tamén en terribeis batallas e guerras mais son -podo estar equivocado- os únicos que utilizan ese pequeno espazo que é unha lápida para ceibar dalgunha maneira a súa carraxe contra o bando contrario e iso da idea do encono, da rabia, da loucura dunha guerra como a que se viviu naqueles anos. Haberá quen faga leituras revanchistas, ou triunfalistas, non o sei, mais o que eu penso é que todo iso simboliza moito, caracteriza perfectamente a tolemia vivida e serven quizais de exemplo para os que negan a historia ou para os que a esquecen.
Asdo.
Fernán da Veiga
Subscrever:
Mensagens (Atom)