30.4.06

Boa conxunción

Non hai máis que ter bos ingredentes para facer bon caldo: algo de alcohol, amigos, cantigas, pandeira, unha incribel paraxe natural e o encanto secular e antigo do románico; todo isto nun enclave mítico como é o da Ribeira Sacra. Para dous días de aventura... a receita saiu perfeita, mesmo parece que os días tiveran máis horas do habitual e é que non deixamos derramar un só minuto, aínda a costa do noso cansanzo. Agora só nos queda reflexionar en torno ao vivido e preparar a conciencia a vindeira excursión , xa que desta volta o listón quedou ben alto. Certamente. Asdo. Fernán da Veiga Pd: Recoñecer o acerto do Paquito na súa proposta de visita aos Meandros do Sil... non me doe prenda. Acerto pleno.

27.4.06

20 anos de Chernobyl

Foi unha catástrofe a de aquel día. Miles de persoas morreron por causa da radiación, e moitas máis quedaron condeadas para o resto das suas vidas, ademais de terras contaminadas que ainda hoxe seguen totalmente inútiles. A enerxía nuclear demostrou do que foi capaz aquel día en Ucrania, ogallá non suceda nunca máis. Paquito

26.4.06

Da Fala

Os expertos filólogos deixaron de lado o estudo da Fala extremeira... adican os seus máximos esforzos en descubrir en que idioma fala o Sr. Touriño... Presidente da Xunta de Galiza. Asdo. Xoan "O Requeixiño"

Aquelando

"Eu não gosto nem brincando dizer adeus a ninguem; quem parte saudades leva, quem fica saudades tem."
Grazas Intelectual Orgánica... canta razón tes. Asdo. Fernán da Veiga

25.4.06

A fala extremeira

Como amante do folclore -e loxicamente da lingua- tiven a sorte de visitar os Tres Lugaris na Extremadura; esas pequenas e fermosas vilas das que tanto se está a falar nestes días. Alí puiden coñecer directamente a fala e as xentes que con tanto orgullo a empregan e manteñen viva dun xeito que xa nos gustaría a moitos, aínda sendo unha poboación reducida en extensión e número. Percibín unha imaxe da Extremadura, plural e popular, ben distinta destoutra coa que nos agasalla estes días o infame Ibarra. Menos mal que as veces, coma neste caso, por moito que se empeñe a mazá podre... non ha chegar a apodrecer o cesto enteiro. Asdo. Fernán da Veiga Pd: De agradecer foron os detalles e explicacións dados por D. Domingo Frades. Un afectuoso saúdo. Pd: A Real Academia Galega vai permanecer calada? Se non lembro mal... houbo diversos actos en apoio ao galego exterior e concretamente ao galego extremeiro. Pd: O Sr. Ibarra podía esforzarse e impulsar esa lingua que tanto "apreza" e non loitar contra os que gostamos tanto dela coma dos seus ricos matices.

Viúvas de vivos, viúvas de mortos

Hoxe din comezo un novo libro, trátase de "Galiza vista por un inglés" ou no seu título orixinal "Spanish Galicia", escrito por Aubrey F.G. Bell, logo da súa viaxe polo noso país aló polo 1922. Das súas primeiras páxinas preséntovos un pequeno extracto; creo que abondo significativo. Cada quen que xulgue segundo lle dicte seu parecer. "As mulleres son as que na práctica gobernan Galicia e é quizais este matriarcado o que explica o conservadurismo, a industria e a economía que prevalecen no país. Estas mulleres espléndidas traballan arreo dende moi novas ata o día da morte. Cavan, aran e sementan, fan longas camiñadas ao mercado levando pesadas cargas e atopan tempo para tecer, fiar, cocer o pan, criar os fillos e tamén para as múltiples tarefas relacionadas co liño, o millo, as castañas e as videiras. Son normalmente fortes e ben desenvolvidas, en contraste cos seus maridos, débiles e choromiqueiros, aos que gobernan e, ao teren control da bolsa dos cartos, lles conceden só unha pequena cantidade para a taberna. Un extranxeiro non ten que estar moito tempo en Galicia para decatarse de que é a terra das viúvas, viúvas de vivos, viúvas de mortos. Por todos os lados se ven mulleres e cativos traballando, sen homes." Asdo. Eáns de Cotón PD: tradución por Xosé María Gómez Clemente para "A Voz de Galicia".

24.4.06

Qué pensan os creativos?

Unha chea de executivos -homes na súa maioría- nunha sala de reunións discutindo a berros cal pode ser o nome axeitado ao seu novo producto... Logo dunha chea de deliveracións, horas tomando cafés, nervios e algún que outro intento de suicidio por non poder fumar no seu lugar de "traballo"... logo de todo iso... a aplastante maioría masculina encontra o nome perfecto: unha palabra que enche, que o di todo, abondo representativo, de seguro impactante. Non pasa desaprecibido para ningúen. Aí o tendes: O Collonil!! Así funciona o mercado. Asdo. Xoán de Requeixo

21.4.06

Reiciño de Galiza

Recén veño de rematar a lectura dunha pequena obra do escritor francés Victor Hugo. Titúlase "O Reiciño de Galiza", bon, o orixinal, como é lóxico, é en francés mais non lembro como se escribía, dispensádeme. Trátase dun curioso poema no que fai referencia ao secuestro e liberación dun suposto fillo do Rei García de Galiza (até aquí podo ler). O máis peculiar do caso ven dado polo feito de que un autor foráneo -e para máis inri desa relevancia- tivera tomado como punto de partida para a súa obra unha pasaxe tan concreta e lonxada na historia (e máis aínda dada a escasa importancia que lle dan a Galiza nese periodo de tempo dende a óptica da "historia oficial"). Bon, agora darei comezo a outra "Obra" non menos particular. Asdo. Fernán da Veiga Pd: Acho que "O reiciño de Galiza" pertence á obra "A lenda dos Séculos". Pd2: Grazas... Srta. Intelectual Orgánica. Pd3: O da lectura da "obra" é irónico! por se algún aínda o dubida.

Gallego & RAE II

Os resultados son bastante claros, non deixan lugar a dúbidas. Está claro que resulta ofensivo cara unha aplastante maioría de votantes. Espero que os señores da RAE encollan algo o pescozo, baixen a cabeza e recuen sen ter que montar moita guerra con este tema. É de xustiza. Asdo. Xoan de Requeixo Detalle: Votos especificados na sección Outros (sen censura) - Chamarlles fillos de puta ós señores da Real Academia, pra que pro ano na definición da palabra "PUTA" engadan un novo significado "Nai dos señores da Real Academia", entón estarei dacordo con eles. - Cambiar a definición da palabre Español, nos diccionarios de galego. - Se é un termo que se segue a utilizar, debe quedar, senón fora. - Facer unha campaña de dignificación nacional en Latinoamérica - español: -despect.coloq.De ideología política reaccionaria - Mandar a Xoan de Requeixo a Costa Rica e ó Salvador pra que lles diga que iso non se fai.

20.4.06

Gallego & RAE

Qué facer co Gallego e a RAE? Asdo. Xoán de Requeixo

17.4.06

Ideas para unha bandeira

Ante a incertidume xerada pola rotura do mastro da bandeira e as afirmacións por parte do novo alcalde da cidade herculina de querer recuperala... dende aquí organizamos unha pequena enquisa a modo de concurso de ideas. A ver se así... o Sr. Losada vai tomando mellor camiño. Asdo. Xoán de Requeixo Pd: Ben, parece ser que non é o único que debería endereitarse.

Noite de parranda

Como moitos xa sabedes recéntemente varios mebros alpendreiros reunímonos e decidimos facer unha acampada brava por Galiza adiante. Encamiñámonos cara as terras do Deza e tras visitar tan fermosos lugares decidimos facer un alto para pasar a noite. Baixo as estrelas comimos, bebimos, cantamos e balilamos nunha especie de aquelarre festeiro ós pes dun antigo mosteiro que actuou como testemuña. Xuntos, os vellos e os novos amigos, fixemos daquela noite un momento que lembraremos sempre cun sorriso nos beizos. Despois da festa improvisada algúns remataron durmindo dentro dos coches e outros nunha tenda que non sei cómo puideron montar de madrugada xunto ó rio.
O mosteiro baixo a luz da lúa
Ó dia seguinte erguémonos para continuar coa viaxe co aquel de satisfacción que, a pesar da resaca, deixan os bos momentos en compañia dos amigos. Despois diso so podo pensar... cando repetimos? Trasancos

Warhol

Estilo Warhol

Coñecendo Galiza: A comarca do Deza

Esta semana santa varios compañeiros alpendreiros decidimos coñecer un pouco mais o noso pais e fumos de roteiro polas terras do Deza. Certamente desfrutamos da viaxe e da fermosura das paisaxes da nosa terra, sorprendímonos coa sua beleza e os seus contrastes. Aquí tendes unha pequena mostra, xulgade vos mesmos...
Ponte Ulla Ermida do Gundián
San Salvador de Camanzo Pazo de Oca Xardins do Pazo de Oca Mosteiro de Carboeiro (foto de Paquito) Fervenza do Toxa Tele clube de Breixa Igrexa de Ansemil
... como acostuma a dicir un compañeiro alpendreiro: "Vivimos no pais máis bonito do mundo" E o que queda por ver!! Trasancos

16.4.06

Recordos de infancia

Este sábado estiven axudando ó meu pai a facer unha cometa coma as que el facía cando era cativo. Puiden comprobar como disfrutaba na montaxe, e na sua posterior posta en rodaxe na praia do Bao. Velaquí tedes a mostra fotográfica que demostra que foi quen de facela voar, coa mestría herdada en tempos pasados, e onde se ve que, con un pouco de imaxinación e algo de maña, pódese cumprir o desexo de, por uns intres, recordar o máis bonito que pode recordar un ser humano, que son os seus anos mozos.

10.4.06

Gaitas en Guerra

A destrucción do patrimonio, en calquera das súas formas, debera estar suficientemente penado como para que ninguén tentase loucas aventuras personalistas, que agochan as máis das veces relacións de interese político e económico que deberían facer baixar a cabeza a máis de un, da vergonza. No tocante á música tradicional, e máis concretamente á gaita, esa depauperización leva acontecento dende hai xa moito tempo, non só na Galiza e Asturies, se non que pouco a pouco tamén se vai impoñendo no norte do noso viciño Portugal e no Bierzo. Estes proxectos culturais -de dubidosa calidade e dende logo exentos de raigame na cultura propia - gozan do apoio político e mediático daqueles que precisamente son os primeiros en renegar das formas autóctonas; aqueles que por mor de serios complexos sinten a necesidade de agochar as raíces da tradición, destruíndoa ou disfrazandoa baixo un manto marcial e militar, cousa que nunca se deu -por lóxica- na música máis popular. Mentres aquí as nosas guerras semellan estériles, os nosos viciños e irmaos do Bierzo non quedan calados e abren a boca para expresar o seu berro de protesta e poñer a cada quen no seu sitio. Quizais deberamos unirnos a eles na súa mensaxe e protestar todos xuntos por unha causa común. Asdo. Eáns de Cotón.

A boda "Guai"

Tivo lugar a primeira boda gai no concello de Ourense. O interese sobre o asunto non sería maior se non fose porque un dos contraites era un edil do mesmo concello e do PP, o oficiante da boda foi o mesmisimo alcalde, tamén do PP, e á cerimonia acudiron múltiples personalidades políticas da plana maior do PP galego, entre eles o presidente do partido en Galiza, o señor Nuñez Feijoo. Despois de tantos berros, de tantas manifestacións en contra do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, de anunciar a destrucción das familias... van agora e montan a boda mais "chachi-guai-de-la-muerte-osea-te lo juro" entre dous homes no concello de Ourense.... e do PP!!!. A alguén lle cabe na cabeza??!!. É que agora o de casarse duas personas do mesmo sexo debe de ser tan "fashion" e tan "in" que os dereitosos de toda a vida non saben decir que non... xa os imaxino... - Jo tia!, que fuerte!... como mola los dos mariquitas!, mira como se quieren, si parecen personas normales y todo!! - Ya te digo tia!, como mola esto de ser transgresor y pro gays, es lo mas "cool"!, me meo en las bragas de la emoción!! ... ou isto, ou é todo unha pura montaxe electoral, que tamén. Trasancos P.d: E agora... animarase tamén algun que outro dirixente do partido?... todo sexa por un "puñado" de votos...

8.4.06

Soños de papel

Moitas veces escoitamos falar de que nos libros podemos atopar historias, vivir aventuras , soños... pois mirade que fermoso xeito de representar iso dunha maneira gráfica: ... que desfrutedes esta fin de semana dunha boa lectura. Trasancos

Cumprindo?

Coa boca pequena foi aprobando as súas leises... traendo as tropas... casando homosexuais. Logrou agochar no Vaticano ao noso sirciño. Hoxe retirou ao Bono do ministerio mentres o Sr. Ibarra está pacificamente quedo e calado. O escenario da tregua vaise abrindo en silencio, paseniñamente, moi de vagar, mais vaino facendo, non hai dúbida. No comezo pensei que non tiña tanto espabilamento. Quererá cumprir logo? Asdo. Xoán de Requeixo.

5.4.06

Concurso fotográfico: Outótono e Chintófano

Os que formamos este modesto grupo decidimos fai tempo ir organizando actividades a modo de pequenos concursos. O primeiro deles foi unha sinxela "competición" de relatos curtos, cun máximo de 10 palabras (probade a facelo!). Nesta ocasión cambiamos radicalmente de pola e escollimos a fotografía como soporte onde plasmar as nosas supostas ansias de victoria. En realidade o fundamental do concurso non é decidir gañador... se non somentes tomar partido nela e presentar algún que outro "traballo". Establecimos dúas categorías: Outótono (aquelo que é intrinsecamente pseudoautóctono) e Chintófano (aqueles trebellos dos cales descoñecemos o nome ou función). O restantes detalles da convocatoria foron libres, cada quen puxo os seus propios límites. Pois ben, xa temos gañadores deste Primeiro Concurso Fotográfico "O Alpendre"
Categoría Outótono
Categoría Chintófano

4.4.06

1979

Sempre quixen escribir sobre o ano que me viu nacer, o ano que sempre considerei o mellor, e no que a vida me foi mostrando que todos -ou case todos- os nacidos neste ano formamos unha das mellores xeracións que eu poiden coñecer. Ben sei que camiñamos, uns xa cos 27 ó lombo, a outros lles estarán a chegar, a madurez comeza a somar nas nosas cabeleiras, a ser tema de conversa cómo os 30 se aproximan, mais, sendo como fora, haberá algo que sempre nos unirá, nos malos e nos bos momentos, e é ter nacido no mellor ano, 1979. Paquito

O nome da rúas

Onte, logo de moitos anos de espera, nin máis nin menos que dende 1936, o Gobernador Civil Francisco Pérez Carballo recibiu unha merecida homenaxe por parte do Concello da Cruña: Poñerlle o seu nome a unha rúa. Un simple feito simbólico mais dende logo unha máis que necesaria lembranza, así como cara a súa dona, por teren sido ambos os dous cruelmente asasinados nos primeiros momentos do levantamento que logo rematou na cruel Guerra Civil. Lembremos que o seu delicto non foi outro máis que o de permanecer leal no posto que lle foi asignado polo goberno lexítimo. O dela... simplemente ser súa muller. A barbarie daqueles feitos aínda está fresca na memoria colectiva, ben é certo, mais refrescarnos as ideas nunca lle veu mal a unha sociedade tan afeita a convivir cos símbolos da vella ditadura, como se isto fose a cousa máis normal do mundo. Gostoume a puntualización feita polo voceiro do BNG, Henrique Tello, mágoa que non veña recollida na prensa. Era unha reflexión de viva voz, unha pregunta axeitada e clara na que se cuestionaba se tiña algún sentido este tipo de actos, concederlle unha rúa a un asasinado no levantamento do 36, mentres noutras rúas da cidade se lle segue a render homenaxe ao propio ditador e aos seus secuaces. Contrasta este posicionamento coa actitude repunante do Sr. Rodriguez Corcoba, representante local do PP, quen unha vez máis, seguindo a liña xa tradicional na súa formación, aliñouse co "bando vencedor", pretendendo negarlle esa cativa e insuficiente mostra de respeito e dignidade por quen non fixo máis que cumprir o seu cometido como Gobernador Civil. Asdo. Xoán de Requeixo. Pd: Alguén debería engadir certos delictos ao Código Penal... Non é a primeira vez que o digo.

3.4.06

Renaceres

Tempo acá un vense acostumando a determinadas circunstancias na súa vida, pero hai veces onde os plans que un ten ráchanse pola metade coma unha folla. Os ceos víñaos vendo anubados, e en parte estaba cómodo con ese clima sen choiva nen Sol, tempos de liberdade e sen ataduras, tempos onde o aire respirado era máis puro e libre. Pero hai días onde a vida dache a volta, antigas pantasmas asoman, e aqueles plans individuais que un ten na mente vense en perigo de derrumbe. E a noite é moi traizoeira neses momentos de fraqueza, é capaz de mostrar tódalas vergonzas nas que un se refuxia. Eran 23 motivos fundidos nunha soa forma os que fixeron que os enclaves da miña autosubsistencia tremesen coma bimbios nun temporal de estrelas. Sentinme sacudido polo vento que emanaba, e a confusión rodeoume en sí atándome de pés e mans, impedindo calquer reacción lóxima e racional. Agora fico en terra de ninguén, agardando claros no ceo que me volvan indicar a senda que desexo. Paquito

2.4.06

As barbas dos políticos

Como di o famoso refrán "cando as barbas do viciño vexas cortar..." Gustaríame pensar que todo o acontecido esta semana coa alcaldía de Marbella vai servir de advertencia para todos aqueles politicastros afeitos a exercer os seus mandatos como se aínda estivesemos no máis duro e cruel medievo; manexando o poder como noutrora fixeron os señores feudais, ao seu total antollo, e aproveitando calquer ocasión para tirar proveito de todo, enchendo ben os petos -de parvos teñen pouco- sen trabas nen impedimentos por parte de ningunha institución pública, administrativa ou xudicial. Sei que é unha visión ilusa, desa inxenuidade que nunca se perde mais non sería mala cousa que máis de un tomase boa nota, mesmo aquí en Galiza, onde os boitres pretenden repartirse bos botíns a base de urbanizar a nosa costa de cabo a rabo. Oxala poidamos impedirllo. Asdo. Xoán de Requeixo

1.4.06

Non ten prezo

Como nos anuncios habituais da prensa, aqueles da tarxeta de creto, un pode imaxinar a escea: Sobre unha foto do novo alcalde coruñés, Xabier Losada, un resume de gastos e ingresos típico: Mastro da bandeira... 1200 € Bandeira reforzada... 500 € Gastos de Homenaxe merecido... 6000 € Gastos de reimprantación da custodia policial... 6000 €/mes _____________________________________________________ Perder unhas eleccións municipais... NON TEN PREZO. Asdo. Xoán de Requeixo Pd: Afórrese problemas home, non vaia de Dandy... Sirciño só che hai un!! Pd2: Os datos son ficticios.