27.11.05

Nevada excursión

Sempre digo, xa volo dixen en máis dunha ocasión, que os galegos temos a sorte de vivir no país máis fermoso do mundo. Non é este un acto de soberbia, é unha pequena e modesta realidade que non lle nega aos máis ter os seus correspondentes "países máis bonitos...". Este, dende logo, é o meu. Todo o anterior ven a conto pq. que esta fin de semana unhes cantos amigos, entre eles outro membro do alpendre, fumos de excursión gaiteiril polas terras do Incio, na parte oriental da provincia de Lugo. Con anterioridade a esta visita xa coñeciamos aquela zona pero era a primeira vez na que tivemos o "privilexio" de desfrutar, gozar, daquelas paisaxes cubertas por unha fermosa alfombra branca. Botar unha simple ollada a cada pedra, cada prado, cada camiño, cada póla, cada árbore,... era un verdadeiro espectáculo e mesmo as barbaridades urbanísticas que iamos atopando antes de entrar propiamente no Incio semellaban diferentes con aquela capa branca que lles servía de camuflaxe. Tivemos a sorte de poder visitar a igrexa románica do Hospital do Incio, unha xoia feita en mármore. Relatar a visión da igrexa e de fondo un mar branco de árbores, iluminado todo por aquela extraña luz é para min un exercizo demasiado complexo; excede con moito as miñas posibilidades descritivas. Non me gustaría animar ás masas a pasar por aquel entorno -son temeroso dos estragos que se poidan facer- mais quen teña sensibilidade, saiba apreciar a natureza ao 100%, así como valorar na súa xusta medida a dificultade do modus vivendi daquelas xentes, non debería deixar de coñecer eses lugares. É un pequeno paraíso, duro sí, pero paraíso ao fin e ao cabo. Asdo: Fernán da Veiga

Sem comentários: