18.2.07

Memorial da Liberdade

Non hai moito puiden ver-aínda que tiven que ir tres ou catro veces polo Auditorio de Galiza para poder disfrutala enteira- unha máis que interesante exposición, Memorial da liberdade, e a medida que o tempo transcorre doume de conta do oportuno da mesma, do necesaria que se facía -e fai- unha cousa así, unha revisión obrigada e máis desa maneira, tan fonda e lograda... lembrando ás vítimas mais tamén aos seus verdugos, detallando mesmo os planos dos Campos de concrentración e cadeas.

Había tantas anédotas, tantos detalles, mesmo até a máis estrita intimidade era descuberta, por fin, logo de tantos anos de ter que agochala, deixandoa gardada no máis reducido ámbito familiar.

Certamente sentín como visitante -imaxino que non fun o único, claro- unha emoción grande, mais non raiba se non a magoa pola perda -dun xeito ou doutro- de toda esa xeración de homes marabillosos que ou ben foron asasinados ou ben tiveron que sair para o desterro. Unha magoa.

Agora que hai quen se empeña en denunciar aos historiadores por faceren pública esa negra memoria, con nomes e apelidos, esa exposición cobra maior importancia e valor.

Gustariame darlle a noraboa, as grazas tamén, aos organizadores da citada exposición, ao tempo que brindo o meu modesto apoio a quen traballa por erguer esa lousa, descubrindo esa historia da que tan pouco se puido falar en foros públicos e que cando se fixo tivo que darse a xeito de noticia anónima, despersonalizada, sen referirse explicitamente a unhes e a outros, como se os actores, de ambos bandos, levaran caretas ou máscaras.

Fernán da Veiga

16.2.07

II Concurso de Relatos Curtos do Alpendre



Comeza unha nova edición do Concurso de Relatos Curtos do Alpendre. Nesta ocasión poderán participar todos aqueles que así o desexen, sexan membros ou non do Alpendre. A 1ª edición do concurso de "microrrelatos" celebrouse aló polo 2005 e daquela so participaban os membros do grupo, desta vez queremos que todo aquel que o desexe poda participar tamén. Así que xa sabedes, se vos vedes con talento literario e a creatividade necesaria para medirvos con outros alpendreiros non dubidedes en participar, é moi sinxelo:


Bases do Concurso:

Os relatos deberán ter un máximo de 10 palabras , se sodes capaces de usar menos ainda, noraboa!. Sabemos que son poucas, pero precisamente diso trata o concurso. Se queredes ver algún exemplo de contos con 10 palabras, podedes visitar o arquivo do Alpendre do mes de setembro de 2005 onde están publicados os contos da anterior edición, ou ler o conto de tan so 7 palabras, "O Dinosaurio" de Augusto Monterroso, que foi o que nos deu a idea.

Presentación e publicación:

Todos aqueles que non sexades membros podedes presentar o voso conto escribindoo a modo de comentario nesta mensaxe de convocatória. Os contos dos membros do Alpendre publicaranse en mensaxes posteriores. Unha vez remate o prazo de entrega dos relatos, publicaranse tódolos contos xuntos nunha nova mensaxe.

Prazos:

O prazo de presentación dos contos é de 1 mes a partir do día de hoxe, polo tanto rematará o día 16 de Marzo. Despois de esa data, os contos enviados non entrarán no concurso. Unha vez rematado o prazo e publicados tódolos contos, comezarán as votacións do xurado e os resultados daránse a coñecer en 15 dias.

Xurado e premios:

O Xurado estará composto por tódolos membros do Alpendre que por medio dunha votación pechada decidirán cal é o conto que será considerado o gañador. Como premio o gañador obterá o recoñecemento de tódolos que facemos o Alpendre e do resto dos concursantes. O conto será publicado como o mellor o día que se coñeza esta decisión. Xa sabemos que non é moito, pero non temos orzamento para premios,... ademais!, que mellor premio que o de participar?.

So nos queda animarvos a que participedes, non perdedes nada e gañades a posibilidade de saber se algún día poderedes ser uns grandes literatos!, así que exprimide un pouco os sesos e enviádenos 10 palabriñas que conten unha pequena história.


O Alpendre

6.1.07

Campaña de desgaleguización

O BNG ven de cometer un grave erro de anticipación ao propoñer unha iniciativa de galeguización dos apelidos e nomes entre representantes sociais e políticos.

Pecou dunha antelación excesiva, adiantando un paso imposibel se non se fai unha campaña de "desgaleguización" previa, que libere a boa parte deses representantes dos seus traumas, dos complexos e medos, desa vertixe que sofren ao verse, sentirse e expresarse, con total naturalidade, coma galegos no mundo.

É unha campaña necesaria, obrigatoria penso eu, que posibilite así a ruptura co secular auto-odio que tanto padecemos.

De non producirse tal liberación estaremos sempre padecendo males tan comúns coma vergoñentos como os impresentabeis desprantes á xustiza (véxase o asuntiño do "L" da Cruña e o lalalá do Pacón, non menos impresentabel) e os recentes desencontros "flamenco-galicianos", nin máis nin menos, na interpretación máis sui generis do himno galego.

Fernán da Veiga

5.1.07

Regalo de Reises

Teño que dicir que xa chegaron os meus reises.

Viñan nun sobre cun simpático libriño e un CD, Cantares de Reis, cheo de cantigas de Nadal e cantos de Reices. Foi toda unha sorpresa, un regalo totalmente inesperado, que moita ilusión me fixo.

Obrigado é agradecerllo ao Concello de Boimorto e ao seu concelleiro, O Mini, unha fonte de sabiduría da musica máis enxebre e auténtica, experto coñecedor e grande divulgador do auténtico significado destas festas que celebramos (canta falla fai!!).

Unha saudiña para el e que o merlo... non deixe nunca de cantar.

Eans de Cotón

31.12.06

Brinde

Se non fose politicamente incorrecto diría que xa estou imaxinando, a máis de un e máis de dous, cual carroñeiros á espera de despezar á súa prezada presa.

Xeito curioso de festexar o remate do ano.

Coma case sempre... "a ledicia" vai por barrios.

Xoan de Requeixo.

29.12.06

O monte (e non o Gaiás)

Tanto os vellos carregos do Partido Popular coma os actuais membros do goberno galego teñen unha teima en común, o monte Gaiás, ese emprazamento destinado á cidade da cultura ou, como eu lle chamo, ao Come Cartos de Galiza.

Logo de moito dilucidar, de pensar e repensar que facer coa herdanza fraguiana, a actual equipa de goberno decidiu tirar para adiante até o extremo de "apropiarse" de tan magna obra. O resultado disa decisión xa se verá. O inmediato é tan claro como que non van poder dicir o día de mañá que "esa pataca quente non era súa". Xa non é tal.

Mentres tanto logo, xa digo, de facer renacer o proxecto das súas cinzas, procurando certas "asistencias" por parte de universidades e empresariado, o auténtico monte galego fica máis desolado ca nunca e non exclusivamente por mor da vaga de lumes deste vrao pasado.

Por motivos que non veñen ao caso teño feito moitas viaxes -de extremo a extremo- ao longo da xeografía galega e neles teño visto moitos, moitos lugares onde non hai xa vida algunha, nin posibilidade de que a haxa; somentes cumios e montes petreos, auténticos pedregais onde calquera capa de manto vexetal foi arrastrado de xeito definitivo, se é que non se lle pon remedio.

Esa desertización é un problema serio, que afecta -digo isto sen ser experto na materia pero aínda así é algo demasiado evidente- aos ecoxistemas, á erosión, ás riadas... e mesmo á idea que nós temos da paisaxe.

Moitos lugares vémolos hoxe pelados, somentes pedras: moitos na Costa da Morte, outros en Padrón ou na Cañiza... e atribuimos ese fenómeno da falla de vexetación ás inclemencias do tempo, ao vento, á xiada... cando iso non acontece así salvo en contadas ocasións.

Sería necesario por medidas para paliar ese problema, pedindo para iso o consello e a mediación das institucións relacionadas coa materia (neste caso sí ás universidades e sí tamén ao empresariado) e non deixar pasar máis tempo até que vexamos unha grande parte do noso entorno convertido nun deserto de pedras e rochas.

Fernán da Veiga

23.12.06

Solución de consenso (sen-senso)

En vista dos avances acadados recentemente no tocante á universalización dos nosos símbolos patrios, estamos á espera do seguinte e definitivo paso en materia de normalización cultural e política, ese mesmo que nos vai levar ao acordo, xa tardaba, en materia de redacción do novo estatuto Galicien...

O limiar acordado entre as forzas (o BNG non entra dentro desa definición, dado o seu caracter galego sube-baixa-escaleiras e o bipartidismo reinante) é o seguinte:

"Galizia, Nazón Andaluza."

Así mesmo a Capitalidade, noutrora punto de enfrontamento entre Cruña e Compostela, pasará directamente a Caí "pixa"!, aforrando debates e pechando feridas aínda sangrantes.

De igual xeito, o corpo do noso benquerido apóstolo Santiago será levado até a Mezquita de Cordoba, entre palmas e rasgueos de guitarras, ao son de soleares, seguidiñas e algunha que outra herba propia do lugar e, xa que logo,... o Camiño traslada o seu destino dende Fisterra até o lonxano Rocío (evidentemente).

Así nos vai.

Xoan de Requeixo

Pd: A Villarino é poñente do Estatuto??? Non!!! NON!!! NON!!!! Deus nos colla confesados!!!

Pd2: Aqueles que obviamente discrepen serán correspondentemente tildados de ignorantes! Non podía ser doutra maneira.

22.12.06

O conto do gato

Pese a chegada do inverno, a recente interpretación do himno galego a xeito "lolailo" non deixou frío a ninguén. Coma en tantas ocasións, non pasou inadvertido e mesmo as reacción contrarias foron empregadas como armas políticas para así demonizar -como non- aos críticos nacionalistas.

Particularmente penso que determinados símbolos son un ben a respeitar; principalmente para que non haxa malentendidos, cabreos nin pelexas, todas elas a evitar na medida do posibel.

Quen parece ter unha visión e unhes gustos diferentes aos meus -e aos de moitos outros!- é a Sra. Presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino; empeñada en misturar os seus gostos particulares, o refraneiro popular -enténdase por aquelo das 7 tazas!- e finalmente, para millorar a receita, un certo aquel cuasi cómico, moi similar ao conto aquel do home, que magullado e desfeito, espetaba ao persoal a xa mítica frase de "O gato é meu e fodo nel canto quero!".

O caso é que non estamos a falar do gato da Sra. Villarino se non dun dos símbolos que nos representan e pertencen a todos. Non esquecer.

Xoán de Requeixo

3.12.06

Logo dos 4 anos

Aqueles que participamos naquelas manifas de fai catro anos estamos á espera de coñecer cales son as medidas artelladas para tentar evitar catastrofes como as que tantas veces sofriu a nosa costa e en xeral o noso País.

Cecais agora a máis inmediata ameaza non veña propiamente polo Mar se non por terra... entre camións, formigoneiras e paleadoras... contra ela tamén deberiamos estar alerta, impedindo desfeitas que pouca volta atrás terian.

Nese senso... a cidadanía, unha vez máis, debería non baixar a garda e ir máis aló que os propios políticos.

Fernán da Veiga

Polonio e outras falacias

Mentres as autoridades norteamericanas e europeas nos atormentan, día a día, mes a mes, con novas e absurdas medidas de seguridade, parece que máis de un e dous andan por aí libremente, sen atranco nengún, manexando e manipulando elementos radioactivos perigosos -quen coñecía o tal Polonio antes diso?- sen que haxa autoridade algunha que controle tales movementos.

Era cousa ben sabida que todo isto tiña por único obxecto xerar temores e inseguridades para, sempre en base a iso, poder controlar e recortar as escasas liberdades que nos deixan. Tales medidas non serven máis que para levar a diante esta "xestión do medo", que tanto e tan ben lles renta a determinados sectores da política nacional e internacional... aínda que as veces parece o contrario.

Fernán da Veiga.

Pd: É evidente que hai substancias máis perigosas ca iso... mais estamos seguros de que non circulan tamén por aí?

2.12.06

O raposo

Un día o raposo sentíu medo. Percibiu na lonxanía o ruido dos cazadores e o cheiro ameazante dos cans de caza. Non quixo esperar nin sair por novas presas. Rapida e silandeiramente recolleu os seus enseres, despediuse dos seus amigos e saiu ao camiño.

Non quixo advetir ao resto dos animais do perigo inminente. Sabía ben que eles serían os que facilitaran a súa escapatoria; gañando un tempo ben prezado e necesario para todo aquel que fuxe.

Agora, xa instalado na nova toupeira, revisa dende a lonxanía a prensa diaria. Sorrí cada vez que algunha nova relata a captura dalgún dos seus vellos compañeiros de fazañas (o xabarín, a perdiz, o cervo...)

Ao fin e ao cabo... por algo ven sendo o raposo...

Xoan de Requeixo

24.11.06

Diario dunha Fresa -25 de Novembro

O 25 de novembro debería ser unha data a non lembrar no calendario… Pero por desgraza debemos lembrar que esta data fai que recordemos Que 61 mulleres morreron este ano sólo en España por mor do terrorismo doméstico, Que cada día unha muller é violada no mundo, Que nenas moi pequenas son obligadas a prostituíse, Que a prostitución tamén é violencia de xénero, Que moitas mulleres non teñen as mesmas oportunidades de estudio e de traballo igual que os homes, ……… E poderiamos seguir, pero o resultado é o mesmo, ter que seguir alzando a voz dicido Non a desigualdade Non o abuso sexual Non os malos tratos Sí a politicas de igualdade Sí a unha lei que castigue os que mercan mulleres e nenas Sí as condenas máis duras para os maltratadores E grazas para tod@s os que loitan tódolos días do ano mantendo vivo o espirítu violeta.

18.11.06

Nazón de Breogán

Debate estatutario ao máis puro estilo galego... nin somos Nazón nin farrapo de gaita... sempre a mesma visión, sempre dende a óptica máis típica, tópica e esteriotipada; esa do pseudofolclorismo "celta", tan doutras épocas, tan anacrónico e baleiro de contido.

Qué implica o recoñecemento de Galiza como Nazón de Breogán? Nada, é obvio.

Está visto que hai determinados políticos que non dan a altura e moito menos cando o discurso ten que ser outro ben distinto; estamos ante un debate necesariamente serio, que vai marcar o noso futuro non menos de 20 ou 30 anos... e eles xogando a compoñer rimbombantes e revirados letreriños absurdos... "Nazón de Breogán, Terra dos Horreos, de homes de mar, do marisco e o polbo, das gaitas, do bo viño... e para comer Lugo (obviamente)"... iso que non falte na mellor composición de estampiña folclórica.

Xa os vexo posando a todos na típica postal para turistas, unha desas de "Recuerdo de Galicia": Quintana, Touriño, Feixoo... aos pes dun cruceiro, vestidos de traxe típico da era postfranquista: gaita na mao un (marella e roxa, por suposto), patela chea de sardiñas e xurelos outro e o que queda termando dunha parella de bois co seu respectivo carro.

É o noso, está visto.

Xoán de Requeixo

Saindo do abandono

A verdade é que temos a nosa "leira" un chisco a ermo. Faltan moitos e os que temos a teima de continuar con ela, escribindo algún que outro artigo, non sempre podemos dispor do tempo ou acceso necesario como para porse con isto de ir trascribindo pensamentos e reflexións do noso día a día.

Pese a todo eu penso que compre retomalo xa que resulta un exercizo gratificante, afasta a un doutras penurias diarias, alén de plasmar ideas para deixalas abertas a quen lle poidan interesar. Non é é fácil compaxinalo co horario laboral... e moito menos cando este absorbe tanto a un que case non se dispón de tempo de ler ou ver as novas do xornal ou televisión.

Así e todo... o propósito queda feito.. só hai que porñerse.

Fernán da Veiga

5.11.06

Altos cargos / Altas Cargas

Por motivos laborais puiden comprobar que a chegada ao goberno do PSOE/BNG non supuxo a tan esperada limpeza de cargos "dixitais" (esto é, postos a dedo) cos que se encheu a administración autonómica ao longo dos escuros anos de mandato do Vello Patrón (enténdase o Fraga).

Os que puiden coñecer até agora deixan moito que desexar no tocante á capacidade de traballo e á disposición cara o mesmo; iso sí, a súa situación permítelles facer gala dun pescozo tan estirado que resulta sorprendente que non vaian batendo contra paredes e obxectos, alén de padecer algunha que outra incómoda contractura.

Imaxino que a cousa é aínda máis preocupante posto que os recén chegados non só deixaron a estes sacrificados "traballadores" nos seus respectivos cargos, se non que tanto unhes coma outros incrementarían -isto é unha suposición miña- a plantilla cos seus respectivos amigotes, sempre a cargo do noso peto, claro.

Como exemplo somentes direi que algunha, logo de desempeñar máis de 4 anos o mesmo posto de "coordinadora", aínda ten que preguntar aos seus subordinados cal é o enderezo do seu lugar de traballo. Manda truco!

Xoan de Requeixo

22.10.06

Triste panorama

O panorama que ofrecen os políticos, tanto na España como aquí na Galiza, é desolador. O nivel que nos ofrecen non chega sequera ao mínimo.

Por unha banda, a medida que se achega a confrontación política, a batalla das urnas -neste caso, eleccións municipais- comezan a aparecer casos de corrución urbanística (e outras herbas) que até agora permanecían ocultos a nivel público ou xornalístico. Ante iso a única resposta que ofrecen os dous partidos maioritarios, eses que tanto fan a prol dun bipartidismo -que por sorte nunca chega!-, é a de dicir "nós si pero ustedes máis" e acabouse.

Con respecto a nós, a cousa tampouco da moito de si. Aquí temos un conselleiro que logo de que o seu partido dilapidase grandes sumas -cartos públicos, claro- en absurdos xuizos, perdidos de antemán, quere chegar ao "acordo" con respecto do topónimo herculino, tildando a quen esixe o cumprimento da lei de "fundamentalista" e atopando "solucións intermedias" que ben poideran ser de consenso, si, mais non logo de tantos anos de pasarse a lexislación e as sentencias polo forro e máis aínda logo de manter actitudes vergoñentas como aquela "entonación do LaLaLa" en boca do Sir de Punta Herminia.

Quen faga memoria e lembre actitudes e episodios pasados protagonizados polo Sirciño e o seu grupo (onde, por certo, estaba o mencionado conselleiro) verase na obriga de tomar partido a prol de quen defende e esixe que a lei sexa para todos a mesma e non un papel mollado, que políticos, fiscais e xuices interpretan ao seu antollo cando non lles resulta favorabel.

Alén do anterior, tanto con respecto ao topónimo como á corrución urbanística, a xente da rúa, aquela que fica afastada do día a día, tan lonxano e artificial, dos políticos, somos conscientes da falsedade dos discursos destes. Simplemente seguen a pauta que lles marca o calendario e o seu fin único, recibir votos aínda que seña comprandoos.

Xoan de Requeixo

15.10.06

Non falarán II

Pois así estamos... continuamos coa mesma política de boca pechada, escorrer o bulto, escaquearse e disumular mentres un asubía coa ollada perdida no ceo.

Xa vai sendo hora de que dean a cara os nosos representantes: co chapapote, cos lumes, coas construcción mais tamén coa fala, co maldito topónimo -e outras cousas da xustiza, que non é a mesma para todos!- e, como non, na música, na nosa, na dos gaiteiros galegos.

É tempo de deixarse de tibiezas e dicir as cousas como son. Non pode un vicepresidente dun goberno galego permanecer impasibel ante semellante ameaza cultural, coa que levamos anos sofrindo, loitando en inferioridade de medios mais non de esforzos. Impasibel ante esa peste!?

Tanta demora, tanta dilación e medias tintas en determinados asuntos é ben sospeitoso, sobre todo da falla de idea, de conceto de país, da cultura, daquelo que nos define e debera ser transmitido aos máis novos.

A ver se dunha vez se iluminan.

Eans de Cotón

As plantacións en Vigo

Parece que por unha vez hai cartos abondo para unha iniciativa en Vigo. Falamos dun feito que traerá grandes beneficios económicos a lungo prazo, ou canto menos esa é a idea. A vaga de incendios que trouxo de cabeza ó pobo galego neste verán non supuxo unha plantación tan masiva de árbores coma desa nova especie tropical urbana da que pretendo falar e, dalgún xeito, denunciar. Falo dos "radarus urbanisticus", praga que se está extendendo pola cidade a pasos axigantados. Este finde foi chegar e atoparme con case todos: nada menos que 3 no túnel de Beiramar, un na saída do túnel ó recheo de Bouzas, outro polo propio Samil, outro na Avenida de Europa.... Non sei cantos máis haberá, pero seguro que continuarán coa sua infección galopante. Penso eu se é necesaria tal persecución do coductor. ¿Tanto afán recadatorio existe? Os montes seguen estando queimados, mortos da risa (porque non dan cartos), pero iso si, inundar unha cidade de radares coa función de encher as arcas de cartos, iso si que ten presupostos inmediatos. Está ben que se fomente a condución cívica, pero isto xa pasa de control a auténtica persecución cidadana. Veremos os resultados. Paquito

14.10.06

Non falarán


Non falarán 

A respecto do topónimo herculino non valen medias tintas: ou se vela polo cumprimento da lexislación ou non se fai.

Non hai puntos intermedios nin espazo pra vaguedades que somentes benefician a aqueles que queren incumprir a normativa, aínda a costa de pasar por riba dos direitos de moitos dos que até fai unhes anos tivemos que tragar coas formas casteláns por mor do delirio do Paco Vazquiano.

As cousas claras.

Fernán da Veiga

10.10.06

Selección española: Benzón de nacionalistas

Así é, a selección é o exemplo máximo de todo o que representa a exacerbación da esencia española, da hispanidade en sí mesma: Unha casa de tolos, unha loucura, un barco á deriva, sen temón nen rumo fixo. Liortas, broncas e rebumbios varios son o pan noso de cada día.

E o máis chocante é que todo iso sementa a dúbida razoabel da necesidade da súa existencia, da súa razón de ser, dado que representa a todos... mais naquela faceta que menos orgullo nos fai sentir e alén diso, o uso político que dela se pretendeu facer estivo sempre ao mesmo nivel, baixo.

En resumo: unha carreira toda chea de exitos; o mellor exemplo pra cativos e rapaces.

Non resulta extraño que haxa quen non queira saber dela e pois toda unha benzón pros nacionalistas, que moito desfrutan do "espectáculo".

Fernán da Veiga