Comeza unha nova edición do Concurso de Relatos Curtos do Alpendre. Nesta ocasión poderán participar todos aqueles que así o desexen, sexan membros ou non do Alpendre. A 1ª edición do concurso de "microrrelatos" celebrouse aló polo 2005 e daquela so participaban os membros do grupo, desta vez queremos que todo aquel que o desexe poda participar tamén. Así que xa sabedes, se vos vedes con talento literario e a creatividade necesaria para medirvos con outros alpendreiros non dubidedes en participar, é moi sinxelo:
Bases do Concurso:
Os relatos deberán ter un máximo de
10 palabras , se sodes capaces de usar menos ainda, noraboa!. Sabemos que son poucas, pero precisamente diso trata o concurso. Se queredes ver algún exemplo de contos con 10 palabras, podedes visitar o arquivo do Alpendre do mes de
setembro de 2005 onde están publicados os contos da anterior edición, ou ler o conto de tan so 7 palabras, "O Dinosaurio" de
Augusto Monterroso, que foi o que nos deu a idea.
Presentación e publicación:
Todos aqueles que non sexades membros podedes presentar o voso conto escribindoo a modo de comentario nesta mensaxe de convocatória. Os contos dos membros do Alpendre publicaranse en mensaxes posteriores. Unha vez remate o prazo de entrega dos relatos, publicaranse tódolos contos xuntos nunha nova mensaxe.
Prazos:
O prazo de presentación dos contos é de
1 mes a partir do día de hoxe, polo tanto rematará o día 16 de Marzo. Despois de esa data, os contos enviados non entrarán no concurso. Unha vez rematado o prazo e publicados tódolos contos, comezarán as votacións do xurado e os resultados daránse a coñecer en
15 dias.
Xurado e premios:
O Xurado estará composto por tódolos membros do Alpendre que por medio dunha votación pechada decidirán cal é o conto que será considerado o gañador. Como premio o gañador obterá o recoñecemento de tódolos que facemos o Alpendre e do resto dos concursantes. O conto será publicado como o mellor o día que se coñeza esta decisión. Xa sabemos que non é moito, pero non temos orzamento para premios,... ademais!, que mellor premio que o de participar?.
So nos queda animarvos a que participedes, non perdedes nada e gañades a posibilidade de saber se algún día poderedes ser uns grandes literatos!, así que exprimide un pouco os sesos e enviádenos 10 palabriñas que conten unha pequena história.
O Alpendre
De maior non vou traballar.
¿Por que?
Papá morreu traballando.