25.2.06

Deconstruindo o patrimonio

Foto: Voz de Galicia
O outro dia tres fermosas casas do centro histórico de Ferrol consumíronse entre o lume... Pero xa se consumiran antes na ruina e na deixadez administrativa e agora, posiblemente, consumiranse na especulación ou, peor todavía,... na "rehabilitación". Isto da rehabilitación, ven moi a conto co que escribe o compañeiro 'Fernán da Veiga'. O caso de Ourense non é un caso illado, porque non tardaron en escoitarse as voces en Ferrol que xa apostan pola "utilización de máis formigon nas rehabilitacións". O peor de todo é que esas voces proveñen da administración municipal, deses que precísamente tiñan que coidar pola conservación do patrimonio cultural das cidades. En Ferrol, como en Ourense ou en moitas outras cidades existe esa extraña idea de reconstruir desfacendose do vello, para poñer outra cousa máis moderna, máis resistente, máis de 'deseño'. Iso cando non existen outros intereses, digamos máis lucrativos. Por exemplo, non é unha proposta nova en Ferrol o de que se manteñan so as fachadas no casco histórico para construir por detras modernos edificios de formigon e aceiro con vivendas de super-luxo de 200 m. cadrados, ¡cómo se o resto do edificio non fose tan 'patrimonio cultural' como a fachada!. Ademáis, que curioso, precisamente era unha idea dos mesmos que agora apostan polo formigón nas rehabilitacións. Falan de expropiar edificios ruinosos,... ¿para qué? ¿para evitar o seu deterioro? ¿para rehabilitalos? ¿ou para rehabilitalos a sua maneira? así, sacando tallada do asunto. Vendo todo isto non deixo de preguntarme, ¿onde está o maior perigo para o noso patrimonio cultural?,... ¿na ruina ou na rehabilitación?. Onte foi un calexo medieval en Ourense, mañá (se ninguen o remedia) serán tres casas modernistas en Ferrol e isto é so un exemplo dos moitos que se están a producir dende fai bastante tempo... ¿canto se perdeu xa? ¿e pasadomañá, canto se perderá?. Trasancos.

Sem comentários: