16.10.05

Acólitos

A colocación da bandeira española no paseo marítimo está dando lugar a moita controversia. Na miña opinión, o mellor que podiamos facer todos é pasar deste señor, Sir. Paco, e da súa "banderola". Unha vez máis anda procurando propaganda inmerecida e gratuíta e véndolle a xogada deberiamos estar máis espabilados para non darlle ese pracer. Non é a primeira vez que Cruña, Galiza e España se enchen de bandeiras e non é novidade tampouco que pasen, antes ou despois, a un plano ben distinto ao pretendido polo mandatario herculino. Chegará o momento en que a xente o poña no sitio. O que máis rabia me da son eses actores secundarios, afins ao Sir obviamente, que atenden a súa chamada como canciño que corre veloz a recoller o pao que lle lanza o seu amo. Como exemplo diso podedes ler as opinións do Sr. Folgueira, Presidente da Federación de Asociacións de Veciños, na entrevista a tres publicada hoxe no xornal "La Opinión de A Coruña". Lémbrame na súa demagoxia ás máis brillantes intervencións de J. Mayor Oreja, se ben non acabo de entender a súa teima co Estatut catalán, dado o seu cargo, e máis tendo en conta a pouca relevancia que lle da ao noso actual estatuto. Pareceume máis preocupante a súa referencia ao 36, especie de ameaza velada que se ven repetindo dun tempo a esta parte mesmo dende estamentos e institucións bastante máis importantes e significativos. Ese é o conto. Asdo. Xoán de Requeixo.

Sem comentários: