26.10.05
Nunca Máis
Onte á noite botei unha ollada ao monte de cousas que habitan sobre a miña mesa e decidín coller o DVD da campaña "hai que botalos".
Recoñezo que xa o tiña medio abandonado posto que moitas das curtas que nel aparecen espertanme a carraxe e a rabia, como se aqueles tristes días fosen aínda hoxe. Non resulta agradabel revivir todo aquelo.
Nunca fun unha persoa moi dada ás manifas nen a protestar mais as circunstancias eran tales que até o menos posto -que veño sendo eu- sae a rúa, idea algún que outro lema que escribir nunha pancarta e berra até romper a gorxa. Eu fun un deses -recoñezoo- e en poucos meses pasei da inactividade total á movilización case absoluta. Non tirei nen a primeira foto xa que pensaba que o primeiro era gritar, protestar, expresar o xenio e a dor que gardabamos todos no fondo do peito. Tomei parte nas manifas da Cruña, tamén algunha en Vigo, en Santiago -lembro aquela dos gaiteiros cun aquel especial- e até fun á gran manifestación de Madrid.
Ter participado nelas deixa un pouso de limpeza na conciencia que non hai chapapote no mar nen no mundo capaz de manchala.
Agora a cousa parece calma, como se o cambio de goberno deixase paso ao esquecemento de todo o acontecido mais non debemos olvidar nunca o que nos pasou e as circunstancias políticas que atravesamos naqueles días.
Temos a obriga, aínda hoxe, pese ao cambio radical no temón deste pequeno país, de seguir reclamando as medidas necesarias para paliar esa catástrofe e tamén aquelas outras que axuden a evitar novas traxedias, esto é: plans de continxencias, medios materiais e humanos, prácticas de simulacros, etc. e deste xeito, no caso de vernos ante a mesma adversidade, ter ferramentas e experiencia para afrontar o problema dunha maneira seria, minimizando o impacto do mesmo.
Non quixera no futuro -quizais non tan lonxano, esperemos que non sexa así- ter que volver sair á rúa a berrar contra estes novos gobernantes. Teñen unha gran oportunidade de cumprir as promesas feitas nese sentido, por favor, aplíquense o conto.
Asdo.
Fernán da Veiga.
Pd: Sirva esta mensaxe para que despois non se nos diga que calamos a boca.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário