27.11.05
Outono
Onte á noite fun tomarlle algo a un curioso café na Cruña. É un sitio particular e moi interesante por diferentes motivo. Para comezar: non poñen música en "vinganza" contra a SGAE pero aínda así ten ambiente, hai un aquel moi especial. Penso que niso ten que ver principalmente a simpatía da rapaza que o leva, dotada dunha simpatía natural, óptima para brindar un trato amable, de proximidade e confianza co cliente.
Unha das mellores cousas do café é que podes facer uso da biblioteca libremente, coller calquer libro, levalo para casa e devolvelo cando remates con el. Hai quen se anima e fai a súa particular aportación á causa, deixando máis libros dos que colle.
Eu escollín unha pequena escolma do día das letras e dentro del atopei este poema do poeta Luís Pimentel.
Non entendo moito pero debe ser bonito; digo isto pq. un ven sendo algo bruto e torpe e aínda así fun quen de sentir moitas cousas coa súa lectura.
Que o desfrutedes.
Asdo.
Eáns de Cotón.
"Outono, alto outono:
destilado licor.
Ela espida, limpa,
nun suntuoso cadro,
(luminoso marfín)
Quixera ser ámbar
a folla.
Se bateses o río,
sonaría a puro ouro.
Outono, alto outono.
Nada vibra
nin se derruba;
nada hai hostil na terra.
Sereo, terso ceo.
Non percureis agora
o misterio."
Luís Pimentel
Sombra do aire na herba
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário