8.11.05

Pesadelo

Imaxino que todo o mundo ten, dende a tenra infancia, algún que outro pesadelo recurrente que nos persegue unha e outra vez. O meu fíxome espertar máis dunha noite e tremer na cama até facerse día, sendo eu cativo, claro. Sempre transcorría da mesma maneira e no mesmo lugar. Eu baixaba unha costa a toda máquina na miña vella bicicleta, por un daqueles camiños de terra, unha corredoira ou pista para os carros, que logo foi lixeiramente ancheada para o paso das modernas máquinas e hoxe, por mor das contendas electorais, está xa asfaltada. No máis fondo da costa, había unha curva ben pechada e á beira dela, baixo un fermoso carballo, un enorme pozo de auga no que soñei caer e así afogar -dado as miñas poucas dotes natatorias non resulta moi extraño-. Ise soño, ese amarga pesadelo voltou unha e outra vez e non me deixaba tranquilo. Agora, despois de tanto tempo, aínda sinto un certo arrepio cando paso no meu carro por aquela paraxe. Como se tivese gardado o medo a que finalmente o conto se fixese certo e se tornase realidade. Quizais fose era unha advertencia ou... unha premonición. Imaxino -xa digo- que cada quen terá os seus temores, fundados ou non. Este foi, e segue a ser en certa medida, o meu. Asdo. Fernán da Veiga.

Sem comentários: