15.12.05

As Ilusións Perdidas Hoxe, 15 de decembro de 2005, probablemente rubriquei o fin dunha etapa da miña vida. E digo “probablemente” por unha máis que xustificada prudencia, producto de unha máis que dilatada experiencia universitaria. Parece que chega a xa máis que temida pregunta do “¿e agora qué?”... No meu caso esa pregunta xa me ronda a cabeza dende fai algúns anos… digamos que fun chegando a esta etapa da vida de maneira progresiva, aferrandome a esta última proba e demorándoa o máis posible de forma inconsciente, temendo o momento en que chegase. Durante todo este tempo funme decatando pouco a pouco de que agora, con case trinta anos, a vida e moi diferente a como eu a imaxinara. Todo aquelo que pensaba ser, facer, ter,… tódolos obxectivos que pensaba acadar quedaron en nada. Tódalas ilusións creadas foron diluíndose durante todo ese tempo ata desaparecer. Aquel neno que sabía moi ben o que quería ser de maior deu de fuciños coa realidade que pouco a pouco foi mostrando a sua verdadeira cara, tan diferente á imaxinada. Tódolos proxectos e ilusións que un vai formando no seu maxín quedaron arquivados nunha caixa de cartón cun letreiro que di: “TOP SECRET, o material que contén esta caixa é de acceso restrixido”, agardando o día no que poder abrila e facelos realidade. Ese día achégase, pero a caixa vai ficar pechada, porque todas esas ilusións desvanecéronse neste progresivo encontro coa vida real. Este último ano (o que culminou o proceso) a disolución foi completa, agora que se aproxima o momento temido, é máis temido ca nunca, porque xa non quedan ilusións para afrontalo. Despois virá un espazo, un “intre” atemporal cuio final só o marcarán as circustancias. Un tempo de incertidume tralo cal poder encamiña-la vida de cada un. Podo dicir, sen temor a trabucarme, que este 2005 que está a punto de rematar foi o meu particular “annus horribilis”, sen dúbida. Foi a culminación dese proceso de desilusión que durou varios anos e que me levou ata este momento particular da miña vida, polo que case todos pasamos a fin de contas (dunha maneira ou doutra), e no que me teño que enfrontar case sen argumentos ó xa coñecido “¿e agora qué?”. Por iso estou desexando que chegue a noite do dia 31, para enterrar ó ano 2005 no pasado e na historia, quedando só coas cousas boas (que tamen as houbo, non vaiades pensar) e coa ensinanza do sufrido, para que non se repita nunca máis. Lín nalgún sitio, non lembro onde, que comezar un ano novo é como estrear un caderno novo, coas suas follas brancas e lisas que arrecenden a papel recen cortado, no que escribir as verbas que contan a historia da nosa vida co sinxelo placer que da o facelo na esperanza de non cometer os mesmos erros do pasado. Pois ben, parece que xa chega o dia no que desfacerse deste vello caderno que estou a punto de rematar, que ten demasiadas paxinas cheas de tristuras, desilusións e desánimo e que ademáis están engurradas pola humidade de bágoas que levaban moito tempo acumulándose. Dentro duns días comezarei a escribir nun novo caderno, e para entón pode ser que xa me atope nese tempo de “incertidume” no que terei que renova-las ilusións e facer novos proxectos acordes coa nova situación e así dar resposta á fatídica preguntiña. Pero para entón saberei máis cousas da vida das que sabía antes, a fin de contas os males sufridos no pasado son a experiencia do futuro. Ademáis, pode que agora non teña ilusións, pero nunca perdín a esperanza de recuperalas… o tempo que me leve facelo,… iso é outra historia. Trasancos. P.D: Para todos aqueles que coma min, ainda non atoparon ilusións novas que substitúan ás que se perderon no camiño. P.P.D:Aquí viña a letra de unha canción que resumía moi ben como me sinto, pero ó final decidín que ficase só para min... sintoo, será doutra vez.

Sem comentários: