7.12.05
Terceira entrega
Os tempos deben ser chegados, non hai dúbida. Debemos estar ás portas da fin do mundo. É un feito innegabel. Doutra maneira non entendería que un individuo coma min andivese agora -aos meus anos!!- con lerias poéticas e cousas dese tipo. Debe ser a morriña do Outono que me ten trastornado e me trae a mal traer.
O poema que adxunto pertence, de igual xeito que os anteriores, á escolma da que xa vos falei eses días. Neste caso trátase dun poema do Celso Emilio.
Foi unha lástima non ter dado con el antes, era un bon substituto desa trapallada que escribín no seu día contra a violencia de xenero.
Asdo.
Fernán da Veiga
Muller
Esta frol derradeira, brando sono
das miñas outas noites, qué donaire
de leda campañía nun domingo.
Qué anada farturenta
os meus vellos amores sempre novos,
sempre distintos, sempre unha solpresa,
no fío do amencer entre bruidos
de tranvías que espertan a cidade.
Muller, irmá e nai, nada no aramio
dun lonxano teléfonoo do vento.
Voz querendosa de azas que acariña
os meus camiños tristes.
Esposa e filla, meus segredos
a cachón sobre a canle do meu peito,
dos meus ollos de terra
que o mesmo Dios labrou en mármol quente.
Eiquí estou i estarei por toda a vida,
agora un home, mañá cinza de estrela,
sempre fiel á frol dos meus amores,
muller, irmá e nai, esposa e filla,
catro voces nun beixo, catro patrias
nunha soia bandeira estremecida.
Celso Emilio Ferreiro
Do soño asulagado
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário