30.12.05

Chegou o día

O de hoxe foi un día para a historia, un día que moitos galegos e galegas non esqueceremos, un día onde por fin se cumpriu un soño que moitos tiñamos dende fai tempo. Máis de 60 anos fixeron falla para poder desfrutar do momento histórico de hoxe, pero ó fin, grazas ó cambio de réxime de mediados de ano (a caída do inmortal Fragasaurio), Galicia conta por fin con unha selección de fútbol. Sempre que chegaban estas datas de Nadal, os gustosos do fútbol viamos con tristura coma outras seleccións coma Cataluña, Madrid ou Euskadi xogaban bolos con seleccións estranxeiras e nós, tódolos anos, faciamos a mesma pregunta cara os nosos adentros: ¿cando poderemos nós tamén desfrutar dese pracer de poder ver á nosa selección, coas nosas cores, e escoitando o himno da nosa terra?. A resposta tivémola hoxe, o 29 de decembro dun 2005 que se vai, e onde por fin os galegos tivemos a honra de poder degustar ese momento. O rival era Uruguai, dúas veces campiona do mundo, un equipo que xa fora rival da antiga selección galega nos anos 20, pouco antes de que o Uruguai ganase os seus primeiros Xogos Olímpicos nesta disciplina do fútbol, anos antes de facelo tamén no Mundial de 1930. Era un rival significativo, xa que este foi un dos países de destino de moitos inmigrantes galegos na época da dictadura franquista de tan infausto recordo. A nivel futbolístico ben é certo que esta selección non é o que era, ademais de estar nun proceso de rexuvenecemento tralo fracaso de non clasificarse para o vindeiro Mundial de Alemaña deste próximo verán, iso si, contaba nas súas filas con xogadores de ascendencia galega, como non podía ser doutra forma. O resultado, os goles ou incluso os xogadores participantes son o de menos, pero penso que é obrigado destacar ilustres veteráns coma o mundialista céltico Xurxo Otero, que esperou a este día para poñer fin á súa carreira deportiva, o madridista Míchel Salgado ou o centrocampista do Rácing de Ferrol Juanito, pola labor durante moitos anos que viñeron facendo para que este día chegase, ó igual co deportivista Fran (non xogou por estar lesionado) ou o hoxe delegado desta selección, o ex do Celta e Compostela Nacho. Ademais, tamén hai que salientar o papel dun ilustre, Arsenio Iglesias, o pai do Superdepor; e de Fernando Vázquez á fronte do equipo dende o banco, aportando veteranía e clase no campo. O importante, sen dúbida, é a satisfacción de que por fin Galicia poida defender as súas cores nun campo de fútbol, escoitar o seu propio himno nun estadio onde a xente, con emoción, cante ó aire de Santiago, e poder ver un escudo dun país nunha camiseta, un escudo que hoxe representou, ante o mundo, a un pobo que, a partir deste feito, continuará cara o futuro coa cabeza ben alta, demostrando que esta sociedade progresa, e sobre todo, con todo un pobo galego orgulloso de pertencer a este país.

Sem comentários: