Di o libro gordo, ese que chaman Biblia, que Deus creou ao home e deste, partindo dunha costela, fixo á muller. O que non conta é que o demo - que de parvo non tiña un pelo- decidiu copiarlle a idea, adaptandoa aos seus propositos malignos. Así, baixo a apariencia feminina e as curvas de loucura e vertixe da muller, o demo creou a
muller serpe; non lle resultou moi díficil, todo hai que dicilo, a fin de contas o chasis era o mesmo... só lle fixo unhes axustes, unha mínima posta a punto, case como unha evolución natural do prototipo creado polo bondadoso Deus, iso que agora chaman "tunning".
O que non sabía o Belcebú é que a súa aprendiz o acabaría mandando ao paro, deixandoo sen choio; herdou del a súa maldade máis outras moitas artes que Deus lle concedera, sen sabelo, á muller. Acabou facéndose co goberno do negocio, mesmo ampliandoo tanto que fixo del todo un "holding" e agora, implantado en todas partes, chámanlle "Globalización & co".
O malpoucado demo traballa actualmente como presidente dunha gran potencia mundial e xa retirado de retos maiores, perde o tempo xogando ás guerras cando lle deixa a súa maligna creación.
Xa vedes... eu podía dar nomes de mulleres serpes pero, por prudencia ou por medo, non o vou facer... sería suicida. Hainas de lingua viperina,... outras de corpos escurridizos que atrapan a un home até afogalo,... outras cambian de pel unha e outra vez ao seu antollo e outras, as máis perigosas, son capaces de engulir un home inteiro, devorandoo lenta e paseniñamente.
Coidado coas súas mordeduras, son mortais por forza. Distinguilas das outras mulleres é unha arte complexa, require moita, moita experiencia,... só os máis destemidos se atreven con elas.
Asdo.
Eans de Cotón
PD: Non se me ofenda o conxunto das mulleres, non ten que ver con elas.
1 comentário:
Pois que queres que che diga... onte coñecín unha rapaciña felina, ardente e tentadora; quen me dera un só dos seus arañazos... pero iso está reservado para outra especie de homes.
Asdo.
Xoán de Requeixo
Enviar um comentário