30.8.05
Xa chegou....
Xa está aqui, pentando na porta, esa señora chamada Censura. Veu armada coa súa navalla de capador para cortarnos a liberdade de poder expresarnos ao noso antollo.
Fai o seu traballo de moi diversas maneiras: baixo o brazo armado e rexo do poderoso (a máis común) e baixo a aparente proximidade do amigo, escondida tras un traxe de complicidade, de familiaridade, se se quere. Estes dous son os seus ataques máis comúns mais non son os únicos, non esquecer iso.
As veces as súas armas son discretas; non sempre é preciso recurrir á métodos drásticos. Xa ela é ben sabedora das mellores técnicas a aplicar en cada caso. É unha dama vella, tan vella como sabia e escorregadiza; sempre aplica o "remedio" máis ao xeito a cada doenza.
Corre o telón cando lle interesa, sen esperar a que se dean por concluidos os actos; simplemente actúa, directa ou indirectamente, facendo que a persoa censurada pense, se mova e fale -consciente ou insconscientemente- como ela espera, seguindo os seus mandados, eliminando da súa memoria o significado da palabra liberdade, facendo del un autómata, convertíndoo nunha persoa temorosa, ameazada, coartada ante o constante "atente ás consecuencias"....
Actúa como o grao que o agricultor sementa no campo; o día escollido é prantada, logo agroma cativa e pouco a pouco vai medrando no interior da nosa mente até facerse co dominio e control da nosa intelixencia, da nosa vontade; Despois exerce o seu poder, facéndonos vivir encadeados a ela toda a vida.
Asdo.
Xoáncinho de Requeixo
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário